xoves, 21 de decembro de 2023

Felices Festas e recomendacións lectoras

 Xa case que rematou o ano 2023, polo menos no que toca ao colexio e dende esta Lagoa quero desexarvos que pasedes unhas Felices Festas e que poidades comezar o ano que ben con moita forza, alegría, saúde e por suposto con lectura. Levades á casa as recomendacións lectoras deste Nadal, pois habendo tanta xente á que lle escribir cartas e que poidan cumprir os nosos desexos, os libros teñen que andar polo medio si ou si.

 

Bicos mollados e non vos atoredes coas uvas.

Rosalía


martes, 19 de decembro de 2023

Centro de Día

 Xa fomos ao centro de día que temos ao carón do colexio, na rúa Monte dos desamparados. 


Recibíronnos con grandes sorrisos e comezamos coas presentacións, a educación por diante. Despois por cursos foron tocando pezas co carillón que prepararan coa mestra Sandra nas clases. Tamén cantaron a panxoliña deste ano. 


 

Unha vez rematada a nosa actuación os que nos levamos unha sorpresa fomos nós, pois tamén nos tiñan preparada unha pequena actuación, un popurri de panxoliñas en castelán e despois outro en galego, unha medio recollida de cantos desta zona. ¡Hai que ver o ben que cantaban algúns!


Tamén levamos unhas cartas e postais para que adornasen as paredes e puidesen ler as nosas mensaxes.

Falamos do que facemos normalmente no Nadal, se cantamos, que cancións, que instrumentos usamos e falando, falando, quedamos en que iamos facer algo máis en conxunto, seguramente que eles e mais elas veñan á biblioteca para ver o chula que está e as cousas que facemos alí.

Ademais levamos unha manchea de sugus de volta ao colexio, pois agasalláronnos con eles por lles visitar.


E por se non nos chegara cos caramelos, tamén tivemos "gusanitos" ao chegar ao colexio que nos entregou a profe Mariel, como remate de faena.

Da xenio facer este tipo de cousas que logran que poidamos intercambiar experiencias e tempo cos nosos maiores, que as veces andamos tan apurados que esquecemos o realmente importante destas festas, compartir o tempo.

¡¡Bo Nadal a todo o mundo!!

Bicos mollados.

Rosalía

luns, 18 de decembro de 2023

O voluntariado quecendo motores para ir ao centro de día

 Hoxe parte do voluntariado da Lagoa, os que queren ir ao centro de día dos maiores no Bosque dos Desamparados, estiveron ensaiando as panxoliñas que van tocar e cantar mañá. Si, escoitastes ben, mañá, martes 19 de decembro, volveremos ao centro para facer unha visita polo Nadal. Teredes máis novas nosas.

E o expositor, como non  podía ser doutro xeito, está coas lecturas de Nadal, a metade delas xa polas casas do alumnado.

Bicos mollados.

Rosalía

sábado, 16 de decembro de 2023

Debulladores ao poder!!

 É que non damos abasto,no recreo do venres rematamos a lectura de "Plan de rescate" en 6º e comezamos con "O misterio de Portomarín", os dous de Antía Yañez. Gustoulles a historia e agora querían aproveitar as vacacións de Nadal para poder ler con calma o seguinte libro, que é sabido que 6º é un curso intenso e así sen o peso dos exames, podían saborealo máis.

Os de 4º no plan lector, levaron para as súas casas "Dona Problemas" do Hematocrítico, para tamén con calma lelo e poder falar á volta do que pasa nese libro. Polo de pronto, o que xa descubrimos é que a protagonista, maila o que poida parecer polo título, non é unha rapaza que se meta en problemas, senón todo o contrario, é quen lle axuda a todo o mundo a resolvelos. ¿Como fará?😕

Bicos mollados.

