Si!!! chegaron as vacacións de Nadal, tempo de compartir, de poder estar na casiña, coa familia, sen clase, pero non por iso sen lectura.🌲🎄🎅🎉
Cando escribades as cartas pedindo agasallos non vos esquezades dos libros. Por se non tedes claro qué pedir, como todos os anos levades para casa unhas recomendacións lectoras, e como todos os anos, por si coas presas do último día, perdedes ou esquecedes as recomendacións, aquí volas deixo en cor.
Hoxe por fin fomos ao Centro de día que está na rúa Bosque dos Desamparados, xunto ao ladiño do colexio. Xa vistes o outro día como estabamos a ensaiar, pero hoxe xa non houbo ensaio, foi o directo!!!
Tiñamos un buzón de correos para que todo aquel que así o quixera, puidera escribir unha carta, unha postal de felicitación, un debuxo... e os voluntarios/as da biblioteca achegarían todo o que alí se botara.
Foi un éxito, non dabamos recollido tanta carta, nótase que estamos a traballar os medios de comunicación no noso PDI e que ninguén quería perder unha oportunidade coma esta.
Cando chegamos aló, presentámonos, presentáronse e lemos algunhas das felicitacións. Quedaron moi contentos/as e nos pediron que vos deramos as gracias por tanta correspondencia, porque ían ter moito que ler. Cantamos co xilófono e máis coa pandereta o que ensaiaramos, pero despois nos viñemos arriba e cantamos tamén "Pero mira como beben" e a verdade é que non saiu nada mal.
Contáronnos como era o Nadal de cando eles eran pequenos, que ninguén lle escribía a Papá Noel, só aos Reis Magos, e que se cadra viñan, se cadra non, pero que disfrutaban moito estando en familia.
Quedamos moi contentos coa visita e queremos que veñan ao colexio para ver como nos disfrazamos polo Entroido e nós voltar ao centro polas Letras Galegas.
Como non podía ser doutro xeito, sende este ano o noso PDI sobre os medios de comunicación temos no colexio paparazzi. ¿e que significa isa palabra? Pois "Fotógrafo de prensa especializado en tomar fotos indiscretas de persoas famosas".
Mentres o voluntariado de biblioteca ensaiaba unha das panxoliñas que vai cantar no Centro de Día aos maiores que alí están, un destes paparazzi filmou un anaco deste ensaio, porque por suposto, ¡¡o voluntariado desta lagoa é moi famoso!!!😎😎😎
Para vos dar máis información, o título da panxoliña é "Imos logo".
Tristemente un ano máis celebramos no noso centro o 25N, ¿e por que digo tristemente? porque é unha data que se a xente tivera cabeciña, non habería que sinalar no mapa.
Aínda que dende o equipo de igualdade parten as ideas para esta celebración, a nosa Lagoa non pode quedar fora, e e coma tódolos anos propoñemos lecturas que axuden entender un pouquiño máis o sentir desta data e os nosos expositores énchense de libros que voan cada vez que un grupo entra na biblioteca.
No caso dos terceiros, o seu favorito segue a ser "Peugo, o calcetín melenudo". Dende que o ano pasado a súa escritora estivo presentándolles a súa obra, pouco para na biblioteca, en canto un o devolve, xa vai para outra casa. "O chuvasqueiro de Aurora" é outro dos seus referentes.
Deíxovos un pequeno vídeo do aproveitamento do mural que o alumnado de 3º A fixo xunto coa actividade de todo o centro.
Hoxe é luns!!! e desta volta os afortunados que puideron contar co alumnado voluntario da biblioteca para as lecturas nas súas aulas foron os de infantil de 4 anos e os de 2º. Como a semana pasada, os libros foron: "El niño que no quería ser azul,
la niña que no quería ser rosa", "Lalo, el príncipe rosa", "Pecas" e
"Guapa" para que todos poidan ter a oportunidade de escoitar estos contos. Iso si, coa emoción, esqueceron levar postos os petos de axudantes da Lagoa😂😂😂
Hoxe foi o turno dos de 6º que levaron para a súa casa os libros de "Escarlatina, a cociñeira defunta". Coma sempre que lles presentamos este libro, ao principio dalles un pouco de aquel, pero conforme van sabendo de que trata o conto, xa muda a súa expresión e queren levalo. Este ano procuraremos facer algunha das receitas do alén, para comprobar se saben a morto ou a vivo. Cando xa marchaban, decatámonos de que non fixeramos ninguha foto, así que polo aire pillei aos últimos que saían da biblioteca e fixemos a foto. Para o vindeiro día, tentaremos facer máis.
