xoves, 20 de xuño de 2024

Entrega diplomas aos integrantes do club de lectura "Debullando Contos"

 Ola, boas tardes.

Bufff, estou que non paro, non me da a vida, menos mal que xa veñen as vacacións.

Hoxe foi a quenda do alumnado do colexio que se apuntou ao club de lectura "Debullando Contos". Fernando so puido estar na entrega do alumnado de 6º e parte dos de club de manga de 4º, porque case coincide coa graduación de 6º e coma titor que é, tiña lle dar os toques finais, así que Mariel foi a encargada de lles entregar os diplomas ao resto. Antes de marchar os "velliños" do centro para que quedaran libres e se graduaran con todos os honores, fixemos unha foto.

Despois, ao rematar as entregas fixemos unha foto co resto. Teño que dicir, que houbo quen coas ansias de que estamos a rematar o curso, esqueceu pasar pola biblioteca para a recollida, así que non saen na foto.

Temos moita sorte de ter tanto alumnado lector no colexio, tanto de narrativa coma de banda deseñada, manga principalmente. A pesar de varias incidencias ao longo do curso que fixeron que non se leran máis libros dos que se leron, non nos podemos queixar. Para o ano seguiremos debullando, cunha nova remesa de integrantes do club, que os de 3º xa estaban preguntando que cando lles tocaba a eles, e en cuanto empecen 4º, xa poden ser debulladores e debulladoras!!!

Bicos mollados.

Rosalía

 

mércores, 19 de xuño de 2024

Entrega de diplomas ao Voluntariado da Biblioteca e ás mellores lectoras do centro

 Olaa,

Este ano a entrega dos diplomas é máis emotiva se cabe que outros cursos. Son o Voluntariado Solidario premiado!!!

Despois de recibir como agasallo os obradoiros para facer Booktrailers, merecen levar o seu diploma, un agasallo e o recoñecemento de toda a comunidade educativa. ¡¡Canto vou botar de menos aos de 6º, que marchan para o instituto!!, pero así é a vida.

Non vos esquezades do marabilloso traballo que aquí fixestes e de seguro que para o ano os dos institutos terán a sorte de poder contar con vós. Aos de 5º xa os verei o curso que ven, que serán os veteráns.

 Mariel non quixo quedar sen facer unha foto co voluntariado, que foron moitas horas xuntos nestas actividades que os levaron a gañar este premio.

E como os días non dan para máis, e tamén está a habendo no centro as graduacións dos de infantil e dos de  6º de primaria, tivemos que aproveitar cinco minutiños antes do recreo para agasallar as persoas que máis libros levaron para casa en préstamo. Non lle puidemos dar a publicidade que merecen en directo, con público, pero si publicalo aquí, para que o saiba todo o mundo.

Pablo, Uxía, Luna, Ainhoa, Alba, Icía e Fabianna

 Vémolos sorrintes cos seus diplomas e agasallos, e cun agasallo especial a Icía, que foi a super lectora, a que máis libros con diferencia, levou ca o resto. É que o ten todo, unha super voluntaria, está no club de lectura e le coma ninguén. ¡¡Parabéns!! Canto me presta o seu coliño e canto te imos estrañar para o curso💖

Bicos mollados.

Rosalía

Recomendacións lectoras

 A piques de rematar o curso, non me podía despedir sen deixarvos as recomendacións de verán. Temos para todos os gustos e cores, alumnado infantil, primeiros lectores, lectores avanzados, familias e adultos.

Este ano, xa que estamos inmersos no coidado da ría e co ecoloxismo, non van as recomendacións en papel, están aquí, quedan nas aulas, nas cortizas e nas portas dos edificios e biblioteca.

Non é máis que unha pequena escolma, se queredes mercar algo, nas librerías seguro que vos poden aconsellar tamén e como sei que os libros ocupan moito, a opción das bibliotecas é fabulosa tamén (que vos vou dicir eu, que vivo nunha, he, he)

Pois iso, pasádeo ben, descansade, viaxade se tedes a sorte de poder facelo, facede exercicio... pero sobre todo, LEDE.


Bicos mollados.

Rosalía


martes, 18 de xuño de 2024

Obradoiros do voluntariado de 5º

 Hoxe foi a quenda do voluntariado de 5º. Tamén tiveron a formación para aprender a facer "Booktrailers". Desta volta o encargado de ensinarlles foi Roi, de Gingko e os resultados foron tamén espectaculares. Primeiro saber de que se trata, facer os guións, pensar as escenas...

Houbo grupos que trouxeron un montón de atrezzo, cousas para se disfrazar e actuar, outros que xa de aquí, van ós Goya. Como non podían facer aparecer un tren no colexio, aproveitaron que pasaba un coche vermello, coma o tren do conto, e o liaron para que colaborase no que gravaban e alí esperou o rapaz co coche como se fose un taxi😂😂😂 Co trípode escenas autónomas, tirados polo chan para facer picados, facer maxia logrando facer desaparecer  xente do plano e mesmo atravesar a plataforma 9 3/4

Despois houbo que editar, montar, desbotar escenas, tomas falsas... unhas risas.

No momento de ver o resultado final, foron saíndo moitas reflexións, que as cousas sinxelas poden ser igual de boas (ou mellor) que as moi complicadas, que se aprende moito dos erros, que hai que dosificar mellor o tempo para cada tarefa, que o tema do audio é mais complicado do que parece, pensando en que gravamos con tablets, sen micros, e que moitas veces é mellor facer varios planos curtos que un moi longo, porque se no medio temos un erro, volver gravar todo é máis liada.

 

Xa prometeron que, para o ano, farán máis: encherán a biblioteca de recomendacións! Non podo estar máis contenta. Agora, a ver os vídeos e a pasalo ben.

 

 

 

 Bicos mollados.

Rosalía

 




xoves, 13 de xuño de 2024

Obradoiros para o Voluntariado de 6º

 Olaaa,

Xa vos contei que o voluntariado da lagoa foi seleccionado dentro os dez mellores centros de primaria de Galicia. Como premio, teñen un obradoiro para aprender a facer vídeos promovendo libros e lecturas, o que se coñece como "Booktrailer". Como todos xuntos era difícil facer a formación, dividímolos en dous grupos, os de 6º por un lado e os de 5º por outro. 

Hoxe foi a quenda dos de 6º e non vexades o ilusionados/as que estaban. María Lobo, de Gingko, foi a encargada de ensinarlles e acompañalos nesta gran aventura. Con exemplos doutros centros viron que cousas podían facer.


Haberá quen pense que isto é chupado, que só hai que gravar e punto. Pois non, hai que saber que existen diferentes tipos de plano nisto do audiovisual, dependendo do que queiramos mostrar, que hai que facer guións do que se vai facer, en que orde, que debemos dicir e que non, elixir música, falar ben alto e non moi lonxe do dispositivo co que gravamos e mil cousas máis para que saia todo perfecto.



Pasar, dende logo que o pasaron MOI BEN, houbo pequenos atrancos nos distintos grupos por diferentes motivos, pero o traballo en equipo, algo que o voluntariado coñece tan ben, fixo que fosen quen de solventalos e chegar a bo porto. Porque moitas veces o mellor xeito de aprender é cando tes erros, pero o solucionas.

Catro grupos e catro vídeos. Fixérono eles e elas, organizar, filmar, montar, editar elixir música, revisar, arranxar algunha pequena desfeita e tirar cara adiante, presentando o produto realizado ao resto do voluntariado. Tamén foron críticos, co seu traballo moito máis que co dos demais e chegando ao límite das 14:15 a xornada rematou entre grandes sorrisos.









E como non podía ser doutro xeito aquí queda o seu traballo, para que vexades que pode que nun futuro non moi lonxano, escoitemos falar de actrices, de editores, de directoras... e poderemos dicir que aquí, na lagoa, apareceron as súas primeiras obras.


 

Bicos mollados e fachendosos.

Rosalía