domingo, 24 de abril de 2022

"Os tres Porquiños" polo voluntariado no Día do Libro

¡¡ Olaaa!!

Cumprindo o prometido aí tedes o vídeo que montei coas distintas fotos das actuacións dos Voluntarios da Biblioteca coma se fora unha actuación soa. Non é que me quedara perfecto, a fin de contas son unha ra, pero cada día tento facelo mellor.

A verdade é que temos que lles agradecer todo o traballiño que pasaron e sobre todo o ben que o pasamos mirando o espectáculo. A casiña do porquiño maior mesmamente parecía de verdade, de feito é tan grande que non nos cabía pola porta para levala á biblioteca, por iso a actuación foi nun dos recunchos de lectura que está no segundo andar.


¡¡Graciñas de novo a estes artistas!!
Bicos Mollados.
Rosalía

sábado, 23 de abril de 2022

Día Mundial do Libro, 23 abril 2022

 Bo día a todo o mundo📗📘📙📚📚


Realmente o Día do Libro é hoxe, pero coma é sábado, no colexio celebrámolo onte cunha chea de actividades.

Despois de que puxéramos no colexio as fotos que nos mandastes ao correo, houbo xente á que lle entrou o gustiño, e que decidiu facer unhas fotos para  completar o reto. Temos un vídeo con todas elas, para que poidades velas, porque entre outras cousas, o trasno das tecnoloxías gastounos unha pequena broma, e a foto que Manuela Maceira de 1ºC mandara para colaborar nesta proposta, perdeuse pola rede. Menos mal que Manuela preguntou pola foto e puidemos arranxalo. A foto de portada do vídeo é a dela, ¿a que sería unha mágoa que non a puideramos ver?




A todos aqueles que mandaron as fotos no prazo, o venres recibiron un pequeno agasallo coma agradecemento, agás Roi de 2ºB que estaba maliño na casa e Manuela de 1ºC que estaba a foto perdida. Non vos preocupedes, que tamén ides levar o agasallo.

Fixemos lecturas compartidas, dalgunhas clases foron ler a outras e podo dicir que o fixeron moi ben, atendían máis aos compañeiros/as doutros cursos que aos mestres/as😂😂


Fixemos marcapáxinas coa temático do noso PDI "Pasiño a pasiño, A Lomba no Camiño" e no infantil do Anexo, tamén fixeron unhas gafas de lectura, xa se sabe que a estas idades a presbicia ataca duramente😅


Os voluntarios da biblioteca de 6ºA estiveron todo o curso preparando unha representación dos "Tres Porquiños", lendo varias versións, construíndo as casas, escribindo o guión, ensaiando e por fín, onte, representando a obra para o alumnado de infantil e 1º ciclo da Lomba. ¡¡¡Estiveron fabulosos!!!

Mañá publicaremos a montaxe de tódalas fotos, porque pasaron media mañá representando a obra, de infantil a segundo, era só para infantil, pero colleron impulso e ... ¡¡Que voluntarios/as  máis riquiños!!

Bicos mollados.

Rosalía.

xoves, 21 de abril de 2022

Visita aos museos da Coruña do alumnado de 5ºC

 

Coa visita do alumnado de 5ºC hoxe a Coruña, dentro da semana adicada ao libro, cumpríronse varios obxectivos: Por unha banda as visitas aos diferentes museos da cidade, onde a lectura, como non, tivo unha parte moi grande e moi ilustrativa, como puideron comprobar na escaleira feita de libros no planetario, xogos de lectura adicados á xenética, lecturas dos paneis informativos... Por outra banda, coñecer outra cidade diferente á nosa, e as súas riquezas patrimoniais materiais, coma é a Torre de Hércules e as inmateriais, a lenda coa que Roque, nese precioso marco, tivo a ben compartir. Alí non o gravaron, pero quedaron tan contentos co que escoitaran, que lle pediron que o gravara na súa casa para poder compartilo con todo o centro, pois as lendas e a tradición oral foron os precursores das lecturas e non o debemos esquecer.

 






 Bicos Mollados.
Rosalía

¡¡Aquí están as vosas fotos!!

 Moitas gracias a todos/as os que participástes nesta proposta do Bookface, ata eu me animei.