Hoxe os voluntarios e voluntarias da Lagoa empezaron a súa andaina contándolles historias ao alumnado de 5 anos e de 1º da Lomba. Os libros elexidos nesta ocasión foron: "El niño que no quería ser azul, la niña que no quería ser rosa", "Lalo, el príncipe rosa", "Pecas" e "Guapa"
Olaaa! Aquí chegou o Magosto e comimos castañas!!!!
Este ano foi o mesmo día nos dous edificios, pois o Concello tiña dúas parrillas para nos prestar e usar á vez. O alumnado de 6º, como son os maiores do cole, fixeron de mestres de
cerimonias e lles explicaban ao resto do cole como xogar en cada un dos
xogos.
No edificio da Lomba papamos castañas, papamos boliños (que fixeron o día anterior os alumnos e alumnas de 3º) e xogamos no patio, ¿que máis se pode pedir? ¡¡¡Pois que non nos chovera!!!
Por quendas baixamos ao patio onde os da Anpa axudaron repartindo os boliños e as castañas ben asadas e ben ricas que grazas a Ricardo, que pasou a mañá dándolle voltas ao veo, comimos. Aquí queda un pequeno vídeo para que o vexades.
No anexo tivemos a visita do alumnado do CEE, recuperando a celebración conxunta que o Covid impediu os dous últimos anos. ¡¡Canto os botabamos de menos!! Troouxeron castañas para que entre todos tiveramos máis cantidade para comer. Tamén alí a Anpa botou unha man para repartir as castañas que Eduardo asou con moita maña.¡Que ben o pasamos! Deíxovos outro vídeo para que o comprobedes.
Si, si, xa chega, mañá celebramos o Magosto nos dous edificios, con castañas, por suposto, e xogos.
No Anexo van ter a visita de alumnado do Centro de Educación Especial para compartir a mañá.
Na Lomba ademáis, comerán boliños preñados, xa que dende a Anpa colaboraron, xunto con Rubén , o cociñeiro, para que non faltasen, como viña sendo xa tradición. Nesta ocasión foron os alumnos e alumnas de 3º os que adicaron unha hora da mañá aprendendo como facelos e mañá veremos como están de ricos.
Aprenderon o primeiriño de todo, que para cociñar hai que lavar moi ben as mans, despois como amasar para estirar ben a masa e poder poñer dentro o trozo de chourizo, para a continuación envolvelo ben. Non perderon ocasión de repasar C. Naturais, pois cando Rubén lles contou que a masa tiña levadura, sabían que era do reino dos fungos, pero aprenderon que se non hai unha temperatura axeitada, a masa non fermenta. Por iso ao rematar a faena, gardáronse na neveira, porque non levedarán, e así mañá pola maña, ao poñelos morniños crecerán ata o dobre e xa poderán ir ao forno, para poder papalos.
Tamén aprenderon que despois de cociñar, que é a parte divertida, tamén toca limpar, parte que a algún case que lle gustou máis que o de cociñar, pois houbo tantas peticións para coller os panos que parecía que eran chuches.
Este luns comezaremos cunha actividade coordinada dende o equipo de Biblioteca e o equipo de Igualdade-Convivencia cos voluntarios de 5º e 6º. Irán ás aulas dos de 4 anos, 5 anos, 1º e 2º de primaria no plan lector e lles lerán un conto a aqueles grupos que estean interesados.
Como nesta lagoa temos un feixe ben grande de contos📗📘📙📕📚, aproveitaremos para que leven algúns que falan da igualdade de xénero, de respecto e convivencia, de emocións, ecoloxía, inclusión, diversidade de familias...
Os rapaces e rapazas de 5º do Anexo foron ás aulas dos de 1º e 2º para lles contar a historia de "Corre, corre cabaciña" moi apropiada polo Samaín. Nin tempo tiven de poñer as fotos da cantidade de cousas que estamos a facer.
