sábado, 30 de novembro de 2024

25N no Auditorio de Vilagarcía

 Hoxe 29 de novembro, a meirande parte dos centros de ensino de Vilagarcía, reuníronse no Auditorio para dar voz as personas que sofren violencia de xénero.

Fora, cunha gran pancarta manifestámonos, e dentro, parte do alumnado da Lomba (unha representación dos cursos de primaria), fixo un baile espectacular. Coa canción "Barre vasoira" de As fillas de Casandra deixaron ao Auditorio en pe. Aquí podedes velos e dicir se estou confundida ou non.


Bicos mollados.
Rosalía

mércores, 27 de novembro de 2024

O Magosto de 3 anos A

¡¡¡ Mi madriña o que tal traballaron nesta aula!!!

Esta cativada estivo traballando o esquema corporal, como é o nosos corpo, que partes o forman, as partes das cara e as extremidades. Como estamos no outono, tamén aprenderon que cousas atopamos na natureza, as castañas, sementes, follas caídas das árbores, pauciños... e con todo iso xunto, fabricaron os seus bonecos de outono.

Moito traballo, ¿a que si? Pois iso non foi todo, no seu "laboratorio creativo" e coa axuda das mestras, cadaquén elixiu como facer que os seus bonecos cobraran vida. Cantando a canción "Aí vai unha" montaron o vídeo tan chulo que vos poñemos aquí, ¡como presta velos e escoitalos!😍

Bicos mollados.

Rosalía


martes, 26 de novembro de 2024

25N no Anexo

 O alumnado de 6°C dirixidos pola súa titora Carmen, bailou e interpretou unha canción "Ni una más" de Aitana Ocaña e presentaron distintas mensaxes para celebrar o 25N.

 


Para finalizar o acto, uníronse a eles os alumn@s de 5°C, todos xuntos mostraron unha pancarta na que se lía "STOP VIOLENCIA DE XÉNERO". Desfilaron "berrando" "nin unha máis" porque o que realmente lles gustaría a todos e todas elas, así como a min, sería non ter que visibilizar este día e que desaparecera do noso calendario.

Bicos mollados.

Rosalía

 

xoves, 21 de novembro de 2024

Idol!

 Olaaa!!

E haberá quen se pregunte que que é iso de Idol!... pois o alumnado de 6º da Lomba que pertence ao club de lectura de manga e banda deseñada, NON.


 Tivemos a sorte de que se achegaran ata o noso centro as súas creadoras para poder falar do seu libro, Ene e Alba Chan.

Foi unha charla boísima e eu estiven en primeira fila para non perder detalle. Trouxeron unha presentación onde contaron como hai que facer para debuxar a banda deseñada, tipos de cómics, debuxar a man, con tableta gráfica, co ordenador... e tamén nos mostraron como debuxaban elas de pequenas e como foron evolucionando e a cantidade diferente de estilos e formas de debuxar segundo o que queiras transmitir, incluso como a cor empregada vai facer que sintas cousas diferentes ao ler. 

Por suposto non nos puidemos resistir e a pregunta da que todo o mundo quería resposta era: ¿vai haber segunda parte, terceira..., vai haber algún romance? e elas contestaron👏👏👏 Tivemos a primicia destas respostas!! ¿queredes saber cal foi? Pois... foi unha exclusiva para os e as integrantes do club de lectura!! Non podemos contar nada,😏😏🙊 algunha vantaxe temos que ter os integrantes de Debullando Contos, ha, ha, ha.😉

Animaron a que se atrevesen a debuxar, pois so debuxando consegues mellorar e asinaron, que digo asinaron, debuxaron ás personaxes deste libro para cada unha das persoas integrantes deste club e llo adicaron. De feito as mestras de 6º pensaron que houbera un secuestro na biblioteca, pois non volvían a aula. Foi un auténtico luxo telas na Lagoa e eu non me resistín a pedirlles que se fixeran unha foto comigo, para poder presumir. E postos a presumir... o comportamento da rapazada en todo momento foi fabuloso, escoitando activamente, preguntando pero mantendo as quendas de falar, agardando a que lles fixeran os debuxos... si é que teño a sorte de estar arrodeada de xente marabillosa nesta Lagoa.

Bicos mollados.

Rosalía

luns, 18 de novembro de 2024

O Banco da Amizade

 Bo día!!!

Hoxe quero ensinarvos unha preciosidade que argallaron dende a aula de 4ºB. O curso pasado escoitaran falar dunha iniciativa que é ter un banco no patio do colexio onde, as persoas que por calquera motivo estean soas, poden sentarse e quen as vexa alí saberá que están a buscar alguén con quen xogar. Así que se puxeran mans á obra e pintaran o banco que está pegado ao colexio. Claro, chegaran as vacacións de verán e parecía que xa estaba todo feito, pero non. Co comezo do novo curso, fixeron cartaces e foron polas aulas do colexio explicando o seu funcionamento  deixando un cartaz en cada aula para lembralo.


