Olaaa, ¿a que dou cobiza?
Pois xa vedes, hoxe tivemos a sorte de que Andrea Maceiras viñese ao colexio para estar con toda a rapazada de 5º do edificio da Lomba. Entre o equipo de Normalización e o da Biblioteca logramos que nos visitara.
Cada clase mercou un destes títulos "Volverás, Golfiño" e "Conta nove estrelas" da editorial Xerais. No tempo do plan lector estiveron lendo os libros e aínda que algún non rematara de todo a historia, Andrea falou dos libros pero sen desvelar o final, porque xa dicía ela que non hai cousa peor para un escritor que contar o final do conto a quen non o rematou.
Teño que vos confesar que estaban un pouco impresionados, que case non se atrevían a falar nin a preguntar, pero pouco a pouco foise rompendo o xeo. Falaron da importancia dun bo título, de porque ela elixiu estes dous en concreto, da importancia dun bo ilustrador e se eles coñecían algún outro libro que ilustrara Victor Rivas. Falaron tamén de Xulio Verne e de os libros e as cousas que a levaran a escribir "Conta nove estrelas", do espazo, de onde estabamos nós na Vía Láctea, do tipo de libros que lles gustaban a eles...
Tamén falaron da localización de "Volverás, Golfiño" da importancia dos faros, dos afundimentos do pasado e do desastre do Prestige que aparece na novela.
Despois de falar un cachiño máis, foi tan riquiña que lle asinou a todo o mundo o seu exemplar e tamén asinou o da biblioteca😍
Para rematar fixemos unha foto de Andrea cos dous quintos e os seus libros asinados. A ver se vos atopades😉
Rosalía
Ningún comentario:
Publicar un comentario