Estiveron moi atentos e a experiencia gustoulle a todo o mundo, así que os maiores ameazan con voltar con máis historias 😂😂😂
Hoxe foi un día moi especial. A profe Araceli, unha das profes de PT, unha das profes do equipo de biblioteca con quen tantas horas teño pasado aquí na miña lagoa, xubílase🎉. Estou moi contenta por ela, que ben merece ter todo o tempo para ela e para a súa familia, pero moi triste á vez, por deixar de compartir estes ratiños entre libros, texolos, fixo, risas...
Como non podía ser doutra maneira, quixemos despedila como se merece, cunha grande ovación, porque non so é unha profesional tremenda, sempre preocupada polo seu alumnado, é sobre todo, unha moi boa persoa e compañeira. A cantidade de aplausos, apertas e choros que todos aqueles que ben a queren, ben se ven nesta montaxe.
Araceli, por favor, ven ata o colexio de cando en vez para nos visitar, que esta lagoa sempre será a túa casa.
Por fin deixou de chover nos recreos e hoxe, xoves, os voluntarios da biblioteca levaron os libros ao recreo. Coma primeiro día non estivo nada mal. Despois de avisar por megafonía de que os voluntarios saían ao patio, que os buscaran que estaban cos petos de cor amarela, comezou a andaina deste curso.
¡¡Boas
tardes!! e vos preguntaredes que por que empezo así esta entrada...
moi sinxelo. Xa gravamos o programa de radio no ximnasio con motivo
do noventa aniversario da chegada da radio a Galicia É unha
colaboración entre Radio Ondiñas e o alumnado de 6º que fixeron as
entrevistas axudados por Amparo, locutora profesional. O Programa
"Emociónate coa radio" o título desta experiencia.
Ademais de vivir en directo a gravación do programa, estiveron
aprendendo como se preparan as entrevistas, as gravacións no
exterior, a escaleta, as partes das que consta o programa...
Despois
de escoitar as lembranzas vividas arredor dun aparello de radio pola
veciñanza, comezaron as entrevistas no "estudo" Os
primeiros invitados foron Paola María, concelleira de urbanismo e
Miro Senén, concelleiro de educación que falaron da aposta
polos camiños seguros para chegar ao s colexios e dos carril bici
para os desprazamentos. O seguinte invitado, xa que falamos de
bicicletas non podía ser outro que Gustavo Cesar Veloso, ex-corredor
profesional e gañador de varias etapas da Volta a España e da de
Portugal e veciño noso de Bamio, con quen falaron da súa vida
profesional e o gusto pola bicicleta. Do deporte pasamos á música e
o convidado foi Jesús Nogueira, músico e director da banda de
Música de Vilagarcía que falou da súa paixón pola música e do
tempo que leva unido a ela de xeito profesional.
Para
rematar o programa, o último bloque foi entrevistas dentro do propio
centro, ás mestras encargadas da coordinación do programa, Marta
Novoa e Mónica Alba, que pasaron de estar na zona de preparación á
de entrevistadas, a alumnado de 6ºB lendo un conto inventado por
eles "Sons estraños", a Rubén García, cociñeiro do noso
centro, (que fai que aínda que eu non coma o mesmo ca vós, cando
chega o arrecendo á biblioteca téñome proposto cambiar a miña
dieta de insectos🐛🐜🐝🐞 polas vosas🍖🍞🍛) e á nosa directora Chus Montáns con
quen rematou este programa.
O
alumnos e alumnas do centro fixeron de público desta gravación,
entrando por quendas de bloque en bloque, aprendendo a importancia do
silencio en situacións coma estas.
En
fin, que foi unha experiencia chulísima dentro do noso PDI “Dende
a Lomba para o mundo” e que en canto teñan editado todo o
programa, poñerémolo á vosa disposición para que poidades
apreciar todo o traballiño que supuxo para estes rapaces e rapazas o
achegamento e aprendizaxe sobre o mundo da radio, como medio de
comunicación. Mentres, para abrir boca, deíxovos un pequeno vídeo coas imaxes desta gravación.
Dentro do noso PDI
sobre os medios de comunicación, temos nestes días no colexio unha
exposición de cartelería e de aparellos de radio e máis
magnetófonos antigos, que o persoal de Radio Ondiñas trouxo
para que puidéramos aprender un pouco sobre “A Radio” e un
pequeno vídeo onde nos mostran como as ondas viaxan polo aire de
diferente xeito se falamos de onda curta, media ou frecuencia
modulada. Aquí tedes a alumnado de 3º visitando a exposición, como tamén celebramos o Samaín, vémolos cos disfraces postos, non vos asustedes.