 
Bicos mollados.
Rosalía



martes, 5 de abril de 2022

Propostas para o Día do libro

 Olaaa!!!

Á volta das vacacións de Semana Santa, imos celebrar no colexio o Día do Libro📚, pero coma este ano, o 23 de abril cadra en sábado, faremos varias actividades nesa semana curta. 

Para a primeira, precisamos da vosa colaboración. Queremos adornar o centro coas vosas fotos, pero non unhas fotos calquera, non, queremos que usedes os libros coma parte desas fotos, "bookface" chámase este tipo de montaxes como as que vedes nas fotografías de abaixo, onde varios mestres xa fixemos as nosas versións. Cun pouco de imaxinación veredes que non é tan complicado😉😉 Unhas risas si que se botan, para que mentirvos😂 Ata estou eu pensando se facer algunha...😛

 Unha vez feita a fotografía, que nas vacacións teredes moito tempo, enviádeas ao correo biblioteca.rosalia@gmail.com Tedes de prazo ata o martes 19 ás 12:00 Non esquezades poñer de que curso sodes e o voso nome ¡¡Agardo con moita ilusión as vosas fotos!!





E ide pensando tamén nun libro que vos guste moito, moitísimo e que pensedes que paga a pena lelo, para así o venres 22 traelo a aula, e contarlle aos vosos compañeiros e compañeiras de que vai e por que vos gusta tanto.

Bicos mollados.

Rosalía


luns, 4 de abril de 2022

Xa recolleron as pilas

Esta mañá xa viñeron dende PILABOT recoller todas as pilas que xuntamos das vosas casas. ¿A que non sabedes cantos quilos sumamos entre todos?  

¡¡¡243.90 quilos!!!!  

Gañar non sei se gañaremos, pero que evitamos que se contamine moitísimo podemos telo ben claro, e iso si, o medioambiente xa gañou coa nosa participación.


Lembrade que aínda que a campaña rematara, non quere dicir que agora poidamos tiralas ao lixo, non ho! hai contedores polo concello adiante, en varios supermercados, e coma seguro que para o ano volveremos participar, podedes gardar as caixiñas e ir enchéndoas na casa.

Bicos mollados.

Rosalía

sábado, 2 de abril de 2022

Dobre celebración hoxe sábado 2 de abril

 Hoxe celebramos o Día do Libro Infantil e tamén o Día Mundial de Concienciación sobre o Autismo.

 
 Como en anos anteriores, o IBBY (International board on books for young people) chama á conmemoración deste día, data de nacemento de Hans Christian Andersen. O obxectivo é promocionar os bos libros infantís e xuvenís e a lectura entre os máis novos
A sección patrocinadora deste ano é Canadá que difunde a mensaxe de Richard Van Camp e o cartel de Julie Flett
GÁLIX, Asociación do Libro Infantil e Xuvenil, facilítanos a tradución ao galego de Mercedes Pacheco.  
 

 

Neste enlace podedes acceder ao texo que dende a Asesoría de Bibliotecas facilitan https://www.edu.xunta.gal/biblioteca/blog/?q=node/1621


No tocante á concienciación sobre o autismo, dende orientación fixeron este mural tan bonito e dende a biblioteca puxemos ao alcance da vista unha pequena escolma de diversidade, pois todos temos cabida nesta Lagoa que é a biblioteca.
 

Bicos mollados.

Rosalía


venres, 1 de abril de 2022

¡¡¡¡XA CHEGOU!!!

 Xa está na biblioteca, na nosa Lagoa, a impresora 3D. 

Primeiro retrasos polos compoñentes da impresora que viña de China, despois tristemente todo o problema da Guerra en Ucrania e por último a folga dos camioneiros. Contra vento e marea xa a temos aquí.

Non causou pouca sorpresa cando se achegaron mirar que era aquilo que non estaba o día anterior na biblioteca, que ocupaba tanto espazo, que facía ruído e se estaba a mover todo o rato😂😂


 






Quedaron sen saber que era o que se estaba a imprimir, pois xa era hora de marchar a casa. O luns seguro que queren voltar e saber que é a primeira figura que sae dela. e será a primeira da moitas cousas que imprimiremos, para algo a temos no espazo fedelleiro da nosa biblioteca creativa.

Bicos mollados.

Rosalía