Amosando publicacións coa etiqueta Biblioteca creativa 24-25. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Biblioteca creativa 24-25. Amosar todas as publicacións

luns, 16 de xuño de 2025

Poesía e pandeireteiras en Infantil da Lomba

 Olaa,

Parte do alumnado de infantil traballou a reo, aprenderon poemas  e debuxaron a unhas pandeireteiras fabulosas que eran eles e elas mesmos que maxicamente cobraron vida, non volo perdades😉


Bicos mollados.

Rosalía 

domingo, 8 de xuño de 2025

O corpo humano en infantil

 Olaa,

O alumnado de infantil na Lomba aprende un montón de cousas e as súas mestras póñenllo doado, porque aínda que da traballiño facer todo isto, despois da moito máis gusto velo e repasar o aprendido. Non é bo estar coas pantallas todo o tempo, pero un chisquitiño si.

Genially (premer)

Bicos mollados.

Rosalía 

venres, 6 de xuño de 2025

Ricos paninis

 Os de 4ºB seguramente tiveron algo de cobiza do concurso que fixeron os de 4ºA que hoxe, xa sexa por iso ou por fame, optaron por usar tamén eles o forno e preparar uns ricos paninis. ¡¡¡Como arrecendía na biblioteca!!!


Bicos mollados.

Rosalía 

luns, 2 de xuño de 2025

Mamasiña , que medo!!!!

 Parte do alumnado de 5º e 6º da Lomba preparou durante todo o curso a obra "Mamasiña, que medo" de    como obra de teatro. Encantoume o ben que o fixeron e nas tres sesións que fixeron, o público non chiaba, do atentos que estaban. Risas botamos, iso si. 





Todo o traballiño do ano, ensaiando nos recreos, memorizando, buscando vestiario,  música, pintando os decorados e por fin, estreando a obra. Ademais no medio está metida unha cantiga de cego, moi apropiada neste ano, onde a tradición oral é un dos piares do noso PDI.

Hai que lle dar a gracias ao profe Víctor, que foi o que estivo traballando con elas e eles e iso son moiiiitos recreos. 😍

PDI 3ºA e 3ºB

 Neste curso adicámonos a aprender moito sobre a música tradicional galega, nomeadamente na figura das pandeireteiras e a transmisión popular oral.

Na aula de música e nas actividades de plástica, que se recollen nunha entrada diferente, podemos ver moito do traballado neste curso: cantar cantigas e coplas, aprender baile galego ou coñecer distintos persoeiros da cultura plástica e artística de Galicia.Música e plástica

Aprendemos o papel das cantareiras e as vidas e valía destas mulleres que mantiveron a nosa cultura e música, que transmitiron moitos saberes e, como non, a retranca, símbolo do noso idioma.

Preguntamos na casa se sabían refráns sobre o tempo e que querían dicir. Ao haber moito alumnado estranxeiro, fixemos unha comparativa de refráns, cales querían dicir o mesmo, se serían traducións, como a xente acaba tendo en conta as mesmas cousas aínda que vivan en lugares do mundo tan separados uns doutros... Foi moi curioso o resultado. Vimos que o tempo, tanto meteorolóxico como cronolóxico, está moi relacionado coa relixión e cos santos, San Brais, Santa Lucía, A Candelaria... e os meses do ano.


 

No Entroido, todo o colexio participou cos diferentes disfraces tradicionais. Nós fomos do Enterro da Sardiña. É algo que se celebra por todo o alto moitas zonas de Galicia, dando lugar ao fin do Entroido, pero non en tódolos sitios vai igual. Aquí, en Carril, levan unha sardiña que se queima ao final do percorrido, no que se vai chorando, vestidos de loito, lembrando o boa que era a defuntiña. Cántanse coplas e nós coa base da música de "O Gato" inventamos tres coplas e retrouso falando do pouco que nos gusta vir ao colexio (si que nos gusta, pero nese momento é o mundo ao revés, he, he) e ao final, indultamos á Sardiña, tanto nos gustara facela e tanto cariño lle collemos, que volveu con nós para o colexio.

Tiñamos pensado que viñera "Pauliña" unha cantante galega moderna para lle facer unha entrevista ademais de escoitala cantar en directo, pero unha serie de circunstancias impediu que se achegar ao colexio. Quen si que estivo foi Xosé Ameneiro, carrilexo, ghaiteiro, músico e escritor.

