xoves, 24 de febreiro de 2022

Día de Rosalía

Os do ENDL xa teñen publicado no seu blogue as actividades que co gaio do Día de Rosalía, a miña tocaia, fixemos no colexio. Quen se achegaba e recitaba de memoria uns versos de Rosalía, levaba unha mochila para decorar e usar. Nalgunhas clases fixeron flores con pensamentos, a súa flor preferida, e no recreo, por megafonía escoitamos cancións feitas cos seus poemas ou falando dela. Podedes botarlle unha ollada neste enlace

 






Bicos mollados.

sábado, 19 de febreiro de 2022

O 23 de febreiro celébrase o Día de Rosalía de Castro

 Como cada ano, dende a biblioteca queremos poñer en valor a figura de Rosalía de Castro, a nosa tocaia.

Temos unha escolma de libros cos que podedes ler e mesmo escoitar poemas dos de Rosalía e dende o equipo de dinamización e normalización da lingua galega teñen unhas propostas para ese día https://edlgalomba.blogspot.com/2022/02/pensamentos-de-rosalia.html. Se aprendedes un par de estrofas de calquera dos seus poemas, agás do de "Adios ríos, adios fontes" no recreo do 23 levaredes unha mochila para decorar ao voso gusto. Así que xa sabedes, ¡¡a aprender e recitar algún deles!!


Bicos mollados.

Rosalía

martes, 15 de febreiro de 2022

Reciclaxe con Pilabot

 

O noso centro apuntouse a Pilabot, unha campaña de recollida de pilas e baterías coa que podemos levar premios se somos dos centros que máis cantidade delas recollamos. O premio non estaría mal, pero é que premio ímolo levar de todos modos, porque cando reciclamos estamos a gañar todos. A ver se somos quen de encher os bidóns que nos mandaron, un en cada edificio.

 Aquí vos deixo un vídeo no que podedes ver moito sobre esta reciclaxe PILABOT   DIFERENCIAS

 


E para que o alumnado poida ir recollendo e traendo ao colexio as pilas, temos estas caixiñas coas que encheremos os bidóns. ¡¡Animádevos!!

¿Queredes aprender aínda máis cousas? pois aquí vos deixo varios enlaces a xogos e crebacabezas

Bicos mollados.

Rosalía

sábado, 12 de febreiro de 2022

11 febreiro 2022 Día internacional da Muller e a Nena na Ciencia

 ¡¡¡Bo día!!!

Hoxe estamos a celebrar un día moi importante, porque ás veces aínda parece que as mulleres e as nenas non poden ser científicas, que iso é algo de homes. Tristemente, antes era así, e moitos inventos e investigacións non viron a luz ou non quedaron rexistradas ao seu nome.

No noso colexio sabemos que as cousas cambiaron e por iso neste día visibilizamos este traballo. 

Temos moitos libros cos que traballar e investigar, como podedes ver nesta pequena escolma das dúas bibliotecas.


A meirande parte das nenas de infantil fixeron un experimento fabuloso. ¿Que pasa cando se lle bota bicarbonato a unha botella con auga no fondo e como tapa temos un globo? Nas aulas xa o saben; e vós, se mirades o vídeo, tamén o saberedes. Non quedou aí a cousa: experimentaron e case que se converteron en malabaristas. Se pinchas dous paus un pouco inclinados nunha bola de plastilina e consegues poñer a mesma cantidade de plastilina ao final deses paus, logras un equilibrio perfecto nun terceiro anaquiño pequeno e podes poñelo na punta do dedo, enriba da cabeza... ¡E non cae!


En 2ºB leron varios contos e despois debuxaron os inventos que máis lles gustaron. ¡¡Uns artistas, temos na clase!!


En 3ºB  investigaron, descifraron, experimentaron, escribiron... Non pararon, e non pensan parar!



No Anexo traballaron e investigaron sobre todas esas científicas medio olvidadas para darlles visibilidade.



E para rematar, como colofón, o alumnado de 6º tivo a sorte de poder asistir a unha charla (por videoconferencia) da científica Mª Dolores Vázquez Navarro (doutora enxeñeira de materiais), que traballa na rama de investigación de Boeing en España. Contactamos con ela, que ten raíces galegas, e amablemente accedeu a contarlles aos nosos alumnos/as un pouco da súa  traxectoria profesional e vital, e como chegar a traballar no que ela está a facer. 

Comezou explicando os diferentes materiais, os seus compoñentes, as súas características e o uso que se lle dá a cada un e o porqué dese uso. Compaxinou as explicacións con vídeos moi interesantes e didácticos e, o que en principio ía ser unha charla de 20 ou 30 minutos, converteuse nunha hora e dez, pois non paraban de xurdir preguntas que foi respondendo dun xeito clariño. Está claro que lles interesou o que alí escoitaron!

Non podemos deixar de darlle as gracias a Mª Dolores pola súa grande colaboración neste día.



Que non pare este afán por ser o que se queira ser, sen que ninguén poña trabas nin barreiras e sempre, sempre investigar e experimentar.



¡¡Bicos mollados!!

Rosalía

martes, 1 de febreiro de 2022

Día da Paz

 Aquí vos deixo a versión da canción "Mensaje al Mundo" de Jorge Otamendi que  traducimos ao galego e cos debuxos do alumnado, montamos nun vídeo.



Nas aulas cantamos ese día mentres a escoitabamos por megafonía como remate das actividades, que non da actitude e a mensaxe.

Bicos Mollados

Rosalía