Pois xa chegaron as vacacións e antes de marchar para casa dende a fiestra da biblioteca mirei e escoitei o ben que cantabades e bailabades. Iso si, menudo susto levei cando escoitei as alarmas do coche de bombeiros!!! ¡Pensei que prendera lume o colexio! Pero non, eran os paxes das súas Maxestades que viñeron recoller o correo e dar un pequeno agasallo como remate do ano.
Desfrutade das Festas, pero tede sentidiño, que se está a complicar todo e á volta querevos ver a todos.
Antes de baixar ao patio, a clase de 2º B pasou pola biblioteca para repasar o retrouso da panxoliña elexida este ano "Canto tempo" (panxoliña do Camiño) de Jesús Pareja. Para isto voltaron usar os robots e comprobaron coma podían acompasar a velocidade do recorrido ao canto.
Hoxe estivo o alumnado de 2º A e 2ºB na biblioteca repasando cos robots parte do contido deste trimestre. Pasárono fenomenal e sen se decatar pasou o tempo. Velaí o que desfrutaron.
Aquí vos deixo as recomendacións para lle escribir a carta aos Reis Magos ou a Papá Noel ou simplemente para poder mercar libros, música... que calquera excusa é boa para iso.
Levar xa as levastes para casa, pero coma sempre pode haber algún despiste ou perda, mellor que as poidades consultar aquí.
Xa non queda nadiña para as vacacións e coma tódolos anos van as recomendacións lectoras con vós para casiña. Pedir xoguetes a Papá Noel ou aos Reis Magos está moi ben, pero non vos esquezades de poñer un libro ou dous nas peticións. Eu xa teño a miña carta lista🐸
Mentras, podedes usar algún dos libros que falan desta estación. Puxen no expositor algúns e cando me decatei, xa voaran!!!
Nesta ocasión, foron os de 4º A os que se reuniron con Fernando para falar dos manga de Naruto que leran. Alí estaban as figuras en "Plástico" para poder velas en "carne e óso" (eu achegueime para velas mellor👀). Ata os debuxos en versión orixinal estiveron presentes, porque cando se dobla unha serie, tanto sexa de persoas, coma de debuxos, perdemos a entoación primeira, e se é como no caso do xaponés, que seguro que ninguén entende nada, continuamos lendo os subtítulos. ¡¡O caso é ler!!
Outro día tanto os de 4ºA coma os de 4ºB viñeron buscar o libro que neste Nadal desfrutarán na casa, para comentar á volta. Foi Mariel a encargada de darllos e facer unha pequena introdución sobre as Formig4s. Ós de 5º xa o leron e quedaron encantados. agardamos que eles e elas tamén.
4ºB
4º A
Os de 5º ían levar os mangas, pero desafortunadamente, varios dos compañeiros e compañeiros están recluídos na casiña, por culpa do Covid, así que esperamos para ver se para a semana, antes de marchar, xa se incorporan ás aulas e así pode levar todo o mundo o seu libro. Esperemos que si💪💪
¡¡Que contenta estou!! Hoxe, aproveitando que é 3 de decembro, Día das persoas con discapaciade, aínda que a mín gústame máis dicir que son persoas con capacidades diferentes, e aínda lembrando moi que o 25N foi apenas unha semana, tivemos a sorte de que nos acompañara no edificio da Lomba Peúgo, o calcetín melenudo, que veu xunto coa súa escritora/inventora, Jessica Rodríguez. Os rapaces e rapazas de 2º foron os afortunados que puideron desfrutar da súa presenza, ademais de escoitar pola boca de Jessica o conto, e fixeron unha chea de actividades.
O primeiro de todo foi aprender que quería dicir "Peúgo" e que agora xa sabemos que é outro xeito de lles chamar aos calcetíns, así que o do título do libro xa estaba aclarado. Despois quitamos os zapatos para que así todo mundo mirara os calcetíns que levaban. Case todo o mundo levaba un par igual, e digo case todo o mundo, porque Jessica non. Ela lucía dous fermosos calcetíns desparellados, E así comezou o conto.
Repartiu tarxetas con palabras que ían saír no conto e os que tiñan as tarxetas tiñan que facer un movemento silencioso cando soaba a súa palabra. Algún xa me fixei eu que se puxo un chisquiño nervoso por se non escoitaba a palabra en cuestión...😂
Ao rematar, falaron por parellas do que lles parecera o conto durante 1 minuto para despois dicilo en alto. Tamén fixeron unha roda e cando Jessica lles lanzaba unha pelota, dicían unha palabra das do conto. Con pezas de construcción, por grupos fixeron o seu deseño de calcetín e por grupos tamén buscaron no conto as ilustracións e debuxos que acompañan a historia e que foron debuxadas por Victoria Rem.
Xa na mesa, cada un tiña un trozo de papel, o seu estoxo con pinturas e un calcetín chulísimo para mirar durante 1 minuto e despois, de memoria, co calcetín debaixo do cu para non facer trampas, debuxaron o que lembraban. ¡¡Qué artistas e que memoria de elefante!!!🐘🐘 Quedaron uns deseños preciosos, xa que despois comprobaron se a súa memoria era tan boa coma pensaban.
Que mañá tan chula, foi un pracer ter a Jessica con nós, e esperemos que venda moitos libros, para que a xente coñeza a Peúgo e a súa historia e así, aprendan, igual que o fixo o alumnado de 2º que non debemos deixar que ninguén nos faga dano, que debemos estar con quen nos queira, sexa igual a nós ou non, e que con imaxinación, todos podemos ter outra oportunidade, que non pasa nada se temos un roto ou un descosido, o importante é querernos e ser quen de facer moitas cousas aínda que non sexan as que todo o mundo pensaría, pois cadaquen ten unhas capacidades diferentes.
Aquí vos deixo unha foto que nos fixemos Peúgo e máis eu, e un vídeo onde poderedes ver o ben que o pasamos.