Contounos un montou de cousas sobre os instrumentos tradicionais, mellor dito, ensinounos, porque o despregue de instrumentos que trouxo á biblioteca foi impresionante, e non só iso, é que tocaba todos e cada un deles. Ensinounos a facer un instrumento de percusión cunha casca de noz, un pauciño dun xeado e unha gomiña. Tamén que podemos aproveitar as cunchas das vieiras para tocar diferentes ritmos.Xunto coas cantareiras, moitas veces estaban cegos que cantaban e tocaban violíns ou mesmo zanfonas. A entrevista que se lle fixo demostrounos que sabe moito, que o sabe contar e o sabe tocar, e mesmo escribir, pois tamén é o escritor dun libro "Agustín Lorenzo Loroño; o gaiteiro de Catoira" con quen el tivo a sorte de tocar cando era aínda un rapaz e xa non tan novo.


 Non fixemos exactamente o que tiñamos pensado ao comezo, foron xurdindo outras cousas polo medio coma o obradoiro de baile galego coa mestra de música e con Marcela, unha das compoñentes da Banda da Loba, que temos a sorte de que está a traballar neste ano no noso colexio. Tamén aprendemos a tocar as cunchas e a pandeireta e moitas das horas dos recreos que chovía, a música empregada era tradicional, con coplas destas mulleres, e bailamos pola clase adiante.

Parte da clase participou en diferentes actividades representando a todo o colexio, nun vídeo explicando o que era o Enterro da Sardiña, noutro bailando cunha coreografía coa música  "Moiras" das Fillas de Cassandra. En fin, que este curso deu para moito e para moito máis que daría. O importante é que agora coñecemos e valoramos máis o tradicional, o saber popular e que sen mulleres bravas, o nosos patrimonio cultural e musical non sería tan completo.


sábado, 31 de maio de 2025

¡¡¡¡PARABENS 6º C!!!!

 ¡¡¡¡Que alegría teño no corpo!!!!

 

O alumnado de 6ºC que está participando no concurso de oratoria da Fundación Barrié , acadou o primeiro premio da súa categoría, despois de pasar clasificatorias, semifinais e por fin o ansiado 1º posto.  

Foron recibidos na Estación do tren como se merecen, a pesar do día tan longo, dos nervios e da viaxe, chegaron de volta cun sorriso que non lles cabía na cara. Ao berro de "¡¡Pública!!" os esperaban na estación. Por riba de moitos colexios privados, a escola pública está aí, arriba, como deber ser.

Ser capaces de levar un discurso, rebater, redicir, transmitir, ter compostura e sobre todo non ter medo a expresar o que se di, é algo que xa teñen aprendido, e que é importantísimo nesta vida, en todos os ámbitos. 

Como non podía ser doutro xeito, saíron na prensa, aquí deixo un pequeno dossier cos enlaces. 

Voz de Galicia  Quincemil Fundación Barrié

Bicos mollados.

Rosalía 

mércores, 28 de maio de 2025

Biblioteca creativa, obradoiro de BrazoLinda

 Olaa,

Tivemos a sorte de que nos viñeran visitar e mostrar o seu traballo as compoñentes de Brazolinda. O alumnado de 3º, 4º e 5º da Lomba tiveron un obradoiro onde lles ensinaron unha chea de xogos que deseñaron elas, algúns en madeira, outros con cartoné, en tea... pero TODOS en galego, polo que que mellor para este o noso ano de tradicións. a ecoloxía formou parte dalgún xogo, como coñecer a nos mitoloxía e as matemáticas, pero dun xeito moi ameno. 


O mellor de todo, as súas caras e despois de lles preguntar si lles gustara algún xogo e se querían que a biblioteca mercara algún😂 TODOS!!!! foi a súa resposta. Todos non podemos, pero xa temos unha chea deles encargados, esperemos que cheguen antes de rematar o curso para xa estrealos. Aquí vos deixo unha mostra, que as caras o din todo😊

Bicos mollados.

Rosalía 

mércores, 21 de maio de 2025

PDI 2ºA e 2ºB

 

Durante o primeiro e segundo trimestre os nenos e nenas de 2ºA e 2ºB recompilaron coa axuda das familias refráns da tradición oral galega. Logo ilústramos en clase e elaboramos un libro en cada aula, O refraneiro de 2ºA e O refraneiro de 2ºB. Tamén fixeron un audiolibro para cada aula, que se puxo a disposición da comunidade educativa a través da páxina web do centro. Por último fixemos presentacións dos Refraneiros ao resto de aulas do centro co gallo de que os nenos e nenas de tódolos cursos o desfrutasen e traballar así tamén a expresión oral.

En Nadal traballamos as panxoliñas, o canto de Reis e fixemos unha saída á contorna para pedir o aguinaldo. E no Entroido traballamos os traxes e bailes populares de Galicia e os nenos e nenas bailaron unha muiñeira e desfilaron vestidos de Madamas e Galáns de Cores.

