Amosando publicacións coa etiqueta Encontros con escritores/as. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Encontros con escritores/as. Amosar todas as publicacións

mércores, 14 de maio de 2025

Visita de Xosé Ameneiro

 Olaa,

Hoxe estivo na nosa biblioteca Xosé Ameneiro, gaiteiro, músico, compositor, fotógrafo e escritor. ¡¡Unha chea de cousas!! 

 En principio viña para as clases de 3º, pero unha vez que estaba no centro, pedímoslle se podía contar e ensinarlle o que traía a algún curso máis, así que o alumnado de 2º e de 5ºB puido aprender unha chea de cousas tamén. Foi membro fundador do grupo de música folk "Leixaprén" e se considera gaiteiro e frautista por riba de todo.

Mostrounos como era unha zanfona, as súas partes, como soaba en función das cordas que se fregaban,e incluso que a unha desas cordas chámaselle "can" e que noutros sitios chámanlle mosca. Falando das notas que se conseguían coa zanfona, fixo un invento de tocar o violín á vez que lle daba ao veo para que soasen á vez. 😜 Aprendemos que aínda que ao principio as zanfonas foran unha evolución do organistrum e só se tocaba nos pazos e na burguesía, acabou sendo un instrumento que tocaban moitos cegos, que tiñan que buscar algún xeito de gañar o pan. Algo parecido pasou cos violíns e vimos un pequeno vídeo de Florencio, o cego dos Vilares, que era un pozo de sabiduría nisto das coplas.

 Fixo unha demostración tocando unha peza xunto coas Tanxugueiras, si, lestes ben😅. A ver, non é que viñeran elas ao colexio, é que puxo unha das súas pezas na pantalla e acompañounas, a sensación era ben bonita e soaba todo moi compasado.

Contounos que o seu primeiro instrumento foi unha harmónica cando era pequerrecho e que dende entón, a música sempre o acompañou, ou el á música, depende de como se mire. O que é ben certo é a cantidade de instrumentos que nos trouxo e que nos tocou, ¡mi madriña que despregue había na biblioteca!

Empezou polos de vento, frautas de pico, pequeniñas e enormes, traveseiras, ensinou como facer cun tubo de plástico unha, e mesmo como facer unha de émbolo. Tamén tocou unha ocarina pequena, polo tamaño realmente é un asubío, case non se lle vía no medio dos dedos, pero soaba de medo! Non é que dese medo ho, era que se escoitaba moito. Dentro do vento está o acordeón, que non é soprado, pero é vento, e fixo unha pequena demostración

Non podemos obviar á raíña do vento na música tradicional, trouxo dúas, explicou as súas partes, para que serven, como soan e mesmo trouxo un barquín, unha peza que fai que en vez de ter que encher o fol soprando o soprete, énchese abrindo e pechando o barquín, deste xeito, pódese cantar todo o tempo, pero a min case me da un mareo de pensar en mover o brazo dereito para encher, apremar co esquerdo para que saia o aire do fol, mover os dedos para tocar e por riba de todo iso, cantar!!! Este home é un artista😆

Continuou cos de percusión, a pandeireta, o pandeiro, o tambor e o bombo, xunto cunhas ras de madeira que soaban moitísimo, máis agudas ou graves en función do tamaño, si é que é sabido que as ras damos para moito, unhas lemos poesía e outras fan música. Aprendemos como con algo tan sinxelo como unha casca de noz, un pauciño cha (dos xeados) e unha goma destas das caixas de zapatos podemos construír un instrumento musical, doadísimo!!!! As tarrañolas e os diferentes son dependendo do material co que están feitas, quedou moi explicado neste vídeo.


 Entre o noso alumnado hai xente que toca a pandeireta e que animaron a saír ao fronte e tocar un pouquichiño con el. Outra rapaza toca a batería, así que poñendo unha pandeireta para facer de caixa e co tamboril e o bombo, montaron unha batería improvisada. Si é que no cole estamos cheos de artistas.

 

O profe Victor quíxose unir á festa e acabaron botando unha xuntos, da xenio miralos.


Eu aproveitei e probei para ver se era quen de tocar un pouco todo aquilo, e algo fixen, polo menos na foto da o pego.


 Non podemos rematar esta contada sen de agradecer de novo a Xosé Ameneiro que quixera compartir con nós o seu bo facer, o seu tempo e a súa música, así como o libro co que nos agasallou para a biblioteca "Agustín Lorenzo Loroño, o gaiteiro de Catoira". De mozo tocou con el e non quixo que o seu legado quedase no esquecemento.


 Tentaremos que volva doutra volta para que poida máis alumnado aprender de e con el.

Entrementres, queda un vídeo para que poidades ver todo o que vos contei, que seguro que queda moito sen poñer. 

Bicos mollados.

Rosalía

martes, 8 de abril de 2025

Uxía e o mar

 Olaa, 

Desta volta vouvos contar porque falamos de Uxía. Hoxe estivo no Anexo David Rodríguez, ao que xa coñeciamos do curso pasado, contando esta historia tan bonita: "Uxía e o mar"

Claro, para nós que vivimos en Vilagarcía eso de ver o mar, parécenos o máis normal do mundo, pero Uxía non vive aquí, e nunca o vira antes... ¿chegará a velo?  He, he, nós xa o sabemos, se queredes sabelo vós, pedídeo en préstamo na nosa biblioteca ou na municipal, aínda que é tan bonitiño, que case vos diría que o mercárades.

