Amosando publicacións coa etiqueta Club lectura 23-24. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Club lectura 23-24. Amosar todas as publicacións

xoves, 20 de xuño de 2024

Entrega diplomas aos integrantes do club de lectura "Debullando Contos"

 Ola, boas tardes.

Bufff, estou que non paro, non me da a vida, menos mal que xa veñen as vacacións.

Hoxe foi a quenda do alumnado do colexio que se apuntou ao club de lectura "Debullando Contos". Fernando so puido estar na entrega do alumnado de 6º e parte dos de club de manga de 4º, porque case coincide coa graduación de 6º e coma titor que é, tiña lle dar os toques finais, así que Mariel foi a encargada de lles entregar os diplomas ao resto. Antes de marchar os "velliños" do centro para que quedaran libres e se graduaran con todos os honores, fixemos unha foto.

Despois, ao rematar as entregas fixemos unha foto co resto. Teño que dicir, que houbo quen coas ansias de que estamos a rematar o curso, esqueceu pasar pola biblioteca para a recollida, así que non saen na foto.

Temos moita sorte de ter tanto alumnado lector no colexio, tanto de narrativa coma de banda deseñada, manga principalmente. A pesar de varias incidencias ao longo do curso que fixeron que non se leran máis libros dos que se leron, non nos podemos queixar. Para o ano seguiremos debullando, cunha nova remesa de integrantes do club, que os de 3º xa estaban preguntando que cando lles tocaba a eles, e en cuanto empecen 4º, xa poden ser debulladores e debulladoras!!!

Bicos mollados.

Rosalía

 

xoves, 13 de xuño de 2024

Obradoiros para o Voluntariado de 6º

 Olaaa,

Xa vos contei que o voluntariado da lagoa foi seleccionado dentro os dez mellores centros de primaria de Galicia. Como premio, teñen un obradoiro para aprender a facer vídeos promovendo libros e lecturas, o que se coñece como "Booktrailer". Como todos xuntos era difícil facer a formación, dividímolos en dous grupos, os de 6º por un lado e os de 5º por outro. 

Hoxe foi a quenda dos de 6º e non vexades o ilusionados/as que estaban. María Lobo, de Gingko, foi a encargada de ensinarlles e acompañalos nesta gran aventura. Con exemplos doutros centros viron que cousas podían facer.


Haberá quen pense que isto é chupado, que só hai que gravar e punto. Pois non, hai que saber que existen diferentes tipos de plano nisto do audiovisual, dependendo do que queiramos mostrar, que hai que facer guións do que se vai facer, en que orde, que debemos dicir e que non, elixir música, falar ben alto e non moi lonxe do dispositivo co que gravamos e mil cousas máis para que saia todo perfecto.



Pasar, dende logo que o pasaron MOI BEN, houbo pequenos atrancos nos distintos grupos por diferentes motivos, pero o traballo en equipo, algo que o voluntariado coñece tan ben, fixo que fosen quen de solventalos e chegar a bo porto. Porque moitas veces o mellor xeito de aprender é cando tes erros, pero o solucionas.

Catro grupos e catro vídeos. Fixérono eles e elas, organizar, filmar, montar, editar elixir música, revisar, arranxar algunha pequena desfeita e tirar cara adiante, presentando o produto realizado ao resto do voluntariado. Tamén foron críticos, co seu traballo moito máis que co dos demais e chegando ao límite das 14:15 a xornada rematou entre grandes sorrisos.









E como non podía ser doutro xeito aquí queda o seu traballo, para que vexades que pode que nun futuro non moi lonxano, escoitemos falar de actrices, de editores, de directoras... e poderemos dicir que aquí, na lagoa, apareceron as súas primeiras obras.


 

Bicos mollados e fachendosos.

Rosalía



martes, 21 de maio de 2024

Intriga no club de lectura

 Olaaa,

O alumnado de 4º reuniuse para ler unha nova aventura. Desta volta unha aventura da época do covid-19 e das momias. ¿Como pode ir isto xunto nun libro? ¿algo do pasado tan lonxano e do máis recente? 

Pois se queredes saber as respostas, non vos queda máis que ler "Caramomia" un libro escrito a oito mans, pois son catro os escritores/as desta aventura.

Bicos mollados.

Rosalía


martes, 7 de maio de 2024

Manga de novo

 A quenda de hoxe foi para o alumnado de 6ºB. 

Nesta reunión do club de lectura, como san tan fanáticos do manga, foi bastante complicado atopar lecturas que non tiveran lido, de feito, houbo dous rapaces que como xa leran todas as opcións dispoñibles, en vez de "Dragon Ball" levaron "Ratón de biblioteca"

E como estiveron tanto tempo decidindo, cando se decataron, xa soara o timbre e marcharon sen facer a foto.