Ao longo do segundo e terceiro trimestre os nenos e nenas de 2ªA e 2ªB investigaron sobre os mitos e lendas de Galicia. Cada neno ou nena investigou unha lenda ou un mito galego e posteriormente preparou unha presentación oral que gravou en vídeo. Estes vídeos están dispoñibles na aula virtual do centro para que todas as familias e os nenos e nenas poidan velos cando gusten.

Tamén os nenos e nenas de 2ºA e 2º B fixeron un pequeno proxecto para traballar os entroidos tradicionais galegos, aproveitando que tamén foi o tema do Entroido do cole de este ano.

No terceiro trimestre traballamos os contos de tradición oral galega, escoitando algúns deles, e facendo algunhas manualidades sobre os protagonistas.

mércores, 14 de maio de 2025

Visita de Xosé Ameneiro

 Olaa,

Hoxe estivo na nosa biblioteca Xosé Ameneiro, gaiteiro, músico, compositor, fotógrafo e escritor. ¡¡Unha chea de cousas!! 

 En principio viña para as clases de 3º, pero unha vez que estaba no centro, pedímoslle se podía contar e ensinarlle o que traía a algún curso máis, así que o alumnado de 2º e de 5ºB puido aprender unha chea de cousas tamén. Foi membro fundador do grupo de música folk "Leixaprén" e se considera gaiteiro e frautista por riba de todo.

Mostrounos como era unha zanfona, as súas partes, como soaba en función das cordas que se fregaban,e incluso que a unha desas cordas chámaselle "can" e que noutros sitios chámanlle mosca. Falando das notas que se conseguían coa zanfona, fixo un invento de tocar o violín á vez que lle daba ao veo para que soasen á vez. 😜 Aprendemos que aínda que ao principio as zanfonas foran unha evolución do organistrum e só se tocaba nos pazos e na burguesía, acabou sendo un instrumento que tocaban moitos cegos, que tiñan que buscar algún xeito de gañar o pan. Algo parecido pasou cos violíns e vimos un pequeno vídeo de Florencio, o cego dos Vilares, que era un pozo de sabiduría nisto das coplas.

 Fixo unha demostración tocando unha peza xunto coas Tanxugueiras, si, lestes ben😅. A ver, non é que viñeran elas ao colexio, é que puxo unha das súas pezas na pantalla e acompañounas, a sensación era ben bonita e soaba todo moi compasado.

Contounos que o seu primeiro instrumento foi unha harmónica cando era pequerrecho e que dende entón, a música sempre o acompañou, ou el á música, depende de como se mire. O que é ben certo é a cantidade de instrumentos que nos trouxo e que nos tocou, ¡mi madriña que despregue había na biblioteca!

Empezou polos de vento, frautas de pico, pequeniñas e enormes, traveseiras, ensinou como facer cun tubo de plástico unha, e mesmo como facer unha de émbolo. Tamén tocou unha ocarina pequena, polo tamaño realmente é un asubío, case non se lle vía no medio dos dedos, pero soaba de medo! Non é que dese medo ho, era que se escoitaba moito. Dentro do vento está o acordeón, que non é soprado, pero é vento, e fixo unha pequena demostración

Non podemos obviar á raíña do vento na música tradicional, trouxo dúas, explicou as súas partes, para que serven, como soan e mesmo trouxo un barquín, unha peza que fai que en vez de ter que encher o fol soprando o soprete, énchese abrindo e pechando o barquín, deste xeito, pódese cantar todo o tempo, pero a min case me da un mareo de pensar en mover o brazo dereito para encher, apremar co esquerdo para que saia o aire do fol, mover os dedos para tocar e por riba de todo iso, cantar!!! Este home é un artista😆

Continuou cos de percusión, a pandeireta, o pandeiro, o tambor e o bombo, xunto cunhas ras de madeira que soaban moitísimo, máis agudas ou graves en función do tamaño, si é que é sabido que as ras damos para moito, unhas lemos poesía e outras fan música. Aprendemos como con algo tan sinxelo como unha casca de noz, un pauciño cha (dos xeados) e unha goma destas das caixas de zapatos podemos construír un instrumento musical, doadísimo!!!! As tarrañolas e os diferentes son dependendo do material co que están feitas, quedou moi explicado neste vídeo.


 Entre o noso alumnado hai xente que toca a pandeireta e que animaron a saír ao fronte e tocar un pouquichiño con el. Outra rapaza toca a batería, así que poñendo unha pandeireta para facer de caixa e co tamboril e o bombo, montaron unha batería improvisada. Si é que no cole estamos cheos de artistas.

