mércores, 21 de xuño de 2023

¡¡¡VACACIÓNS!!!

 Pois si, parece mentira o rápido que pasou o curso e mira que fixemos unha chea de cousas. Aprendemos un montón sobre os medios de comunicación, tivemos programas de radio en directo, exposición de sellos de correos, as abellas e as pombas mensaxeiras, as campás, programas de vídeo... e polo medio como usar as placas makey makey, as microbit, os e-téxtiles, os clubs de lectura, os voluntarios e voluntarias, as mellores lectoras e lectores... é que non paramos!!!

Agora toca descansar e repoñer forzas cara o vindeiro curso, que en canto nos deamos conta xa está aquí.

Por se alguén esquece ou perde as recomendacións lectoras que dende esta lagoa mandamos ao final de curso, deixamos aquí unha copia, que tempo ha de haber para mil cousas, entre elas, LER.

¡¡¡Bicos mollados!!! ¡Pasádeo ben!

Rosalía

martes, 20 de xuño de 2023

Club de lectura e mellores lectores e lectoras

Se xa onte estaba toda emocionada coa entrega de diplomas do voluntariado, hoxe foi por partida dobre. Por unha banda, unha vez mirado o programa Meiga, que é co que facemos o préstamo nesta lagoa, tivemos 14 persoas que levaron ás súas casas máis de 20 libros, e isto ten un premio. A mellor lectora foi Mía D'innocenzo e a que máis libros compartiu coa familia, Yanira Alves.


Por outra banda, as persoas que participaron nos diferentes grupos do club de lectura, "Debullando contos" tamén recolleron os diplomas e os pequenos agasallos que se lles entregaron como recoñecemento a tantos recreos debullando. Dende aneis de Naruto a marcapáxinas de Harry Potter feitos na impresora 3D do centro. A biblioteca é un círculo que se retroalimenta.

Da gusto ver tanto alumnado interesado na lectura e mirar as súas caras de alegría💘💘

Agardamos ver moitas destas caras o curso que ven, maila que sabemos que o alumnado de 6º non poderá, que comezan unha nova andaina no instituto. Igual que lle dixen onte ao voluntariado, espero que alí tamén poidan participar da vida da biblioteca escolar.

Bicos mollados.

Rosalía


¡Que rico!

 Bo día, ¿non vos parece que estes cociñeiros de 1º A son uns artistas?

¡Que pintaza teñen estas magdalenas! 😋 E o ben que o pasaron😅






¡Que aproveite!

Bicos mollados.

Rosalía

luns, 19 de xuño de 2023

Diplomas ao VOL-A

 ¡¡Estou moi emocionada! Hoxe no recreo Mariel e mais eu fixemos entrega dos diplomas ao voluntariado que durante tantos recreos e parte dos plans lectores, así coma outras horas perdidas cando foi preciso, axudaron a que esta lagoa funcionara tan ben durante o curso. 

Ordenaron os andeis, fixeron cartaces, decoraron, fixeron lecturas compartidas cos pequenos, levaron os libros aos recreos, ensaiaron para ir ao centro de día, para que viñeran os pequenos da gardería ao noso centro, opinaron sobre posibles adquisicións de fondos...

Algúns deles e delas xa nos abandonan, pois rematan 6º e comezan unha nova andaina no instituto. Seguro que alí tamén buscarán un oquiño para visitar e axudar na biblioteca, unha vez que se empeza non é doado saír.


Non podo rematar o curso sen dicir ben alto: ¡¡¡GRAZAS!!! a todas e cada unha das persoas voluntarias que compartistes o voso tempo comigo💗💗💗

Bicos mollados.

Rosalía

venres, 9 de xuño de 2023

Vilagarcía, Cidade de Libro

 Olaaa! desta volta veño para vos contar que en Vilagarcía estamos contentísimos de que se fagan actividades que teñan que ver coa lectura e cos libros.

Do luns 12 ao domingo 18, a semaniña enteira, vai haber actividades para todos os gustos e todas as idades na praza da II República e no parque Miguel Hernández.

Para os colexios hai actividades polas mañás e alí tentaremos estar.

Deíxovos o programa para que  poidades velo e animarvos a vos achegar.









Bicos Mollados.

Rosalía

xoves, 8 de xuño de 2023

¡¡¡Parabéns, Izan!!!

 Olaaa. Que chimpo de alegría levei cando me enterei de que Izan Teijo Abalo, de 6ºC quedara campión galego do concurso "Ahora vamos andando al cole" que organizan Stop Accidentes e Fundación Mapfre.

Nada máis e nada menos que 6.000 debuxos foron os que participaron en Galicia e agora vaise medir con 20.000 de toda España.

A entrega tivo lugar no patio do Anexo e os representantes de Stop Accidentes e Fundación Mapfre coa presenza do Alcalde, a concelleira de mobilidade e a Xefa territorial  de tráfico, estiveron no acto de entrega do diploma e  da bicicleta. Xunto ao chaleque e casco, xa puido empezar desfrutala no patio do colexio, véndose rodeado dos compañeiros que non podían menos que felicitalo.

PARABÉNS.


Bicos mollados.

Rosalía

mércores, 7 de xuño de 2023

PDI de Infantil

 Olaaaa, aquí está o que nos mandan dende o ciclo de infantil.