Farémola na vindeira xuntanza  😉

Bicos mollados.

Rosalía

venres, 8 de marzo de 2024

Día triste

 Hoxe ademais de celebrar o 8 de marzo, día da Muller, enterámosnos do pasamento de Akira Toriyama aos 68 anos. 

O noso club de lectura, Debullando Contos está de loito, pois a sección manga que leva o profe Fernando ten moitas das series que escribiu, Dr. Slump, Dragon Ball... e que se levaron á pantalla converténdoas en anime.

Arale fixo que moitas nenas se decataran de que ser nenas tamén podía significar ser protagonistas, ser fortes, ser un pouco tolas e poderosas, sen complexos de ningún tipo. Así que unha parte deste 8M tamén vai adicado a Akira, pola súa visión do mundo, pois a única que venceu a Goku foi ela!!!

Aquí vai a nosa pequena homenaxe.

"Onda Vital!!!!!!"  



Bicos mollados.

Rosalía.

martes, 20 de febreiro de 2024

Club de lectura

 ¡Olaaaa!

Estes días estivo a biblioteca moi animada.

 O 16 de febreiro os de 6ºA reuníronse coa profe Mariel que lles presentou un manga diferente, "Ratón de biblioteca", non é de superheroes, é mais da liña de Mariel. Unha rapaza á que lle encanta ler e que morre nun accidente e esperta reencarnada nunha nena pequena, que está enferma e que vive nun mundo no que, HORROR!! case non hai libros e ademais están escritos nun idioma descoñecido!!! ¿Podedes imaxinar algo máis triste?😢 Así de principio non era o que agardaban desa reunión do club, pero decidiron darlle unha oportunidade. Pronto veremos se foi unha boa elección.


O 19 foron os de 5º os que se reuniron co profe Fer e viron e escoitaron un rap no que se fala precisamente das personaxes do libro de Dragonball que levaran para ler. Era bastante longo e non escoitaron todo, pero serviu para ver a visión das personaxes que ten outra xente. Ademais desfrutaron das figuriñas que lles levou Fernando sobre a serie, e que case son coma fillos para el, pois levan na súa casa unha morea de anos.


E hoxe os de 6º reuníronse con Mariel e falaron sobre o Misterio de Portomarín. De seis integrantes do club, a catro gustoulles a historia e a dúas non. Isto é o que ten a lectura, non a todo o mundo lle gusta o mesmo, pero os clubs non só é dicir de que vai un libro, senón que sensacións nos produce a lectura, que partes nos agradan, que partes non... e como este grupo é super lector, non quixeron marchar sen levar xa outro libro debaixo do brazo. Neste caso "Estudios Tex" se vos dades conta, xa houbo quen nin mirou á cámara, que xa estaba enganchado nas silvas!!😂


Bicos mollados.

Rosalía


venres, 26 de xaneiro de 2024

O Principiño

Olaaa,

 Hoxe debullamos ao Principiño. Este pequeno, pero selecto grupo do club de lectura estivo a ler esta preciosidade de libro e no recreo falamos sobre el. Pronto teremos unha nova xuntanza para a seguinte lectura.

Bicos mollados.

Rosalía


venres, 12 de xaneiro de 2024

Debullamos o Dragon ball

 Olaa,

Hoxe os de 5º tiveron reunión co profe Fernando para entregarlles o libro de Dragonball Ultimate edition e comezar a lectura das aventuras de Son Goku. 

Estaban agardando a oportunidade de comezar a súa andaina este curso e marcharon felices co libro para casa. Tan contentos e contentas que ninguén lembrou sacar unha foto para ter unha lembranza do momento. Xa se fará na vindeira reunión.😉

Bicos mollados.

Rosalía

sábado, 16 de decembro de 2023

Debulladores ao poder!!

 É que non damos abasto,no recreo do venres rematamos a lectura de "Plan de rescate" en 6º e comezamos con "O misterio de Portomarín", os dous de Antía Yañez. Gustoulles a historia e agora querían aproveitar as vacacións de Nadal para poder ler con calma o seguinte libro, que é sabido que 6º é un curso intenso e así sen o peso dos exames, podían saborealo máis.

Os de 4º no plan lector, levaron para as súas casas "Dona Problemas" do Hematocrítico, para tamén con calma lelo e poder falar á volta do que pasa nese libro. Polo de pronto, o que xa descubrimos é que a protagonista, maila o que poida parecer polo título, non é unha rapaza que se meta en problemas, senón todo o contrario, é quen lle axuda a todo o mundo a resolvelos. ¿Como fará?😕

Bicos mollados.

Rosalía

mércores, 13 de decembro de 2023

Outra tanda de debullar

 Olaaa, seguimos lendo nesta lagoa e facendo moitas outras actividades.