 
Bicos mollados.

Rosalía
 

xoves, 13 de marzo de 2025

Contacontos "O lobo feliz"

 Boas tardes,

hoxe tivemos a sorte de contar con Miguel Guido, o autor deste libro, que estivo no Anexo para nos contar a historia.

 

A rapazada toda de infantil puido aproveitar para coñecer mellor as aventuras deste lobo, porque había unha vez un lobo grande e negro que vivía moi lonxe da xente e moi triste, porque ninguén o quería cerca.
As historias do temido lobo feroz asustaban a xente que o xulgaba sen coñecelo. E el só quería SER FELIZ , así que lle preguntou a outros animais do bosque como facían para seren felices. Mais as receitas dos demais non valían para el, ata que a sabia curuxa deulle un consello que cambiaría a súa vida ... 




Ata aquí podo contar, se queredes saber máis, xa sabedes, pedide o libro en préstamo na biblioteca 😉
 
Bicos mollados.
Rosalía

xoves, 21 de novembro de 2024

Idol!

 Olaaa!!

E haberá quen se pregunte que que é iso de Idol!... pois o alumnado de 6º da Lomba que pertence ao club de lectura de manga e banda deseñada, NON.


 Tivemos a sorte de que se achegaran ata o noso centro as súas creadoras para poder falar do seu libro, Ene e Alba Chan.

Foi unha charla boísima e eu estiven en primeira fila para non perder detalle. Trouxeron unha presentación onde contaron como hai que facer para debuxar a banda deseñada, tipos de cómics, debuxar a man, con tableta gráfica, co ordenador... e tamén nos mostraron como debuxaban elas de pequenas e como foron evolucionando e a cantidade diferente de estilos e formas de debuxar segundo o que queiras transmitir, incluso como a cor empregada vai facer que sintas cousas diferentes ao ler. 

Por suposto non nos puidemos resistir e a pregunta da que todo o mundo quería resposta era: ¿vai haber segunda parte, terceira..., vai haber algún romance? e elas contestaron👏👏👏 Tivemos a primicia destas respostas!! ¿queredes saber cal foi? Pois... foi unha exclusiva para os e as integrantes do club de lectura!! Non podemos contar nada,😏😏🙊 algunha vantaxe temos que ter os integrantes de Debullando Contos, ha, ha, ha.😉

Animaron a que se atrevesen a debuxar, pois so debuxando consegues mellorar e asinaron, que digo asinaron, debuxaron ás personaxes deste libro para cada unha das persoas integrantes deste club e llo adicaron. De feito as mestras de 6º pensaron que houbera un secuestro na biblioteca, pois non volvían a aula. Foi un auténtico luxo telas na Lagoa e eu non me resistín a pedirlles que se fixeran unha foto comigo, para poder presumir. E postos a presumir... o comportamento da rapazada en todo momento foi fabuloso, escoitando activamente, preguntando pero mantendo as quendas de falar, agardando a que lles fixeran os debuxos... si é que teño a sorte de estar arrodeada de xente marabillosa nesta Lagoa.

Bicos mollados.

Rosalía

luns, 3 de xuño de 2024

Andrea Maceiras na Lagoa de Rosalía

 Olaaa, ¿a que dou cobiza?

Pois xa vedes, hoxe tivemos a sorte de que Andrea Maceiras viñese ao colexio para estar con toda a rapazada de 5º do edificio da Lomba. Entre o equipo de Normalización e o da Biblioteca logramos que nos visitara.

Cada clase mercou  un destes títulos "Volverás, Golfiño" e "Conta nove estrelas" da editorial Xerais. No tempo do plan lector estiveron lendo os libros e aínda que algún non rematara de todo a historia, Andrea falou dos libros pero sen desvelar o final, porque xa dicía ela que non hai cousa peor para un escritor que contar o final do conto a quen non o rematou.

 


Teño que vos confesar que estaban un pouco impresionados, que case non se atrevían a falar nin a preguntar, pero pouco a pouco foise rompendo o xeo. Falaron da importancia dun bo título, de porque ela elixiu estes dous en concreto, da importancia dun bo ilustrador e se eles coñecían algún outro libro que ilustrara Victor Rivas. Falaron tamén de Xulio Verne e de os libros e as cousas que a levaran a escribir "Conta nove estrelas", do espazo, de onde estabamos nós na Vía Láctea, do tipo de libros que lles gustaban a eles...

Tamén falaron da localización de "Volverás, Golfiño" da importancia dos faros, dos afundimentos do pasado e do desastre do Prestige que aparece na novela.


Despois de falar un cachiño máis, foi tan riquiña que lle asinou a todo o mundo o seu exemplar e tamén asinou o da biblioteca😍

Para rematar fixemos unha foto de Andrea cos dous quintos e os seus libros asinados. A ver se vos atopades😉

Bicos mollados.

Rosalía
 

martes, 19 de marzo de 2024

Contacontos no Anexo

 Hoxe tivemos a sorte de contar coa presenza de David Rodríguez e o seu espectáculo "Superavoa" El é o escritor, ilustrador e contacontos deste fermoso libro.

Todo infantil estivo ben atento ao que lles contou e cantou, porque remataron cantando unha canción coa guitarra. Non perderon comba e pasaronno xenial. 

¡Que gusto ter este tipo de actividades no colexio! De seguro que en canto sexan quen de ler por eles mesmos, este vai ser un dos primeiros que collan na biblioteca.



Bicos mollados.

Rosalía