Son moi interesantes e o
noso alumnado está a aprender un monton de cousas. Ademais os de 6º
están a preparar un programa de radio que se vai grabar no ximnasio
e no que se entrevistará a moita xente, polo de agora non poido
contar máis. 🙊
¡Que contenta estou! Xa comezou de novo o club de lectura e como non podía ser doutro xeito, xa que os de 4º de este ano estaban esperando como tolos poder participar no noso club, foron os primeiros desta nova tempada.
Aproveitando que a biblioteca está toda decorada, entraron as escuras, so iluminados polas cabazas lanternas que alí os agardaban... unha vez sentados, unha música empezou soar... 🎼🎶🎵 Preme aquí
Rapidamente imaxinaron con quen tiña que ver o libro que ían ler e os berros de emoción fixeron pensar que algo de moito medo estaba a suceder alí dentro. "Harry Potter e a Camara secreta" é o título escollido para dar comezo a este club. Algún xa non quixo agardar a que rematara a reunión e comezou lelo sen escoitar nada máis😂😂😂
Aquí os temos nesta nova andaina, esperamos que lles preste a lectura.
Parte do voluntariado estivo a decorar a biblioteca para que metera un pouco de medo. Temos todo cheo de vampiros, arañas, fantasmas, cabazas, esqueletes, sangue... e cartelería coa que pasaron moitos recreos para que luza así de ben.
Hoxe, 24 de outubro é o Día das Bibliotecas e arrincamos a viaxe das nosas "Mochilas Viaxeiras" da man dos nosos voluntarios/as. Foron polas aulas explicando o seu funcionamento, por se alguén dende o curso pasado o esquecera e a presentar de novo que os luns e xoves que baixemos ao patio poñeremos en funcionamento o bibliopatio. Por mor da choiva, non puidemos estrear o noso "Bibliopatio", pero en canto escampe, sairá ao recreo de novo.
Dentro de moi pouco estaremos a celebrar o Samaín e a biblioteca, como non, quere que teñades xa á vosa disposición unha chea de contos moi adecuados a estas datas. ¡¡¡Desfrutade!!!
Despois de varias reunións onde Mariel lle explicou ao alumnado de 5º e 6º da Lomba que ofertabamos de novo a participación como voluntarios da nosa Lagoa, e que estes levaran o contrato de participación ás casas, comezamos a nova andaina.
Hoxe estiveron de 5º A axudando para poder poñer en funcionamento o Bibliopatio e as mochilas viaxeiras, que arrincarán o luns 24 coincidindo co Día das Bibliotecas. O que tal traballaron neste recreo!!! Daba xenio miralos/as.
Canto vos botei de menos nestas vacacións😊, e iso que tiven tempo de viaxar✈🚐⛵, ler📚, debuxar📏📊 e sobre todo pensar. Pensar en que grazas ao blog desta miña/nosa lagoa, estamos sempre informados e informadas de todo o que acontece por aquí.
A ver se sodes quen de adiviñar con este debuxo en forma de selo e as imaxes que dentro del aparecen, sobre que imos investigar este ano no colexio.
En dous días xa nos vemos, agardo nervosa o momento.
Todo o que empeza ten que rematar. Un ano máis coa chegada das vacacións de verán, dende o equipo da biblioteca, mandamos unhas recomendacións para este tempo de lecer. Agardamos que vos gusten. Xa sei que as levastes en papel para casa, pero como xa sabemos que hai despistes e perdas, aquí quedan para que poidades botar un ollo en calquera momento.
¡¡Menuda mañá de axetreo que me trouxen!! Hoxe fixemos entrega na biblioteca, o recoñecemento ao Voluntariado de 6º que levou un diploma e máis un agasallo pola súa colaboración. Faltaban algúns que non viñeran hoxe ao colexio, pero non marcharán do centro sen levalos.