Tamén conseguiron que se pegara o nome do banco e parte dos cartaces. Aquí quedan as fotos e máis un audio para que quen aínda teña dúbidas do seu funcionamento, o poida escoitar de primeira man, ou mellor dito, de primeira orella😂😂








Bicos mollados

Rosalía🌈🌈

venres, 15 de novembro de 2024

Mochilas viaxeiras do Anexo

 Olaa, 

Aquí as temos, preparadiñas en rampa de saída, para ir ás casas do alumnado do Anexo. 

Hoxe polo Magosto marcharán e poderán ter unha chea de libros e xogos cos que estar coa lectura en familia. ¿que máis se pode pedir? Unha manchea de castañas e un libro.



Bicos mollados.

Rosalía

xoves, 14 de novembro de 2024

Club de lectura

 Olaa.

Entre onte e máis hoxe, a biblioteca non para.

Onte foi a quenda do grupo mixto. Nesta ocasión, foi Irene a encargada de lles entregar o libro "O pirata Plin, o pirata Plan" e de falar imaxinando cal sería o tema deste libro. Moi complicado non era de acertar, claro, pero na vindeira sesión xa nos dirán se lles gustou ou non.

 E hoxe o alumnado de 5ºB foi o que tivo a reunión para levar ás súas casas "Plan de rescate" de Antía Yáñez. Mariel ofreceulles varos títulos que serán os que lean neste curso, e decidiron empezar con este, e saber que é o que pasa nese colexio. Viñéronse arriba e a próxima cita xa quedou fixada para dentro de dúas semanas. E como xa son veteráns, cando ían marchar foron os que se lembraron de facer a foto, para demostrar o que lles gusta ler e poder, dende as súas casas, navegar ata esta lagoa e ser "famosos/as".

Bicos mollados.

Rosalía

xoves, 7 de novembro de 2024

Continúa rodando o Club de lectura

 Olaaa,

Onte, mércores, o alumnado de 4º da Lomba empezou a súa andaina no club de lectura desta lagoa. Estaban coma un flan, tiñan milleiros de preguntas que lle facer a Mariel, que que pasaba se non podían vir ás reunións, se non acababan o libro, se podían merendar... Pois todo iso xa lles quedou clariño e mentres merendaban, si, merendaban, porque aínda que normalmente non se pode comer na biblioteca, cando temos reunións do club de lectura ou preparación dalgunha actividade que nos leva todo o recreo, por suposto que merendamos, hai non, que de aquí non marcha ninguén con fame!

O libro proposto foi "Dona Problemas" do Hematrocrítico, e claro, o primeiro que pensaron era que a protagonista era a problemática, pero non, e ata aquí podo contar. Quedaron moi contentos e para a seguinte reunión, falaremos das súas impresións sobre o libro.


Hoxe, xoves, foi a quenda do alumnado de 6ºB. Desta volta o que se debullou foi Banda deseñada e o libro escollido "Idol!" de Alba Chan e Ene. Entre Fernando e Mariel lles presentaron este libro, que é en galego, no sentido oriental de lectura, feito  por dúas rapazas galegas e premiado como mellor Banda deseñada do ano. Unha das cousas que máis lles gustou, foi saber que ían ter a oportunidade de falar con elas dúas o vindeiro 20 de novembro!!! 😵Si, lestes ben, van vir ao colexio e van estar co alumnado de 6º do club de lectura. Eu non o penso perder, de feito, xa me lin o libro e espero que me asinen un deles para poder telo na biblioteca e poder alardear de que estiven con elas😍 So hai que lles mirar as cariñas que tiñan para se decatar de que coma min, non lles da chegado o día 20.

Bicos mollados.

Rosalía

mércores, 6 de novembro de 2024

Traballando o PDI Folk na Lomba

Parte do  alumnado do Anexo foi a Santiago e estivo no Museo do Pobo Galego onde falaron (e nunca mellor dito) da importancia da transmisión oral, da poesía no mantemento e conservación do noso patrimonio, da música en particular e da cultura en xeral.

Aquí vos deixo os enlaces ao Facebook do Museo do Pobo Galego e do vídeo que lles fixeron en Youtube.

https://www.facebook.com/share/p/1L3UtWSMBa/ 


 Foi unha visita moi interesante, xogaron a cachón e volveron ao colexio sabendo moitas cousas novas.

Bicos mollados.

Rosalía