Rosalía

venres, 15 de decembro de 2023

Charla a 6º infantil B sobre os cetáceos

 Onte David Oubiña, de 4ºA foi á clase da profe Estrella para lles contar cousas sobre os cetáceos. E vos preguntaredes que fai un rapaz tan novo dando charlas, ¿non si? pois é moi doado, David é un namorado dos animais e non hai dato que se lle resista. Como no PDI estamos a traballar cousas da Ría, pensamos que sería bo compartir coñecementos. 

El quedou impresionado do ben que se portaron, de como erguían a man para pedir falar por quendas e das preguntas que lle fixeron. 

Dende a aula, contáronme que foi quen de responder a todas!!! Tanto lles gustou como lles explicou as cousas, que lle pediron que, despois do Nadal, volvese para contarlles máis cousas, desta volta doutro animal aínda por decidir.

Aquí vos deixo unhas fotos e un vídeo para que comprobedes o ben que falou.




Bicos mollados.

Rosalía


xoves, 14 de decembro de 2023

Inventando historias

 Os de 4ºB escribiron  historias de Nadal e quixeron contar o que as súas cabezas argallaran compartíndoas co resto do colexio. Primeiro foron por infantil e alí, os de 5 anos A, para darlles as gracias polo conto, lles cantaron unha panxoliña. Despois foron a 1º e 2º  onde tiveron tamén moito éxito.

E como sabedes que a min o dos contos e historias gústame moito, non fun quen de me resistir e tiven que poñelo aquí para que o poidades ver e escoitar. Seguro que nun futuro algún destes artistas acaba escribindo e publicando historias. Daquela que non se esqueza de vir pola lagoa para me facer unha visita.😍

Bicos mollados.

Rosalía


mércores, 13 de decembro de 2023

Outra tanda de debullar

 Olaaa, seguimos lendo nesta lagoa e facendo moitas outras actividades.

O día 1 de decembro xuntámonos para entregar "O Principiño" a un dos nosos grupos, e tan concentrados estabamos que cando xa marcharan case todos, decatámonos de que non fixeramos unha foto, así que de mostra un botón con dúas das nosas lectoras.

O 5 co grupo de 6º tivemos a xuntanza para falar do "Plan de rescate", pero fixemos outro plan, quedar para o 15, que con tantos exames non rematara todo o mundo de lelo.

Onte, 12 de decembro reunímonos os de 5º para falar de "Escarlatina, a cociñeira defunta" e entre palabras e fogóns, co material que nos trouxo Mariel, así coma case sen querelo, fixemos unhas piruletas de chocolate seguindo unha das receitas de Escarlatina. 

Modificamos un pouquichiño o xeito de facelas, porque entre outras cousas foron sen glute, que aquí non queda ninguén sen comer por culpa da celiaquía. Para arrefrialas e que se puideran comer antes de marchar para casa, contamos coa colaboración do persoal da cociña do colexio, que nolas gardaron na neveira para acelerar o proceso. ¡¡Que riquiña/os!! ¡E a de equilibrios para levar todo dende a biblioteca á cociña! que risas botamos. E non é porque as fixeramos nós... pero quedaron de relamber os dedos. Deste xeito tan chulo combinamos a lectura coa cociña e a biblioteca creativa😋😋😋





E hoxe, mércores 13 tocoulles a quenda aos de 4º de club de manga. Fernando levou un montón de cousas que ten de Dr. Slump e ademais de ver uns trociños de capítulos onde saía Arale, puideron ter nas súas mans e cabezas cousiñas que non son doadas de ver, a non ser que sexas un Otaku experto como é o noso profe Fer. Tamén aprenderon que Arale é a máis forte e a máis intelixente de todas as personaxes de Akira Toriyama, e que ninguén foi quen de vencela, nin pola forza nin pola cabeza.






Vamos, que non paramos na biblioteca, e antes de que remate o ano, volveremos reunirnos os de 6º e levarán para casa os de 4º de narrativa, a Dona Problemas, do recentemente finado O Hematocrítico.

Nesta lagoa nadamos entre libros e as recomendacións lectoras deste Nadal están no forno, dentro de moi pouquiño xa as teremos aquí.

Bicos mollados.

Rosalía.