mércores, 13 de decembro de 2023

Outra tanda de debullar

 Olaaa, seguimos lendo nesta lagoa e facendo moitas outras actividades.

O día 1 de decembro xuntámonos para entregar "O Principiño" a un dos nosos grupos, e tan concentrados estabamos que cando xa marcharan case todos, decatámonos de que non fixeramos unha foto, así que de mostra un botón con dúas das nosas lectoras.

O 5 co grupo de 6º tivemos a xuntanza para falar do "Plan de rescate", pero fixemos outro plan, quedar para o 15, que con tantos exames non rematara todo o mundo de lelo.

Onte, 12 de decembro reunímonos os de 5º para falar de "Escarlatina, a cociñeira defunta" e entre palabras e fogóns, co material que nos trouxo Mariel, así coma case sen querelo, fixemos unhas piruletas de chocolate seguindo unha das receitas de Escarlatina. 

Modificamos un pouquichiño o xeito de facelas, porque entre outras cousas foron sen glute, que aquí non queda ninguén sen comer por culpa da celiaquía. Para arrefrialas e que se puideran comer antes de marchar para casa, contamos coa colaboración do persoal da cociña do colexio, que nolas gardaron na neveira para acelerar o proceso. ¡¡Que riquiña/os!! ¡E a de equilibrios para levar todo dende a biblioteca á cociña! que risas botamos. E non é porque as fixeramos nós... pero quedaron de relamber os dedos. Deste xeito tan chulo combinamos a lectura coa cociña e a biblioteca creativa😋😋😋





E hoxe, mércores 13 tocoulles a quenda aos de 4º de club de manga. Fernando levou un montón de cousas que ten de Dr. Slump e ademais de ver uns trociños de capítulos onde saía Arale, puideron ter nas súas mans e cabezas cousiñas que non son doadas de ver, a non ser que sexas un Otaku experto como é o noso profe Fer. Tamén aprenderon que Arale é a máis forte e a máis intelixente de todas as personaxes de Akira Toriyama, e que ninguén foi quen de vencela, nin pola forza nin pola cabeza.






Vamos, que non paramos na biblioteca, e antes de que remate o ano, volveremos reunirnos os de 6º e levarán para casa os de 4º de narrativa, a Dona Problemas, do recentemente finado O Hematocrítico.

Nesta lagoa nadamos entre libros e as recomendacións lectoras deste Nadal están no forno, dentro de moi pouquiño xa as teremos aquí.

Bicos mollados.

Rosalía.







Ningún comentario:

Publicar un comentario