4º EDUCACIÓN INFANTIL

Neste curso comezamos a investigar e traballar sobre os medios de comunicación no 3º trimestre.

A actividade principal foi a creación do noso xornal de aula. Primeiramente observamos diferentes xornais e identificamos as características principais: titulares, noticias, pe de foto, data, páxina...

Realizamos clasificacións de noticias: de Galicia, Arousa, deporte, tempo, pasatempos...

Por último elaboramos o noso propio xornal coas noticias máis salientables da nosa escola: visitas, excursións, obradoiros... e expuxémolo na aula e no corredor.

5º EDUCACIÓN INFANTIL

Neste nivel abordamos no primeiro trimestre as actividades relacionadas cos medios de comunicación.

Elaboramos o noso propio xornal. Partimos da análise e reflexión do formato dun xornal, principalmente da páxina principal: características, anuncios, data, etc. Reflexionamos sobre a súa funcionalidade e usos. Investigamos sobre o que era o titular, o pé de foto, etc. Pedimos as familias una fotografía do verán, que serviu de base para elaborar as noticias e o noso particular xornal que posteriormente se expuxo na aula e se lle fixo chegar as familias.

Realizamos entrevistas. Investigamos sobre as persoas que traballan no xornal e convertémonos en pequenos xornalistas. Todo o alumnado foi entrevistador e entrevistado. Cada día o axudante do grupo se disfrazaba e era entrevistado polos seus compañeiros: conto favorito, comida preferida, etc.

Fixemos o noso dicionario. Buscamos letras nos titulares das noticias para compoñer o noso pequeno dicionario.

Tamén reflexionamos e debatemos sobre os outros usos e funcionalidades do xornal: para reciclar, para protexernos do sol, para secar flores, para absorber auga cando se nos cae ao chan, para divertirnos, para facer prismáticos, barquiños de papel, festa de bolas, etc.

Elaboramos barcos, avións, chapeus con xornais.


 Outra actividade realizada foi a reciclaxe de papel. Comezamos investigando e debatendo sobre como elaborar papel reciclado. Despois pasamos a realizar todo o proceso (esmiuzado, triturado, cribado, prensado, secado). Despois usámolo para decorar a tapa do caderno doutro proxecto.

6º EDUCACIÓN INFANTIL.

Tamén neste nivel comezamos a investigar sobre os medios de comunicación no primeiro trimestre.

Centrámonos principalmente na elaboración dun xornal.

Comezamos observado as distintas seccións dos xornais e principalmente a súa primeira páxina. Comparamos os xornais locais cos nacionais. Eliximos un tema entre todos. Cada neno explica a noticia relacionada coas súas vacacións de verán e despois escríbea.

Por último fixemos un mural coas noticias aportadas por todos e expuxémolo na aula.

No primeiro trimestre tamén realizamos papel reciclado a partir de xornais que despois utilizamos para outros usos como poñer o noso nome en exipcio e distintas manualidades.

O alumnado de 4º,5º e 6º do ANEXO realizou unha visita a redacción do xornal local “ DIARIO DE AROUSA”

VALORACIÓN:

A valoración por parte dos tres niveis é en xeral positiva.

As actividades foron motivadoras e fomentaron a creatividade e o traballo en grupo. Os nenos e nenas tomaron conciencia da importancia dos medios de comunicación, especialmente do xornal.

Cumpríronse os obxectivos propostos aínda que algunhas das actividades previstas coma as relacionadas coa radio non houbo tempo a realizalas.

E aquí queda o vídeo para que vexades canto traballiño pasaron!!!

Bicos mollados.

Rosalía

luns, 5 de xuño de 2023

Xa temos unha estrela co nome do CEIP A LOMBA

 Olaaa. E non é un xeito figurado de falar, non, temos o certificado que o proba. Alumnado do anexo participou no concurso Pim Pam Experimenta da TVG e lle gañaron a outro centro. Ao noso alumnado tocoulle o número Pi e ben que o defenderon. Como premio, o nome do colexio no ceo😍 Non podemos chegar máis alto😂


Parabéns!!!

Bicos mollados.

Rosalía

PDI de 5ºC e 6ºC

 Boas tardes. Os que nos contan as experiencias son nesta ocasión os de 5º e 6º do Anexo.

Os alumnos de 5º C e 6ºC realizaron a meirande parte das propostas mencionadas na PXA relacionadas co PDI , Dende A Lomba para o mundo. Destacando actividades coma a análise do periódico cunha visión ampla do mesmo así coma procurar unha ollada crítica das noticias.

Destacar a participación dos alumnos de 6º C no concurso de oratoria da Fundación Barrié, quedando no primeiro lugar na ronda inicial, competindo con moitos colexios.

 


Descubrimos os selos coma pago por realización do transporte dunha mensaxe en forma de carta e coma máis salientable o seu gran valor cultural, selos de acontecementos importantes, de xeografía…

 

Os alumnos de 5º C realizaron lecturas con mensaxe inclusivo aos máis pequenos do centro.

 

 Coa lectura do libro O misterio das badaladas, descubrimos un dos medios de comunicación máis antigos ; o son das badaladas.

E cun son rápido e alegre despedímonos deste curso 2022-2023.

Bicos mollados.

Rosalía