Neste curso adicámonos a aprender moito sobre a música tradicional galega, nomeadamente na figura das pandeireteiras e a transmisión popular oral.
Na aula de música e nas actividades de plástica, que se recollen nunha entrada diferente, podemos ver moito do traballado neste curso: cantar cantigas e coplas, aprender baile galego ou coñecer distintos persoeiros da cultura plástica e artística de Galicia.Música e plástica
Aprendemos o papel das cantareiras e as vidas e valía destas mulleres que mantiveron a nosa cultura e música, que transmitiron moitos saberes e, como non, a retranca, símbolo do noso idioma.
Preguntamos na casa se sabían refráns sobre o tempo e que querían dicir. Ao haber moito alumnado estranxeiro, fixemos unha comparativa de refráns, cales querían dicir o mesmo, se serían traducións, como a xente acaba tendo en conta as mesmas cousas aínda que vivan en lugares do mundo tan separados uns doutros... Foi moi curioso o resultado. Vimos que o tempo, tanto meteorolóxico como cronolóxico, está moi relacionado coa relixión e cos santos, San Brais, Santa Lucía, A Candelaria...
No Entroido, todo o colexio participou cos diferentes disfraces tradicionais. Nós fomos do Enterro da Sardiña. É algo que se celebra por todo o alto moitas zonas de Galicia, dando lugar ao fin do Entroido, pero non en tódolos sitios vai igual. Aquí, en Carril, levan unha sardiña que se queima ao final do percorrido, no que se vai chorando, vestidos de loito, lembrando o boa que era a defuntiña. Cántanse coplas e nós coa base da música de "O Gato" inventamos tres coplas e retrouso falando do pouco que nos gusta vir ao colexio (si que nos gusta, pero nese momento é o mundo ao revés, he, he) e ao final, indultamos á Sardiña, tanto nos gustara facela e tanto cariño lle collemos, que volveu con nós para o colexio.
Tiñamos pensado que viñera "Pauliña" unha cantante galega moderna para lle facer unha entrevista ademais de escoitala cantar en directo, pero unha serie de circunstancias impediu que se achegar ao colexio. Quen si que estivo foi Xosé Ameneiro, carrilexo, ghaiteiro, músico e escritor.
Contounos un montou de cousas sobre os instrumentos tradicionais, mellor dito, ensinounos, porque o despregue de instrumentos que trouxo á biblioteca foi impresionante, e non só iso, é que tocaba todos e cada un deles. Ensinounos a facer un instrumento de percusión cunha casca de noz, un pauciño dun xeado e unha gomiña. Tamén que podemos aproveitar as cunchas das vieiras para tocar diferentes ritmos.Xunto coas cantareiras, moitas veces estaban cegos que cantaban e tocaban violíns ou mesmo zanfonas. A entrevista que se lle fixo demostrounos que sabe moito, que o sabe contar e o sabe tocar, e mesmo escribir, pois tamén é o escritor dun libro "Agustín Lorenzo Loroño; o gaiteiro de Catoira" con quen el tivo a sorte de tocar cando era aínda un rapaz e xa non tan novo.
Non fixemos exactamente o que tiñamos pensado ao comezo, foron xurdindo outras cousas polo medio coma o obradoiro de baile galego coa mestra de música e con Marcela, unha das compoñentes da Banda da Loba, que temos a sorte de que está a traballar neste ano no noso colexio. Tamén aprendemos a tocar as cunchas e a pandeireta e moitas das horas dos recreos que chovía, a música empregada era tradicional, con coplas destas mulleres, e bailamos pola clase adiante.
Parte da clase participou en diferentes actividades representando a todo o colexio, nun vídeo explicando o que era o Enterro da Sardiña, noutro bailando cunha coreografía coa música "Moiras" das Fillas de Cassandra. En fin, que este curso deu para moito e para moito máis que daría. O importante é que agora coñecemos e valoramos máis o tradicional, o saber popular e que sen mulleres bravas, o nosos patrimonio cultural e musical non sería tan completo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario