Tristemente un ano máis celebramos no noso centro o 25N, ¿e por que digo tristemente? porque é unha data que se a xente tivera cabeciña, non habería que sinalar no mapa.
Aínda que dende o equipo de igualdade parten as ideas para esta celebración, a nosa Lagoa non pode quedar fora, e e coma tódolos anos propoñemos lecturas que axuden entender un pouquiño máis o sentir desta data e os nosos expositores énchense de libros que voan cada vez que un grupo entra na biblioteca.
No caso dos terceiros, o seu favorito segue a ser "Peugo, o calcetín melenudo". Dende que o ano pasado a súa escritora estivo presentándolles a súa obra, pouco para na biblioteca, en canto un o devolve, xa vai para outra casa. "O chuvasqueiro de Aurora" é outro dos seus referentes.
Deíxovos un pequeno vídeo do aproveitamento do mural que o alumnado de 3º A fixo xunto coa actividade de todo o centro.
Hoxe é luns!!! e desta volta os afortunados que puideron contar co alumnado voluntario da biblioteca para as lecturas nas súas aulas foron os de infantil de 4 anos e os de 2º. Como a semana pasada, os libros foron: "El niño que no quería ser azul,
la niña que no quería ser rosa", "Lalo, el príncipe rosa", "Pecas" e
"Guapa" para que todos poidan ter a oportunidade de escoitar estos contos. Iso si, coa emoción, esqueceron levar postos os petos de axudantes da Lagoa😂😂😂
Hoxe foi o turno dos de 6º que levaron para a súa casa os libros de "Escarlatina, a cociñeira defunta". Coma sempre que lles presentamos este libro, ao principio dalles un pouco de aquel, pero conforme van sabendo de que trata o conto, xa muda a súa expresión e queren levalo. Este ano procuraremos facer algunha das receitas do alén, para comprobar se saben a morto ou a vivo. Cando xa marchaban, decatámonos de que non fixeramos ninguha foto, así que polo aire pillei aos últimos que saían da biblioteca e fixemos a foto. Para o vindeiro día, tentaremos facer máis.
Hoxe os voluntarios e voluntarias da Lagoa empezaron a súa andaina contándolles historias ao alumnado de 5 anos e de 1º da Lomba. Os libros elexidos nesta ocasión foron: "El niño que no quería ser azul, la niña que no quería ser rosa", "Lalo, el príncipe rosa", "Pecas" e "Guapa"
Olaaa! Aquí chegou o Magosto e comimos castañas!!!!
Este ano foi o mesmo día nos dous edificios, pois o Concello tiña dúas parrillas para nos prestar e usar á vez. O alumnado de 6º, como son os maiores do cole, fixeron de mestres de
cerimonias e lles explicaban ao resto do cole como xogar en cada un dos
xogos.
No edificio da Lomba papamos castañas, papamos boliños (que fixeron o día anterior os alumnos e alumnas de 3º) e xogamos no patio, ¿que máis se pode pedir? ¡¡¡Pois que non nos chovera!!!
Por quendas baixamos ao patio onde os da Anpa axudaron repartindo os boliños e as castañas ben asadas e ben ricas que grazas a Ricardo, que pasou a mañá dándolle voltas ao veo, comimos. Aquí queda un pequeno vídeo para que o vexades.
No anexo tivemos a visita do alumnado do CEE, recuperando a celebración conxunta que o Covid impediu os dous últimos anos. ¡¡Canto os botabamos de menos!! Troouxeron castañas para que entre todos tiveramos máis cantidade para comer. Tamén alí a Anpa botou unha man para repartir as castañas que Eduardo asou con moita maña.¡Que ben o pasamos! Deíxovos outro vídeo para que o comprobedes.
Si, si, xa chega, mañá celebramos o Magosto nos dous edificios, con castañas, por suposto, e xogos.
No Anexo van ter a visita de alumnado do Centro de Educación Especial para compartir a mañá.
Na Lomba ademáis, comerán boliños preñados, xa que dende a Anpa colaboraron, xunto con Rubén , o cociñeiro, para que non faltasen, como viña sendo xa tradición. Nesta ocasión foron os alumnos e alumnas de 3º os que adicaron unha hora da mañá aprendendo como facelos e mañá veremos como están de ricos.
Aprenderon o primeiriño de todo, que para cociñar hai que lavar moi ben as mans, despois como amasar para estirar ben a masa e poder poñer dentro o trozo de chourizo, para a continuación envolvelo ben. Non perderon ocasión de repasar C. Naturais, pois cando Rubén lles contou que a masa tiña levadura, sabían que era do reino dos fungos, pero aprenderon que se non hai unha temperatura axeitada, a masa non fermenta. Por iso ao rematar a faena, gardáronse na neveira, porque non levedarán, e así mañá pola maña, ao poñelos morniños crecerán ata o dobre e xa poderán ir ao forno, para poder papalos.
