O alumnado de 4ºA e 4ºB fixera unha proposta ao comezo do curso
para as diferentes actividades e produtos que iamos realizar cunha
temporalización dada, pero logo a realidade sorpréndenos e mistura
todo un pouco.
Ao comezo do curso, despois dunha
proposta de limpeza de praias conxunta de varios cursos do centro
optamos por realizar xa esta actividade que estaba pensada para o 2º
ou 3º trimestre.
Aló fomos e nos convertemos nuns
limpadores/as fabulosos. A praia Compostela non estaba demasiado
sucia, pero cabichas, ¡Mi madriña! estaba chea de cabichas, sobre
todo pegados ao paseo. Desfrutamos dunha marabillosa mañá e o
medioambiente agradeceuno. Despois reflexionamos sobre o acontecido
nese día e o deixamos plasmado nunhas redaccións que limos ante o
resto da clase.
Para coñecer parte dos animais que
viven na nosa ría, achegámonos ao Auditorio e alí observamos unha
exposición sobre cetáceos e ademais da información que viña nos
paneis, puidemos mirar de preto os osos e esqueletos que formaban
parte do exhibido e trouxemos para as aulas un póster.
Na biblioteca buscamos información
sobre outros animais que viven na nosa ría e aqueles que poden estar
en perigo de extinción. Recollemos todo isto e fixemos un mural que
pegamos no corredor ao lado das nosas aulas. Levounos o 1º e parte
do 2º trimestre.
No segundo trimestre participamos no
PILABOT dentro da campaña de recollida de pilas, sendo moi
conscientes da importancia da reciclaxe, aprendendo cales son os
diferentes contedores e que debemos reducir, reutilizar e reciclar,
as famosas 3R. Como ademais na biblioteca hai un xogo sobre a
reciclaxe, foi todo moi divertido e útil.
Utilizamos a técnica de mosaico para
cubrir unhas figuras de animais mariños que quedaron moi bonitas e
que pegamos na cristaleira do 2º piso preto das nosas aulas.
Tiñamos pensado ser vixiantes nos
patios, pois a verdade é que non estaban quedando moi limpos, pero
dende dirección, ao observar o mesmo ca nós, xa fixeron unhas
quendas de limpeza con todo o alumnado e nótase a diferencia, cando
tes que recoller o que outros ciscaron es más consciente de que
realmente non custa tanto facelo ben, e o noso patio agora xa queda
bastante limpo, de feito custa encontrar cousas tiradas para botar
nos diferentes contedores.
Polo Día da Paz, á proposta do equipo
de biblioteca en traballo colaborativo escribimos as propostas para
que o noso colexio tivera unha mellor actitude e evitar conflitos,
pois a Paz empeza con pequenas accións
No Entroido fomos disfrazados de
medusas, desas que cando chegan ás nosas praias e nos pillan na
auga, deixan unhas ronchas importantes, pero nós non picamos a
ninguén e acompañamos o disfrace cun baile sobre o medioambiente,
lembrando da necesidade de coidalo. “Cambio climático” de Shaka
y Des, e tamén co resto do edificio “Madre Tierra” de Chayane.
As tiras que colgaban dos nosos sombreiros en vez de plástico, que
sería o que hai uns anos teriamos feito, foron de tela, para non
sumar máis plásticos ao mar, nin en sentido figurado.
No 3º trimestre nas clases de plástica modelamos e
pintamos animais mariños e nunha tarxetiña describimos o animal, o
nome da nosa obra e por suposto o nome dos artistas.
Tamén fixemos un mural sobre o cambio climático e as súas consecuencias.
A excursión
de fin de curso, que como non podía ser doutra maneira, foi á Illa
de Cortegada. Fomos e voltamos ao colexio no chiquitren e toda Vilagarcía puido escoitar as nosas melodiosas voces. Cantamos "A saia da Carolina" que aprendemos en música entre outras cancións.
Cruzamos en barca, porque a marea estaba alta e non podiamos cruzar andando polo camiño do carro. Unha vez alí, dividímonos por aulas e con cada un de nós foi unha guía e comezou a charla onda a capela que están a restaurar.
Contáronnos dende cando está documentado que a
illa estaba habitada, como foi que pasara de ser propiedade de
veciños que forzados tiveron que abandonala e regalarlla ao rei
Alfonso XIII , despois ser vendida a quen quería construír e por
fin, tras a loita do pobo de Carril como pasou a ser parte do Parque das Illas Atlánticas, reserva
de biodiversidade. Ten o bosque de Loureiro máis grande de Europa,
porque cando era dos veciños, estes plantaban nas súas leiras e
como marcos delimitando plantaban loureiro e ao abandonala, todos
estes medraron sen freo, alcanzando algúns exemplares 17 metros de
altura.
Faláronnos dos animais que alí
habitan e que hai plantas e cogomelos que son únicos no mundo e que
viven só en Cortegada. Das lontras que están en perigo e que volven aniñar na illa. Demos un paseo rodeando toda a illa, miramos
unha batea que mide a salinidade da ría, pois coas riadas os
moluscos que se crían nos viveiros chegan morrer pola falta de sal e
mesmo un observatorio de estrelas, cun planisferio para recoñecer as
distintas constelacións dependendo da data do ano.
Merendamos,
comemos, xogamos e mesmo nos demos un chapuzón, que o sol apretaba.
Levamos de volta todo o lixo que xeramos coas nosas comidas, e non
levamos nada da illa, pois sabemos que non podemos levar nin plantas
nin nada, solo observalo e respectalo.
En definitiva, foi un bonito colofón
para o PDI deste ano, “Son Ría”
Quedounos no tinteiro facer as bolsas
de tea para as nosas merendas, evitando así tanto plástico, pero
outra serie de actividades que nos ofertaron ou que xurdiron sen
estar programadas, fixeron que non tiveramos tempo dabondo.