xoves, 13 de xuño de 2024

Obradoiros para o Voluntariado de 6º

 Olaaa,

Xa vos contei que o voluntariado da lagoa foi seleccionado dentro os dez mellores centros de primaria de Galicia. Como premio, teñen un obradoiro para aprender a facer vídeos promovendo libros e lecturas, o que se coñece como "Booktrailer". Como todos xuntos era difícil facer a formación, dividímolos en dous grupos, os de 6º por un lado e os de 5º por outro. 

Hoxe foi a quenda dos de 6º e non vexades o ilusionados/as que estaban. María Lobo, de Gingko, foi a encargada de ensinarlles e acompañalos nesta gran aventura. Con exemplos doutros centros viron que cousas podían facer.


Haberá quen pense que isto é chupado, que só hai que gravar e punto. Pois non, hai que saber que existen diferentes tipos de plano nisto do audiovisual, dependendo do que queiramos mostrar, que hai que facer guións do que se vai facer, en que orde, que debemos dicir e que non, elixir música, falar ben alto e non moi lonxe do dispositivo co que gravamos e mil cousas máis para que saia todo perfecto.



Pasar, dende logo que o pasaron MOI BEN, houbo pequenos atrancos nos distintos grupos por diferentes motivos, pero o traballo en equipo, algo que o voluntariado coñece tan ben, fixo que fosen quen de solventalos e chegar a bo porto. Porque moitas veces o mellor xeito de aprender é cando tes erros, pero o solucionas.

Catro grupos e catro vídeos. Fixérono eles e elas, organizar, filmar, montar, editar elixir música, revisar, arranxar algunha pequena desfeita e tirar cara adiante, presentando o produto realizado ao resto do voluntariado. Tamén foron críticos, co seu traballo moito máis que co dos demais e chegando ao límite das 14:15 a xornada rematou entre grandes sorrisos.









E como non podía ser doutro xeito aquí queda o seu traballo, para que vexades que pode que nun futuro non moi lonxano, escoitemos falar de actrices, de editores, de directoras... e poderemos dicir que aquí, na lagoa, apareceron as súas primeiras obras.


 

Bicos mollados e fachendosos.

Rosalía



Ningún comentario:

Publicar un comentario