Por outra banda, chamamos aos membros do clube de lectura, pero algúns cos nervios de que só queda un día de colexio, nin escoitaron, e non se achegaron á biblioteca, e non sería porque non soara ben alto cando os convocou a profe Mariel por megafonía... O caso é que tamén quixemos darlles un pequeno agasallo feito na impresora 3D do colexio. Aos integrantes do clube de lectura de narrativa un marcapáxinas con forma de ra, coma mín, e aos do clube de manga un chaveiro dun suriken de Naruto. Para todos, ademais un pequeno caderno e un lapis para apuntar o que queiran.
Coma colofón, quixemos que os alumnos e alumnas que levaran en préstamo para a súa casa o maior número de libros tiveran tamén un diploma e un marcapáxinas e a rapaza que máis libros leu de todo o centro, Ainhoa Jiménez Cano, ademáis levou un vale para mercar o libro que máis lle gustase nunha libreria. Cando fomos facer a foto, decatámonos de que Roi de 6ºA, xa marchara, pero tamén el foi un dos máximos lectores, cousa que non lle sorprendeu a ninguén.
Para quen non o saiba, dende febreiro grazas a Mónica, a orientadora, estivemos tendo nalgúns recreos uns talleres sobre o cubo rubik para o alumnado de 5º de primaria. Neles aprenderon como facer os distintos cubos que hai, que o máis coñecido é o de 3x3, pero hai unha chea deles (é que eu aprendo moitas cousas na biblioteca, non sabedes a sorte que teño).
Hoxe, como remate aos talleres, visitounos Antón Valdivia Pereira, un alumno do Ceip Piñeiriño, tamén de 5º de primaria. Leva dende outubro colecionando cubos e mellorando as súas marcas. Hoxe falounos sobre o creador do cubo (Ernö Cubik) e dalgúns youtubers "cuberos". Ademais díxonos que o importante para facer o cubo, ademais do cubo, é ter moita paciencia, practicar, confundirse e aprender os algoritmos.
Amosounos a súa colección e puidemos ver como resolvía o 3x3 en 31 segundos (ten o seu record en 21 segundos!!!)
Esperamos para o vindeiro curso seguir co obradoiro e poder facer máis actividades con alumnado e profesorado doutros centros da vila.
Victoria da Silva Diz, científica de Carril, investigadora na universidade de Rutgers (New Jersey), estivo no noso centro para informarnos de cal é o seu traballo. Investiga sobre leucemia. Así que dun xeito sinxelo, tranquilo ameno e sobre todo moi didáctico falounos do sangue, dos seus compoñentes, das súas múltiples funcións e da grande importancia que ten na nosa vida. Tamén deu algunhas pautas para manter unha boa saúde e falou da importancia de previr a enfermidade adoptando hábitos saudables. Os alumnos e alumnas (tamén eu), estivemos moi interesados nas súas explicacións e quedamos moi sorprendidos ao nos enterar de que temos uns 5 millóns de glóbulos vermellos por milímetro cúbico de sangue, de que os glóbulos vermellos non teñen núcleo e de que tódalas células do sangue se producen na médula ósea, ¡dentro dos osos!
Victoria programou unha cromatografía para facer na aula. Previamente á realización da mesma explicou os distintos pigmentos que poden conter as follas das plantas, pero que normalmente quedan ocultos pola clorofila, xa que destas hai moitas máis. Tamén explcou porque no outono as follas viran cara ao amarelo e caen.
¿Como descubrimos que nas follas hai máis cores que o verde que vemos a simple vista? Machacamos as follas de espinacas, puxémoslles alcohol, filtramos o líquido e, no líquido filtrado, introducimos un papel absorbente para que os diferentes cores cores subisen por el e se oredenaran, ¡Fixérono! Unha vez rematado o experimento todos puidemos comprobar que nas follas de espinaca hai, alomenos, tres pigmantos, dous verdes e un amarelo. ¡Foi realmente alucinante! ¡Parecía máxia!
Na vindeira semana, do 13 ao 19 de xuño volve "Vilagarcía, Cidade de Libro"
Alumnado do noso centro irá facer unhas xincanas divertidísimas sobre libros e lecturas. O luns 13 tócalles aos de 1º e 5º da Lomba e o venres 17 aos de 1º, 3º, 5º e 6º do Anexo.
Déixovos o programa para que vexades que pasarse polo parque de Miguel Hernández polas tardes vai ser un pleno acerto. Actividades variadas, monicreques, concertos, contacontos...