domingo, 8 de xuño de 2025

Memoria do PDI de 4º A e 4ºB

 

As alumnas e os alumnos de 4º A e B da Lomba realizamos este curso moitas actividades arredor das nosas tradicións. Comezamos cunha iniciativa que nos encantou xa que, antes das vacacións de Nadal, saímos polas rúas da nosa vila a cantar panxoliñas e así recuperar o tradicional Canto aos Reises. Conseguimos un bo aguinaldo: mexillóns, luras, cabazas, pan,etc. Con todo o bote, os cociñeiros e cociñeiras da Lomba, prepararon un delicioso aperitivo que desfrutamos todos xuntos no comedor. Esperamos que esta iniciativa se converta nunha tradición de Nadal e poder repetir o próximo ano!




No Entroido, fixemos unha viaxe polas diferentes localidades de Galicia achegándonos ós seus festexos. Nós eliximos o Entroido de Pontevedra e, na clase, elaboramos un disfrace do loro Ravachol. Centos e centos de plumas encheron as nosas aulas!


Durante todo o curso moitas e moitos de nós participamos no obradoiro de pandeireta organizado pola mestra Marcela.

Pasámolo xenial e aprendemos moitas cousas.Mesmo algúns decidiron continuar coa aprendizaxe fóra da escola e mercaron a súa primeira pandeireta. Pero non só temos principiantes nisto da pandeireta, tamén temos moitas expertas e expertos que participaron no Festival Escolar do Día das Letras Galegas no Auditorio de Vilagarcía. Ademais, aproveitando o Día das Letras Galegas, na clase analizamos a vida de pandeireteiras importantes. Realizamos unha pandeireta bibliográfica e un minilibro coa información máis importante.

Non podemos esquecer do ben que o pasamos no I CantaArousa. Que emocionante foi compartir ese día con mestres, familias e compañeiros doutras escolas !

Vémonos o ano que ven !


As alumnas e alumnos de 4.º da Lomba.

Ningún comentario:

Publicar un comentario