Amosando publicacións coa etiqueta Club lectura 24-25. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Club lectura 24-25. Amosar todas as publicacións

xoves, 19 de xuño de 2025

Entrega de diplomas de Voluntariado e dos Clubs de lectura

 Mi madriña!!! Non dabamos feito, esta biblioteca ten moita sorte, está moi, pero que moi viva.

¿A que non acertades co número do alumnado Voluntario? Seguro que non, 31 axudantes da nosa Lagoa, dise pronto. Haber hai máis, pero que axudaron moito menos e non chegaron aos requisitos mínimos que se pide neste programa. Non por iso son menos importantes, pero non levan o recoñecemento pleno.

¿E o número dos integrantes dos clubs de lectura? Aí si que non ides acertar nin de broma... ¡¡89!! si, lestes ben, oitenta e nove. Estamos contando so ás persoas, porque moita desta xentiña, está  no de narrativa, pero tamén no de manga / banda deseñada. Para que digan que a infancia non le, se cadra noutros centros non, pero aquí dende logo que SI.

 Vou poñer unhas fotiños dos días das entregas, non está todo o mundo, xa se sabe, con estes cambios de temperatura houbo bastantes gripes e non saen na foto, pero levar levaron os seus diplomas e pequenos agasallos cos que dende a biblioteca queremos devolver dalgún xeito o cariño que nos dan eles e elas participando nas nosas actividades. Ademais como coincidía cunha nova representación da obra de teatro "Mamasiña, que medo" os actores e actrices tiveron que marchar escopetados unha vez lles din o diploma, é o que ten ser artistas!!

 









Un pracer  ter contado con tanto alumnado implicado.

Bicos mollados.

Rosalía 

 

xoves, 8 de maio de 2025

Continuamos lendo

 Olaa,

O club de lectura segue a se reunir. Por unha banda co libro "Mi nombre es Skywalker" e pola outra, rematando "El ratón de biblioteca" e levando xa "My hero academy" para rematar este curso. Hai moitos grupos e tantas actividades a coordinar que o tempo da para o que da. 


Bicos mollados.

Rosalía


luns, 7 de abril de 2025

Fabulosas creacións das nosas artistas

 Olaaa,

Este club de manga noso está a dar froitos. Despois da visita en persoa de Alba Chan e Ene á lagoa, e de compatir con nós o seu mundo da ilustración, a rapazada do club está a facer cousas preciosas. Para mostra un botón.

 




Estamos seguros de que nuns aniños, serán elas as que veñan cos seus libros para seren entrevistadas e mostrarnos o seu traballo impreso.

 









Bicos mollados.

Rosalía

venres, 4 de abril de 2025

Debullando intensamente


 Non paramos, len todo o tempo, non dou feito para publicar todo o que se reunen para estes clubs de lectura do centro. quedaban atrás sen publicar varias reunións e outras tantas que por mor de  diferentes actividades tiveron que ir adiándose, e mesmo porque non ía internet no centro e non podiamos ver o que tiñamos pensado para completar estas lecturas.

 Aquí temos a 6ª A coa lectura "Eu tamén fun pequena" de Concha Blanco.
 
Ao noso grupo mixto con "El club de los raros" de Jordi Sierra i Fabra.

 
Un grupo de 5º Con "Detective Connan" de Gōshō Aoyama
 
Un de 4º con "Formigas, Misión Rosalía" de Pere Tobaruela xa que se achegaba o día de Rosalía.

 
 De novo un grupo de 5º ao rematar o libro do Detective Connan.
 
 
6ºA desta volta con manga "El ratón de Biblioteca" de Miya Kazuki e foi Mariel a que llo presentou, porque aínda que o manga non é un mundo que a apasione, (para iso temos a Fernando 😇) desta volta, o tema si que lle toca de cerca, pois a lectura lle apasiona.
 
5ºA na presentación de "Formigas: Misión Entroido" de Pere Tobaruela, que viña que nin pintado coas tradicións que estamos a traballar no noso PDI

 
 
4º A con "Eu tamén fun pequena" de Concha Blanco, que lles vai facer pensar e apreciar moitas cousas que hoxe parece que sempre estiveron aí e que non hai moito nin sequera estaban inventadas.
 
