A piques de rematar o curso, non me podía despedir sen deixarvos as recomendacións de verán. Temos para todos os gustos e cores, alumnado infantil, primeiros lectores, lectores avanzados, familias e adultos.
Este ano, xa que estamos inmersos no coidado da ría e co ecoloxismo, non van as recomendacións en papel, están aquí, quedan nas aulas, nas cortizas e nas portas dos edificios e biblioteca.
Non é máis que unha pequena escolma, se queredes mercar algo, nas librerías seguro que vos poden aconsellar tamén e como sei que os libros ocupan moito, a opción das bibliotecas é fabulosa tamén (que vos vou dicir eu, que vivo nunha, he, he)
Pois iso, pasádeo ben, descansade, viaxade se tedes a sorte de poder facelo, facede exercicio... pero sobre todo, LEDE.
Hoxe foi a quenda do voluntariado de 5º. Tamén tiveron a formación para aprender a facer "Booktrailers". Desta volta o encargado de ensinarlles foi Roi, de Gingko e os resultados foron tamén espectaculares. Primeiro saber de que se trata, facer os guións, pensar as escenas...
Houbo grupos que trouxeron un montón de atrezzo, cousas para se disfrazar e actuar, outros que xa de aquí, van ós Goya. Como non podían facer aparecer un tren no colexio, aproveitaron que pasaba un coche vermello, coma o tren do conto, e o liaron para que colaborase no que gravaban e alí esperou o rapaz co coche como se fose un taxi😂😂😂 Co trípode escenas autónomas, tirados polo chan para facer picados, facer maxia logrando facer desaparecer xente do plano e mesmo atravesar a plataforma 9 3/4
Despois houbo que editar, montar, desbotar escenas, tomas falsas... unhas risas.
No momento de ver o resultado final, foron saíndo moitas reflexións, que as cousas sinxelas poden ser igual de boas (ou mellor) que as moi complicadas, que se aprende moito dos erros, que hai que dosificar mellor o tempo para cada tarefa, que o tema do audio é mais complicado do que parece, pensando en que gravamos con tablets, sen micros, e que moitas veces é mellor facer varios planos curtos que un moi longo, porque se no medio temos un erro, volver gravar todo é máis liada.
Xa prometeron que, para o ano, farán máis: encherán a biblioteca de recomendacións! Non podo estar máis contenta. Agora, a ver os vídeos e a pasalo ben.
Xa vos contei que o voluntariado da lagoa foi seleccionado dentro os dez mellores centros de primaria de Galicia. Como premio, teñen un obradoiro para aprender a facer vídeos promovendo libros e lecturas, o que se coñece como "Booktrailer". Como todos xuntos era difícil facer a formación, dividímolos en dous grupos, os de 6º por un lado e os de 5º por outro.
Hoxe foi a quenda dos de 6º e non vexades o ilusionados/as que estaban. María Lobo, de Gingko, foi a encargada de ensinarlles e acompañalos nesta gran aventura. Con exemplos doutros centros viron que cousas podían facer.
Haberá quen pense que isto é chupado, que só hai que gravar e punto. Pois non, hai que saber que existen diferentes tipos de plano nisto do audiovisual, dependendo do que queiramos mostrar, que hai que facer guións do que se vai facer, en que orde, que debemos dicir e que non, elixir música, falar ben alto e non moi lonxe do dispositivo co que gravamos e mil cousas máis para que saia todo perfecto.
Pasar, dende logo que o pasaron MOI BEN, houbo pequenos atrancos nos distintos grupos por diferentes motivos, pero o traballo en equipo, algo que o voluntariado coñece tan ben, fixo que fosen quen de solventalos e chegar a bo porto. Porque moitas veces o mellor xeito de aprender é cando tes erros, pero o solucionas.
Catro grupos e catro vídeos. Fixérono eles e elas, organizar, filmar, montar, editar elixir música, revisar, arranxar algunha pequena desfeita e tirar cara adiante, presentando o produto realizado ao resto do voluntariado. Tamén foron críticos, co seu traballo moito máis que co dos demais e chegando ao límite das 14:15 a xornada rematou entre grandes sorrisos.
E como non podía ser doutro xeito aquí queda o seu traballo, para que vexades que pode que nun futuro non moi lonxano, escoitemos falar de actrices, de editores, de directoras... e poderemos dicir que aquí, na lagoa, apareceron as súas primeiras obras.
Xa case que rematou o ano 2023, polo menos no que toca ao colexio e dende esta Lagoa quero desexarvos que pasedes unhas Felices Festas e que poidades comezar o ano que ben con moita forza, alegría, saúde e por suposto con lectura. Levades á casa as recomendacións lectoras deste Nadal, pois habendo tanta xente á que lle escribir cartas e que poidan cumprir os nosos desexos, os libros teñen que andar polo medio si ou si.