O día 1 de decembro xuntámonos para entregar "O Principiño" a un dos nosos grupos, e tan concentrados estabamos que cando xa marcharan case todos, decatámonos de que non fixeramos unha foto, así que de mostra un botón con dúas das nosas lectoras.

O 5 co grupo de 6º tivemos a xuntanza para falar do "Plan de rescate", pero fixemos outro plan, quedar para o 15, que con tantos exames non rematara todo o mundo de lelo.

Onte, 12 de decembro reunímonos os de 5º para falar de "Escarlatina, a cociñeira defunta" e entre palabras e fogóns, co material que nos trouxo Mariel, así coma case sen querelo, fixemos unhas piruletas de chocolate seguindo unha das receitas de Escarlatina. 

Modificamos un pouquichiño o xeito de facelas, porque entre outras cousas foron sen glute, que aquí non queda ninguén sen comer por culpa da celiaquía. Para arrefrialas e que se puideran comer antes de marchar para casa, contamos coa colaboración do persoal da cociña do colexio, que nolas gardaron na neveira para acelerar o proceso. ¡¡Que riquiña/os!! ¡E a de equilibrios para levar todo dende a biblioteca á cociña! que risas botamos. E non é porque as fixeramos nós... pero quedaron de relamber os dedos. Deste xeito tan chulo combinamos a lectura coa cociña e a biblioteca creativa😋😋😋





E hoxe, mércores 13 tocoulles a quenda aos de 4º de club de manga. Fernando levou un montón de cousas que ten de Dr. Slump e ademais de ver uns trociños de capítulos onde saía Arale, puideron ter nas súas mans e cabezas cousiñas que non son doadas de ver, a non ser que sexas un Otaku experto como é o noso profe Fer. Tamén aprenderon que Arale é a máis forte e a máis intelixente de todas as personaxes de Akira Toriyama, e que ninguén foi quen de vencela, nin pola forza nin pola cabeza.






Vamos, que non paramos na biblioteca, e antes de que remate o ano, volveremos reunirnos os de 6º e levarán para casa os de 4º de narrativa, a Dona Problemas, do recentemente finado O Hematocrítico.

Nesta lagoa nadamos entre libros e as recomendacións lectoras deste Nadal están no forno, dentro de moi pouquiño xa as teremos aquí.

Bicos mollados.

Rosalía.







venres, 17 de novembro de 2023

Mais debulladores

 Hoxe foron os de 4º os protagonistas do noso club. Estaban moi, moi nerviosos. Normal, era a primeira vez que podían participar no club. Nesta ocasión foi o de cómic manga co profe Fernando, o apaixonado dos mangas que temos no colexio. 

E este ano con mais motivo que nunca, que o lema das bibliotecas escolares galegas é: "Unha biblioteca escolar en viñetas" o manga continúa no noso club.

Falaron da forma de ser dos xaponeses, da súa cultura, coñecementos previos tan necesarios para entender BEN o manga. O libro escollida nesta ocasión foi "Dr. Slump" e como o profe viu que estaban entusiasmados, decidiu que levasen dunha tacada o número 1 e máis o 2.


Mirando as súas caras, está claro que marcharon felices para casa.

Bicos mollados.

Rosalía


mércores, 15 de novembro de 2023

Xa estamos a debullar

 Onte o alumnado de 6º que se apuntou ao noso club de lectura "Debullando Contos" tivo a primeira xuntanza no recreo. Comezamos polos de narrativa e a obra escollida nesta ocasión foi "Plan de Rescate" de Antía Yañez. Entre as conversas que alí houbo, unha fíxome moita gracia. A profe Mariel estaba dicindo que non sabía se lles gustaría ou non o libro, e unha das rapazas contestoulle: "Sempre nos dis o mesmo e sempre nos gustan, ¿por que cres que non nos ía gustar?" Claro, a pregunta era boa, pero a resposta que levaron tamén, non toda a xente ten os mesmos gustos, e o que a un lle gusta a outro pode espantarlle. 

Os clubs de lectura son para ler un libro e falar sobre el, ou de empezar ler un libro, non gostarte e non seguir lendo, pero despois na reunión, falar e dicir que foi o que fixo que deixaras o libro aparcado. Aínda que non o leas, participas do club.

Aquí vedes ós participantes.

E hoxe foi a quenda dos de 5º  tamén de narrativa. Tiñan para escoller "Escarlatina, a cociñeira defunta" de Ledicia Costas ou coma o grupo anterior, "Plan de rescate". Gañou Escarlatina por goleada. Se cadra é porque aínda hai pouco que celebramos o Samaín e andan os espíritos danzando😂 Iso si, teñen claro que a seguinte lectura vai ser a de Antía Yañez. Déixovos outra fotiña deste grupo.

Bicos mollados.

Rosalía