Tamén aprenderon que despois de cociñar, que é a parte divertida, tamén toca limpar, parte que a algún case que lle gustou máis que o de cociñar, pois houbo tantas peticións para coller os panos que parecía que eran chuches.
Este luns comezaremos cunha actividade coordinada dende o equipo de Biblioteca e o equipo de Igualdade-Convivencia cos voluntarios de 5º e 6º. Irán ás aulas dos de 4 anos, 5 anos, 1º e 2º de primaria no plan lector e lles lerán un conto a aqueles grupos que estean interesados.
Como nesta lagoa temos un feixe ben grande de contos📗📘📙📕📚, aproveitaremos para que leven algúns que falan da igualdade de xénero, de respecto e convivencia, de emocións, ecoloxía, inclusión, diversidade de familias...
Os rapaces e rapazas de 5º do Anexo foron ás aulas dos de 1º e 2º para lles contar a historia de "Corre, corre cabaciña" moi apropiada polo Samaín. Nin tempo tiven de poñer as fotos da cantidade de cousas que estamos a facer.
Estiveron moi atentos e a experiencia gustoulle a todo o mundo, así que os maiores ameazan con voltar con máis historias 😂😂😂
Hoxe foi un día moi especial. A profe Araceli, unha das profes de PT, unha das profes do equipo de biblioteca con quen tantas horas teño pasado aquí na miña lagoa, xubílase🎉. Estou moi contenta por ela, que ben merece ter todo o tempo para ela e para a súa familia, pero moi triste á vez, por deixar de compartir estes ratiños entre libros, texolos, fixo, risas...
Como non podía ser doutra maneira, quixemos despedila como se merece, cunha grande ovación, porque non so é unha profesional tremenda, sempre preocupada polo seu alumnado, é sobre todo, unha moi boa persoa e compañeira. A cantidade de aplausos, apertas e choros que todos aqueles que ben a queren, ben se ven nesta montaxe.
Araceli, por favor, ven ata o colexio de cando en vez para nos visitar, que esta lagoa sempre será a túa casa.
Por fin deixou de chover nos recreos e hoxe, xoves, os voluntarios da biblioteca levaron os libros ao recreo. Coma primeiro día non estivo nada mal. Despois de avisar por megafonía de que os voluntarios saían ao patio, que os buscaran que estaban cos petos de cor amarela, comezou a andaina deste curso.
¡¡Boas
tardes!! e vos preguntaredes que por que empezo así esta entrada...
moi sinxelo. Xa gravamos o programa de radio no ximnasio con motivo
do noventa aniversario da chegada da radio a Galicia É unha
colaboración entre Radio Ondiñas e o alumnado de 6º que fixeron as
entrevistas axudados por Amparo, locutora profesional. O Programa
"Emociónate coa radio" o título desta experiencia.
Ademais de vivir en directo a gravación do programa, estiveron
aprendendo como se preparan as entrevistas, as gravacións no
exterior, a escaleta, as partes das que consta o programa...
Despois
de escoitar as lembranzas vividas arredor dun aparello de radio pola
veciñanza, comezaron as entrevistas no "estudo" Os
primeiros invitados foron Paola María, concelleira de urbanismo e
Miro Senén, concelleiro de educación que falaron da aposta
polos camiños seguros para chegar ao s colexios e dos carril bici
para os desprazamentos. O seguinte invitado, xa que falamos de
bicicletas non podía ser outro que Gustavo Cesar Veloso, ex-corredor
profesional e gañador de varias etapas da Volta a España e da de
Portugal e veciño noso de Bamio, con quen falaron da súa vida
profesional e o gusto pola bicicleta. Do deporte pasamos á música e
o convidado foi Jesús Nogueira, músico e director da banda de
Música de Vilagarcía que falou da súa paixón pola música e do
tempo que leva unido a ela de xeito profesional.
Para
rematar o programa, o último bloque foi entrevistas dentro do propio
centro, ás mestras encargadas da coordinación do programa, Marta
Novoa e Mónica Alba, que pasaron de estar na zona de preparación á
de entrevistadas, a alumnado de 6ºB lendo un conto inventado por
eles "Sons estraños", a Rubén García, cociñeiro do noso
centro, (que fai que aínda que eu non coma o mesmo ca vós, cando
chega o arrecendo á biblioteca téñome proposto cambiar a miña
dieta de insectos🐛🐜🐝🐞 polas vosas🍖🍞🍛) e á nosa directora Chus Montáns con
quen rematou este programa.
O
alumnos e alumnas do centro fixeron de público desta gravación,
entrando por quendas de bloque en bloque, aprendendo a importancia do
silencio en situacións coma estas.
En
fin, que foi unha experiencia chulísima dentro do noso PDI “Dende
a Lomba para o mundo” e que en canto teñan editado todo o
programa, poñerémolo á vosa disposición para que poidades
apreciar todo o traballiño que supuxo para estes rapaces e rapazas o
achegamento e aprendizaxe sobre o mundo da radio, como medio de
comunicación. Mentres, para abrir boca, deíxovos un pequeno vídeo coas imaxes desta gravación.