Desta volta, 6ºB leva para as súas casas o manga "El ratón de Biblioteca" de Miya Kazuki que xa levaran os de 6º A.

 
 
E para rematar esta ronda de fotos publicadas, o grupo de 5ºB rematando con Detective Connan.
 
Ademais destas fotos, que dan fe das reunións, houbo moitas outras nas que non nos lembramos de facer as fotos, como é no caso do Anexo ou de 6ºB con "Varetai. Protectora de espíritos " de Alba de Evan.
 
Está claro que neste cole ler, lese. Non poido estar máis que contenta e sentirme afortunada, pois cando falo con outras bibliotecarias da contorna, nin hai tantos grupos, nin son tan numerosos.
 
¡¡¡Viva Debullando Contos!!!!
 
Bicos mollados.
Rosalía
 
 
 

venres, 7 de febreiro de 2025

Fomentando o Club de Lectura "Debullando contos"

 Olaaa,

¿Quen mellor que pate das integrantes do club para tentar convencer de que é unha actividade moi chula?

Nós podemos dicir moitas cousas, pero elas o contan de maravilla. Aí quedan as recomendacións de Uxia,de 6C y Antia de 5C para ver se vos convencen e cada vez somos máis.

Bicos mollados.

Rosalía


xoves, 19 de decembro de 2024

Xa no límite das vacacións de Nadal

 Ola!

O pequeno grupo mixto de lectura que estaba a levar Irene, levou hoxe o segundo título deste curso: "El club de los raros" de Jordi Sierra i Fabra. Despois da primeira lectura querían un libro un pouquichiño máis longo, e pareceunos que este lles ía prestar. O seu compañeiro non estivo na reunión, esperemos que veña buscalo para poder aproveitar as vacacións para lelo con calma.


Bicos mollados.

Rosalía





venres, 13 de decembro de 2024

Gusto pola lectura

 Sei que parece que nos estamos a repetir, pero é que neste colexio o gusto pola lectura está por todas partes. 

O alumnado de 4º levou os libros de Super Mario que Fernando lles presentou, para casa. Estaban emocionados, porque era a estrea do club de lectura de banda deseñada nese grupo, que o curso pasado aínda non podían participar.



As súas caras xa o din todo, non teño máis que dicir.

Bicos mollados.

Rosalía





sábado, 7 de decembro de 2024

Non paran de ler!!!

 Olaaa,

Pois si, ¡¡¡a rapazada toda apuntada no club de lectura está entusiasmada!!

O día 3 reuníronse parte dos de 5º con Fernando para levar o libro "Detective Connan"  Alucinaron de cando se decataron de que en Galicia foramos pioneiros en ver o anime destes libros. Tamén viron uns vídeos onde sae unha cantante "Pauliña" que canta a canción introdutoria da serie en galego. O de Sherlock Holmes soáballes, pero aprenderon que o autor do libro, púxolle este nome ao detective coma unha chiscada de ollo ao seu escritor, Sir Arthur Connan Doyle. ¿Quen dixo que no club de manga e banda deseñada non se fai máis que ler?


Tamén os de 5º pero de literatura (algúns están nos dous, do que lles gusta ler), reuníronse con Mariel o xoves 5 para falar de "Plan de rescate" de Antía Yañez. Á maioría encantoulle, pero como ben falamos sempre, non a todo o mundo lle ten que gustar o mesmo, afortunadamente. No que si estaban de acordo en que o principio foi un pouco raro e pensaron que aquel libro non lles ía emocionar, pero claro, desapareceu unha profe e aí xa se animou máis a festa, he, he.

 


Non quixeron agardar á seguinte sesión para levar un novo libro, dixeron que ían aproveitar as vacacións de Nadal para adicarse á lectura. Como o libro elixido foi "Harry Potter e a cámara segreda" de J.K. Rowling e ten bastante para ler, todo o mundo estivo de acordo en que era unha moi bos idea.

E diredes vos, ¿que pasa cos de 4º? ¿Non se reúnen? Claro que si, ho, pero esqueceron facer a foto, falaron tanto, tan entusiasmados do seu libro, de estar nun club, das partes que lles fixeron máis gracia e das que non. Comentaban como era posible que con tantas cousas diferentes que podían ter saído mal, ao final todo saíu ben. Si é que Dona Problemas é unha artista resolvendo todo. Mariel ensinoulles a continuación  deste libro,  que ten aínda por catalogar, e se era posible que o fixese rápido, para así seguir lendo as súas aventuras. Penso que si que lles ha de facer caso, porque ante unha petición para seguir lendo... quen tenta parar o mar...!!😁

Os de 6º estanse a reunir coa profe Alba e aproveitan que teñen o recanto de lectura xusto ao lado das portas da súas aulas, que xa nin baixan á biblioteca, para así poder falar un chisco máis. O libro elixido é "Varetai, Protectora de espíritos" de Alba de Evan. Moito lles presta esta lectura, xa nos dirán como remata o conto, e nunca mellor dito😉

Bicos mollados.

Rosalía

xoves, 21 de novembro de 2024

Idol!

 Olaaa!!

E haberá quen se pregunte que que é iso de Idol!... pois o alumnado de 6º da Lomba que pertence ao club de lectura de manga e banda deseñada, NON.


 Tivemos a sorte de que se achegaran ata o noso centro as súas creadoras para poder falar do seu libro, Ene e Alba Chan.

Foi unha charla boísima e eu estiven en primeira fila para non perder detalle. Trouxeron unha presentación onde contaron como hai que facer para debuxar a banda deseñada, tipos de cómics, debuxar a man, con tableta gráfica, co ordenador... e tamén nos mostraron como debuxaban elas de pequenas e como foron evolucionando e a cantidade diferente de estilos e formas de debuxar segundo o que queiras transmitir, incluso como a cor empregada vai facer que sintas cousas diferentes ao ler. 

Por suposto non nos puidemos resistir e a pregunta da que todo o mundo quería resposta era: ¿vai haber segunda parte, terceira..., vai haber algún romance? e elas contestaron👏👏👏 Tivemos a primicia destas respostas!! ¿queredes saber cal foi? Pois... foi unha exclusiva para os e as integrantes do club de lectura!! Non podemos contar nada,😏😏🙊 algunha vantaxe temos que ter os integrantes de Debullando Contos, ha, ha, ha.😉

Animaron a que se atrevesen a debuxar, pois so debuxando consegues mellorar e asinaron, que digo asinaron, debuxaron ás personaxes deste libro para cada unha das persoas integrantes deste club e llo adicaron. De feito as mestras de 6º pensaron que houbera un secuestro na biblioteca, pois non volvían a aula. Foi un auténtico luxo telas na Lagoa e eu non me resistín a pedirlles que se fixeran unha foto comigo, para poder presumir. E postos a presumir... o comportamento da rapazada en todo momento foi fabuloso, escoitando activamente, preguntando pero mantendo as quendas de falar, agardando a que lles fixeran os debuxos... si é que teño a sorte de estar arrodeada de xente marabillosa nesta Lagoa.

Bicos mollados.

Rosalía

xoves, 14 de novembro de 2024

Club de lectura

 Olaa.

Entre onte e máis hoxe, a biblioteca non para.

Onte foi a quenda do grupo mixto. Nesta ocasión, foi Irene a encargada de lles entregar o libro "O pirata Plin, o pirata Plan" e de falar imaxinando cal sería o tema deste libro. Moi complicado non era de acertar, claro, pero na vindeira sesión xa nos dirán se lles gustou ou non.

 E hoxe o alumnado de 5ºB foi o que tivo a reunión para levar ás súas casas "Plan de rescate" de Antía Yáñez. Mariel ofreceulles varos títulos que serán os que lean neste curso, e decidiron empezar con este, e saber que é o que pasa nese colexio. Viñéronse arriba e a próxima cita xa quedou fixada para dentro de dúas semanas. E como xa son veteráns, cando ían marchar foron os que se lembraron de facer a foto, para demostrar o que lles gusta ler e poder, dende as súas casas, navegar ata esta lagoa e ser "famosos/as".

Bicos mollados.

Rosalía