O alumnado de 4ºA e 4ºB fixera unha proposta ao comezo do curso para as diferentes actividades e produtos que iamos realizar cunha temporalización dada, pero logo a realidade sorpréndenos e mistura todo un pouco.
Ao comezo do curso, despois dunha proposta de limpeza de praias conxunta de varios cursos do centro optamos por realizar xa esta actividade que estaba pensada para o 2º ou 3º trimestre.
Aló fomos e nos convertemos nuns limpadores/as fabulosos. A praia Compostela non estaba demasiado sucia, pero cabichas, ¡Mi madriña! estaba chea de cabichas, sobre todo pegados ao paseo. Desfrutamos dunha marabillosa mañá e o medioambiente agradeceuno. Despois reflexionamos sobre o acontecido nese día e o deixamos plasmado nunhas redaccións que limos ante o resto da clase.
Para coñecer parte dos animais que viven na nosa ría, achegámonos ao Auditorio e alí observamos unha exposición sobre cetáceos e ademais da información que viña nos paneis, puidemos mirar de preto os osos e esqueletos que formaban parte do exhibido e trouxemos para as aulas un póster.
Na biblioteca buscamos información sobre outros animais que viven na nosa ría e aqueles que poden estar en perigo de extinción. Recollemos todo isto e fixemos un mural que pegamos no corredor ao lado das nosas aulas. Levounos o 1º e parte do 2º trimestre.
No segundo trimestre participamos no PILABOT dentro da campaña de recollida de pilas, sendo moi conscientes da importancia da reciclaxe, aprendendo cales son os diferentes contedores e que debemos reducir, reutilizar e reciclar, as famosas 3R. Como ademais na biblioteca hai un xogo sobre a reciclaxe, foi todo moi divertido e útil.
Utilizamos a técnica de mosaico para cubrir unhas figuras de animais mariños que quedaron moi bonitas e que pegamos na cristaleira do 2º piso preto das nosas aulas.
Tiñamos pensado ser vixiantes nos patios, pois a verdade é que non estaban quedando moi limpos, pero dende dirección, ao observar o mesmo ca nós, xa fixeron unhas quendas de limpeza con todo o alumnado e nótase a diferencia, cando tes que recoller o que outros ciscaron es más consciente de que realmente non custa tanto facelo ben, e o noso patio agora xa queda bastante limpo, de feito custa encontrar cousas tiradas para botar nos diferentes contedores.
Polo Día da Paz, á proposta do equipo de biblioteca en traballo colaborativo escribimos as propostas para que o noso colexio tivera unha mellor actitude e evitar conflitos, pois a Paz empeza con pequenas accións
No Entroido fomos disfrazados de medusas, desas que cando chegan ás nosas praias e nos pillan na auga, deixan unhas ronchas importantes, pero nós non picamos a ninguén e acompañamos o disfrace cun baile sobre o medioambiente, lembrando da necesidade de coidalo. “Cambio climático” de Shaka y Des, e tamén co resto do edificio “Madre Tierra” de Chayane. As tiras que colgaban dos nosos sombreiros en vez de plástico, que sería o que hai uns anos teriamos feito, foron de tela, para non sumar máis plásticos ao mar, nin en sentido figurado.
No 3º trimestre nas clases de plástica modelamos e pintamos animais mariños e nunha tarxetiña describimos o animal, o nome da nosa obra e por suposto o nome dos artistas.
Tamén fixemos un mural sobre o cambio climático e as súas consecuencias.
A excursión de fin de curso, que como non podía ser doutra maneira, foi á Illa de Cortegada. Fomos e voltamos ao colexio no chiquitren e toda Vilagarcía puido escoitar as nosas melodiosas voces. Cantamos "A saia da Carolina" que aprendemos en música entre outras cancións.
Cruzamos en barca, porque a marea estaba alta e non podiamos cruzar andando polo camiño do carro. Unha vez alí, dividímonos por aulas e con cada un de nós foi unha guía e comezou a charla onda a capela que están a restaurar.
Contáronnos dende cando está documentado que a illa estaba habitada, como foi que pasara de ser propiedade de veciños que forzados tiveron que abandonala e regalarlla ao rei Alfonso XIII , despois ser vendida a quen quería construír e por fin, tras a loita do pobo de Carril como pasou a ser parte do Parque das Illas Atlánticas, reserva de biodiversidade. Ten o bosque de Loureiro máis grande de Europa, porque cando era dos veciños, estes plantaban nas súas leiras e como marcos delimitando plantaban loureiro e ao abandonala, todos estes medraron sen freo, alcanzando algúns exemplares 17 metros de altura.
Faláronnos dos animais que alí habitan e que hai plantas e cogomelos que son únicos no mundo e que viven só en Cortegada. Das lontras que están en perigo e que volven aniñar na illa. Demos un paseo rodeando toda a illa, miramos unha batea que mide a salinidade da ría, pois coas riadas os moluscos que se crían nos viveiros chegan morrer pola falta de sal e mesmo un observatorio de estrelas, cun planisferio para recoñecer as distintas constelacións dependendo da data do ano.
Merendamos, comemos, xogamos e mesmo nos demos un chapuzón, que o sol apretaba. Levamos de volta todo o lixo que xeramos coas nosas comidas, e non levamos nada da illa, pois sabemos que non podemos levar nin plantas nin nada, solo observalo e respectalo.
En definitiva, foi un bonito colofón para o PDI deste ano, “Son Ría”
Quedounos no tinteiro facer as bolsas de tea para as nosas merendas, evitando así tanto plástico, pero outra serie de actividades que nos ofertaron ou que xurdiron sen estar programadas, fixeron que non tiveramos tempo dabondo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario