Os alumnos/as de terceiro e cuarto do Anexo recibimos con moita ilusión o tema do PDI deste curso, “Son Ría”.
O primeiro que quixemos saber foi que era unha ría e onde estaba situada a nosa Ría de Arousa.
Para elo, non se nos ocurriu nada mellor que sobrevoar, grazas a Google Earth, toda a costa galega. Vimos que hai moitíiiisimas rías. Cando chegamos as Rías Baixas, atopamos a Ría de Arousa e descubrimos que... É A RÍA MÁIS GRANDE DE GALICIA!.
Unha viaxe espectacular!
Emprendemos a mesma “viaxe” utilizando varios mapas. Decidimos elaborar dous, un de Galicia con todas as rías e, outro da Ría de Arousa no que destacamos os principais portos pesqueiros, illas....
Quedáronnos así:
Buscamos información sobre os principais traballos da nosa ría relacionados co mar, especialmente o marisqueo, a pesca e as bateas, así coma das distintas artes e aparellos que utilizan.
Tamén quixemos coñecer as especies de peixe e marisco que viven na Ría de Arousa. Non sabiamos que había tanta variedade!
Enterámonos de que As Rías Baixas son un dos ecosistemas máis produtivos do mundo. Son especialmente ricas en bivalvos, sobre todo en diferentes tipos de ameixas, berberechos, vieiras, volandeiras...
Chegou o Entroido e nos disfrazamos de pescadores/as, mariñeiros/as e peixeiros/as. Cada un de nós ideou e amañou na súa casa o seu propio disfrace así coma unha grande “variedade de peixes e mariscos”.
Tamén preparamos uns carteis para levar ao desfile.
Xa no colexio, xurdiu a idea de poñer un posto de peixe e marisco co “produto” que tiñamos, coma os da praza de abastos. Fixemos publicidade e atraemos moitos clientes. Quitábannolos das mans!
Ademais da algarabía que se formou, a venda foi todo un éxito. ¡Que ben o pasamos!
E, unha cousa leva a outra. Tivemos que facer as contas e algunhas indagacións para calcular as ganancias, xa que nos decatamos de que había que descontar os gastos e unha porcentaxe para contribuír a Facenda. Porcentaxe? Que será iso?
¡¡Ata se achegaron as biólogas a medir a talla dos peixes!! |
Outro tema que nos interesou investigar foi o tema das mareas: que son, como se orixinan, a influencia da Lúa, mareas mortas, mareas vivas, preamar, baixamar... Iniciámonos na interpretación dunha táboa de mareas, ferramenta fundamental para a xente que traballa no mar.
Fomos mariscadores/as por un día. Visitamos os parques de cultivo de Carril para realizar o obradoiro “Marisqueo a pé”. Uns días antes consultamos a táboa de mareas para ese día.
Unha mariscadora explicounos un pouco de historia, algunhas tradicións, a importancia deste oficio para a zona, as dificultades que teñen...
Aprendemos a distinguir algúns tipos de ameixas e de algas, a manexar a gancha e o angazo, as labores de cultivo e extracción de ameixas, limpeza dos viveiros...
E agora xa sabemos o duro que é este traballo que nunha gran maioría é de mulleres.
Unha experiencia única!
Rematamos o nosos traballo cunha visita á Praza de Abastos, onde puidemos ver en vivo algúns peixes e mariscos da nosa costa xunto con outros produtos da nosa horta.
Aconteceu que canta máis información tiñamos, máis queriamos saber. Pero aquí xa rematamos. Este proxecto serviunos para achegarnos ao medio próximo, coñecer a riqueza natural da nosa ría, valorar a súa importancia e coidado e concienciarnos sobre os problemas que causan a contaminación.
Ningún comentario:
Publicar un comentario