xoves, 5 de xuño de 2025

PDI 3ºC e 4ºC

 

Para desenvolver o proxecto “O folk na Lomba”, o alumnado de terceiro e cuarto do Anexo, xunto coas nosas titoras Isabel Castro e Mari Parada decidimos centrarnos nas festas tradicionais da nosa comunidade. En particular, nas chamadas festas cíclicas. Estas celebracións están ligadas ao ciclo da natureza e servían aos nosos antepasados para marcar o paso do tempo: o Samaín e Defuntos, o Magosto, o Nadal, o Entroido, os Maios...

Comezamos o noso proxecto cunha visita moi especial ao Museo do Pobo Galego, en Santiago de Compostela. Alí tivemos a oportunidade de descubrir, dunha maneira divertida e interesante, a riqueza da nosa tradición e cultura galega: o modo de vida, as crenzas, as costumes, as grandes festas marcadas polo calendario e outros aspectos da nosa sociedade tradicional.

Durante o percorrido, visitamos as salas dedicadas ao campo, aos oficios tradicionais, ao

traxe, á música e ao mar. ¡Cada unha tiña moito que contar e aprender.


Para non perdernos nada, cada un de nós levaba un itinerario que nos guiaba e nos propoñía pequenos retos: tiñamos que observar con atención e responder ás preguntas que se nos formulaban en cada sala. Ademais, seguiamos unhas frechas no chan que nos axudaban a avanzar polo museo sen desorientarnos.

Un dos momentos máis sorprendentes foi cando apareceu ante nós unha escaleira única no mundo, con tres rampas entrelazadas en forma de hélice. Cada rampa é independente e leva a distintos pisos do museo. ¡Unha marabilla! ¡¡Quedamos abraiados!!


E... isto non acabou aquí! O que máis nos gustou foi participar nun obradoiro con Raquel Queizás, que leva tempo investigando sobre as cantareiras e pandeireteiras maiores que aínda existen en Galicia. Aprendemos que “touporroutou” se lles chamaba a esas mulleres que lles gustaba moito ir de festa. Grazas a elas conservamos boa parte da nosa poesía oral. Mesmo escoitamos gravacións das súas voces, e Raquel contounos que... son unha gran inspiración para moitos músicos de hoxe en día. ¡Curioso! ¿Non si? 























Pasamos por diferentes espazos onde recreamos a labor de recompilación do patrimonio oral. Había un montón de obxectos para tocar: pratos, culleres, tixolas, cunchas, botellas...

Mentres uns tocabamos, outros bailabamos. ¡Armamos unha boa troula! ¡Foi xenial!







A visita ao museo foi unha experiencia moi enriquecedora. Volvemos coa mochila chea de información, recordos e anécdotas.
Xa na aula, repasamos o material recollido e compartimos as nosas vivencias. Continuamos afondando naqueles aspectos que máis nos chamaron a atención.
Agora tocábanos a nós recompilar refráns tradicionais galegos e poñer o noso gran de area na transmisión dese patrimonio oral. Para iso, botamos man dos nosos maiores (avós, pais, veciños...), dalgúns libros da biblioteca e tamén de diferentes páxinas web.
¡¡Quedábanos moito traballo por diante!!

Animámonos a facer dous tipos de refraneiros: un con refráns máis xerais, acompañados da interpretación do seu significado, e outro centrado nos refráns relacionados coas festas cíclicas. 
 






 






Ao mesmo tempo que traballabamos con estes refráns, tamén fomos aprendendo un montón sobre lendas, crenzas, ritos, costumes e labores do campo que teñen que ver coas estacións do ano.
¡Saíron cousas moi interesantes!
Fixemos murais sobre o Samaín, o Magosto, o Nadal e o Entroido, onde puxemos os
refráns que máis nos gustaron e explicamos as tradicións máis curiosas que atopamos.







 Na festa de Samaín, algúns aproveitamos para ir de Santa Compaña. ¡¡¡Que medo!!!
 



                                           ¡Preparándonos para o Entroido!
Antes de que chegara o Entroido, xa andabamos a investigar sobre os disfraces tradicionais galegos. Ao principio, pensabamos que atopariamos ben pouco pero cal foi a nosa sorpresa cando descubrimos unha chea de personaxes repartidos por toda Galicia, cada un cos seus propios traxes e costumes!
E.. como non podía ser doutra maneira, este ano tocábanos escoller un deses disfraces tradicionais. Adiviñade que se lles ocorreu ás nosas profes....
                                         ¡¡¡ Pois que nos disfrazaramos de MERDEIROS!!!

Si,si, como o escoitades. Cando o anunciaron, formouse unha boa algarabía... ¡Vaia rebumbio!
—“¿Pero isto que é?” —dicían algúns.
—“¡Están tolas!” —berraban outros.
—“Pois diso eu non vou” —rosmaban polo baixo máis dun.
Pero... como ben di o refrán: “No Entroido nada senta mal.”
O Merdeiro é un traxe tradicional da zona de Vigo que estivo prohibido durante moito tempo, e que agora se está a recuperar. Así que puxémonos mans á obra para pescudar: como ían vestidos, que facían e de onde viña esta tradición tan sorprendente.
Ao final, entusiasmounos a súa historia.
Cada un de nós pintou a súa carauta, e fixemos uns carteis para levar no pasarrúas.












Para o festival de Entroido, escollemos o tema “Ven bailar, Carmiña. Pasodoble do Berbés” da orquestra Sondeseu, co que artellamos unha coreografía ben xeitosiña entre todas e todos. ¡Pasámolo en grande!










Cando chegou o Día das Letras Galegas, xa sabiamos un pouquiño máis das nosas apreciadas cantareiras e pandeireteiras e da música tradicional galega.
E chegou o final, fomos  facer o obradoiro de baile galego, que ben o pasamos e canto aprendemos.
O profe contounos moitas cousas sobre as festas galegas, como naceron e quen as mantiveron e despois, a bailar.
Empezamos por pouquiño pero de aí a un chisco... xa estabamos cansos.
Foi moi divertido!


















Grazas a este traballo, demos un pasiño máis para manter vivas as nosas tradicións, sobre todo a tradición oral. Descubrimos que os refráns, as cancións, as lendas... son algo máis ca palabras: transmítennos emocións, lembranzas, coñecementos e axúdannos a entender formas de vida do pasado que aínda hoxe seguen tendo moito valor.

¡FOI MOI DIVERTIDO APRENDER XUNTOS!

Ningún comentario:

Publicar un comentario