 

O profe Victor quíxose unir á festa e acabaron botando unha xuntos, da xenio miralos.


Eu aproveitei e probei para ver se era quen de tocar un pouco todo aquilo, e algo fixen, polo menos na foto da o pego.


 Non podemos rematar esta contada sen de agradecer de novo a Xosé Ameneiro que quixera compartir con nós o seu bo facer, o seu tempo e a súa música, así como o libro co que nos agasallou para a biblioteca "Agustín Lorenzo Loroño, o gaiteiro de Catoira". De mozo tocou con el e non quixo que o seu legado quedase no esquecemento.


 Tentaremos que volva doutra volta para que poida máis alumnado aprender de e con el.

Entrementres, queda un vídeo para que poidades ver todo o que vos contei, que seguro que queda moito sen poñer. 

Bicos mollados.

Rosalía

martes, 22 de abril de 2025

Radio no Anexo

 Olaa,

O alumnado de 6ºC gravou o 30 de marzo un podcast para presentar ao concurso José Hermida da cadena Ser.

Non gañamos, pero pasar, pasámolo moi ben. Iremos a Pontevedra o 6 de xuño a un programa con Carles Francino por teren participado e así non so escoitar a un das mellores voces da radio da actualidade, senón a velo tamén.😍

Ikigai (preme aquí para escoitalo)

Bicos mollados.

Rosalía

martes, 15 de abril de 2025

Chefs na Lomba

 O alumnado de 4º A da Lomba quixo facer o seu propio Masterchef e aproveitando os recursos da biblioteca puxo en marcha o seu concurso.


 

Polas mañás os cociñeiros e cociñeiras desa xornada, preparaban o que precisaban e diante do resto da clase cociñaban e degustaban os manxares. E pensaredes que é doado... pois non o é tanto, tiñan que saber facelo, si, pero tamén escribir a receita, saber explicar ordenadamente os pasos, non esquecer ingredientes na casa, o emplatado... Aquí queda unha pequena mostra.





O resultado foi fabuloso, eu que probei varias das  viandas podo dicir que esta rapazada non vai morrer de fame, son uns artistas👏👏👏👏 

luns, 7 de abril de 2025

Fabulosas creacións das nosas artistas

 Olaaa,

Este club de manga noso está a dar froitos. Despois da visita en persoa de Alba Chan e Ene á lagoa, e de compatir con nós o seu mundo da ilustración, a rapazada do club está a facer cousas preciosas. Para mostra un botón.

 




Estamos seguros de que nuns aniños, serán elas as que veñan cos seus libros para seren entrevistadas e mostrarnos o seu traballo impreso.

 









Bicos mollados.

Rosalía

domingo, 6 de abril de 2025

Recibindo á cativada da Escola Infantil Municipal

 Olaaaa,

Houbo unha chea de días especiais para o noso voluntariado e para os máis grandes da cativada da Escola Infantil Municipal. Como xa ven sendo costume, este é o terceiro ano xa, temos a sorte de que nos veñan visitar, para coñecer o noso colexio e normalmente a biblioteca. Este ano, por mor da reorganización co cambio de sistema operativo de préstamo, a nosa biblio está un pouco revolta, pero temos no centro unha novidade: o laboratorio infantil!!! Na que era a aula de tres anos B, creouse un laboratorio no que experimentar con todos os sentidos. A biblioteca colaborou coa merca de luces negras e coa merca de máis libros de ler a escuras.

Houbo varias quendas para estas visitas, previstas para o 19, 20, 26 e 27 de marzo, pero houbo que adiar un par delas por mor do tempo, que aínda que os nosos centro están pegadiños, cando diluvia, ata ese pequeno percorrido faise moito. En cada unha destas quendas, o noso voluntariado recibiunos, levounos ata a aula e empezaron a actividade léndolles un par de contos dos que coa luz negra, as palabras e os debuxos resplandecen e podemos ler. ¡Unha chulada! Dalgunha das voltas, o voluntariado de tan ansioso que estaba por baixar, esqueceu poñer o peto, son os nervios do directo😂


Despois dependendo das obrigas deste voluntariado, algúns quedaron a botar unha man con todos os experimentos que alí se fixeron ou tiveron que volver ás aulas, pois nalgúns casos había exames ou outras actividades que non se querían perder. É que o noso cole non para, case todos os días hai algo que facer. 
























 E que saibades que saímos no xornal, que foi unha actividade que deu para falar, para experimentar, para sentir, para disfrutar e sobre todo para lembrar!!!

 E se preferides ver a nova no propio xornal, velai vai o enlace. Xornal 

¡Como presta tanta actividade!

Bicos mollados.

Rosalía.