mércores, 2 de novembro de 2022

3. 2. 1. Estamos no aire!!!

 ¡¡Boas tardes!! e vos preguntaredes que por que empezo así esta entrada... moi sinxelo. Xa gravamos o programa de radio no ximnasio con motivo do noventa aniversario da chegada da radio a Galicia É unha colaboración entre Radio Ondiñas e o alumnado de 6º que fixeron as entrevistas axudados por Amparo, locutora profesional. O Programa "Emociónate coa radio" o título desta experiencia.  Ademais de vivir en directo a gravación do programa, estiveron aprendendo como se preparan as entrevistas, as gravacións no exterior, a escaleta, as partes das que consta o programa...

Despois de escoitar as lembranzas vividas arredor dun aparello de radio pola veciñanza, comezaron as entrevistas no "estudo" Os primeiros invitados foron Paola María, concelleira de urbanismo e Miro Senén, concelleiro de educación  que falaron da aposta polos camiños seguros para chegar ao s colexios e dos carril bici para os desprazamentos. O seguinte invitado, xa que falamos de bicicletas non podía ser outro que Gustavo Cesar Veloso, ex-corredor profesional e gañador de varias etapas da Volta a España e da de Portugal e veciño noso de Bamio, con quen falaron da súa vida profesional e o gusto pola bicicleta. Do deporte pasamos á música e o convidado foi Jesús Nogueira, músico e director da banda de Música de Vilagarcía que falou da súa paixón pola música e do tempo que leva unido a ela de xeito profesional. 


Para rematar o programa, o último bloque foi entrevistas dentro do propio centro, ás mestras encargadas da coordinación do programa, Marta Novoa e Mónica Alba, que pasaron de estar na zona de preparación á de entrevistadas, a alumnado de 6ºB lendo un conto inventado por eles "Sons estraños", a Rubén García, cociñeiro do noso centro, (que fai que aínda que eu non coma o mesmo ca vós, cando chega o arrecendo á biblioteca téñome proposto cambiar a miña dieta de insectos🐛🐜🐝🐞 polas vosas🍖🍞🍛) e á nosa directora Chus Montáns con quen rematou este programa.

O alumnos e alumnas do centro fixeron de público desta gravación, entrando por quendas de bloque en bloque, aprendendo a importancia do silencio en situacións coma estas.

En fin, que foi unha experiencia chulísima dentro do noso PDI “Dende a Lomba para o mundo” e que en canto teñan editado todo o programa, poñerémolo á vosa disposición para que poidades apreciar todo o traballiño que supuxo para estes rapaces e rapazas o achegamento e aprendizaxe sobre o mundo da radio, como medio de comunicación. Mentres, para abrir boca, deíxovos un pequeno vídeo coas imaxes desta gravación. 



Bicos mollados.

Rosalía


Ningún comentario:

Publicar un comentario