Olaaa. Xa tivemos hoxe a charla de Margarita Vázquez Navarro,
doutora en Ciencias Físicas e traballadora do Eumetsat, a Organización Europea para a Explotación de Satélites Meteorolóxicos. O seu traballo é a teledetección, que consiste na
observación da Terra dende o espacio. Como ela traballa en Alemaña, a charla foi por vídeo conferencia, e dende varias aulas e a propia biblioteca escoitamos con moita atención.
Contounos por que
ela decidiu estudar a carreira de física, pois dende pequena sempre
se preguntou por que pasaban as cousas. A palabra alemá para dicir
“científico” é literalmente “O que quere saber”, que é
precisamente o que a levou a estudar e investigar. Unha vez rematada
a carreira, a súa curiosidade seguiu facendo que quixese saber
cousas e marchou a Munich (Alemaña) para facer o doutorado e tentar
saber por que as liñas dos avións, cando van polo ceo, ás veces
son moi longas, outras curtas, outras non se ven e que efecto tiña
isto no clima. Ensinounos fotos desas liñas dende a terra (que é
como as vemos sempre), e tamén dende o espacio, grazas ás fotos que
fan os satélites.
Despois do doutorado
continuou cos estudos de Post-doutorado no centro aeroespacial alemán
(DLR) investigando a atmosfera.
Explicou a
importancia dos datos que recabamos dende que hai satélites e como
con estes datos cada vez as predicións meteorolóxicas son máis
precisas. Tamén vimos fotos da Terra pero que tiñan unhas cores moi
raras, porque as cámaras dos satélites, que é dende onde se sacan,
teñen uns lentes especiais, que reproducen tanto as cores visibles,
como a temperatura ou unha mestura delas. Deste xeito poden
“atravesar” as nubes e poden distinguir a neve das nubes, por
exemplo.
Vimos como se manda
un satélite ao espacio, cun foguete que ten moitísimo combustible.
Na parte superior do foguete é onde se aloxa o satélite ata chegar
á súa posición, momento no que se desprende o tanque do
combustible e o satélite se desprega: xa pode empezar a enviar
información.
Preguntou se
sabiamos a diferencia entre tempo e clima, e esa si que a sabiamos: o
tempo é o que está a acontecer neste preciso instante, se chove,
venta ou vai sol; e o clima é o que pasa normalmente, que leva
pasando durante moito tempo. As predicións do tempo fanse analizando
cunhas súper computadoras que analizan milleiros de datos e que os
envían a aplicacións como as dos móbiles.
Aprendemos que
grazas aos datos recollidos, podemos saber con antelación se vai
haber furacáns, cara onde se dirixen, con que velocidade ou a
temperatura da auga do mar, que é coma o combustible que pode
acelerar e facer crecer esas tormentas.
Tamén a importancia
de ver nunha erupción volcánica cara onde se dirixen as nubes, pois
os avións se estropean se atravesan esas nubes, e así se lles pode
dicir por onde voar sen perigo. As tormentas de area tamén son
visibles e poden avisar á poboación para que se protexa. Unha
cousas moi curiosa foi saber que tamén poden avisar aos barcos, pois
ás veces esas nubes de area levan en suspensión nutrientes que
cando acaban no mar son fonte de alimento para os peixes, é dicir,
pódese saber onde van ir comer os peixes, así que os barcos
pesqueiros saben onde pescar.
Incluso grazas aos
satélites, a loita contra os incendios é mellor, porque poden
avisar de onde están os focos de lume máis potentes e se a
dirección do vento pode poñer en perigo ás brigadas que están a
tentar apagalo. E mesmo a calidade do aire é medible dende o
espacio, algo que se notou durante o confinamento, pola pouca emisión
de gases contaminantes a atmosfera.
Aprendemos que hai
dous tipos de satélites, uns que están “cerquiña” da Terra, a
uns 800 quilómetros, e que non paran de dar voltas ao noso arredor,
e outros que están a 36.000 quilómetros de altitude, nunha órbita
xeoestacionaria, observando sempre o mesmo punto da Terra. Ben, pois
cada un deles estuda cousas diferentes, e a mestura dos datos que dan
os dous é o que fai que melloren esas predicións. Eses datos
mándanos ás estacións da terra repartidas en varios países e
resulta que non tardan nadiña en chegar, como mandar unha mensaxe
polo móbil. Son analizadas no centro de control, onde non só miran
o que reciben, senón que tamén se preocupan de que os satélites
estean no seu sitio ou que se despracen se hai algo de chatarra
espacial, para que non choquen.
Os primeiros
satélites de meteosat foron lanzados ao espacio en 1979 e tiñan só
tres cámaras cada un, a segunda xeración de satélites é do 2002 e
tiñan arredor de 12 cámaras, e a terceira xeración, que se lanzou
en decembro do 2022, conta con 15 cámaras, algunhas delas preparadas
para observar e monitorizar os raios, pois canto máis forte é a
tormenta, máis aparello eléctrico ten.
En fin, que foi unha
charla do máis entretido e coa que aprendemos moitas cousas sobre o
tempo, o clima, os satélites e, sobre todo, que ter inquedanzas e
buscar o por que das cousas pode levarnos a traballar en algo tan
bonito coma a Teledeteción.
Non podemos rematar
este resumo sen darlle de novo as grazas a Margarita polo seu tempo
(atmosférico non, cronolóxico😁 ) para que parte do alumnado do
centro aprendese un pouco sobre este mundo. ¡¡¡MIL GRACIAS!!!
Bicos mollados.
Rosalía