Neste curso as actividades relacionadas co PDI “Son Ría” realizámolas principalmente no 1º e 2º trimestre.
No primeiro trimestre comezamos a investigar sobre os cetáceos xa que este verán pasado visitaron moitos arroaces a nosa ría. Como actividade de motivación realizamos unha saída ao Auditorio de Vilagarcía para ver a exposición “mamíferos mariños”.
Buscamos información sobre a ría e os animais mariños pedindo a colaboración das familias, a través de internet, e da biblioteca do centro. Observamos imaxes e vídeos sobre a fauna mariña, aprendemos cancións relacionadas co tema, realizamos peixes con materiais de refugallo, elaboramos murais sobre os diferentes animais mariños utilizando diferentes técnicas: recortado, picado, pintura, debuxo ...
Todo o traballado quedou plasmado nun dossier que cada alumno realizou e que se lle entregou as familias.
No segundo trimestre centrámonos en investigar sobre a Illa de Cortegada. Buscamos información sobre a súa situación, a súa flora e fauna, lendas, as mareas,o camiño do carro, os bancos de ameixas...
En colaboración coas familias realizamos murais e maquetas ( fondo mariño, batea, arquipélago de Cortegada...)
No Entroido disfrazámonos xunto con resto do colexio en relación ao PDI, o noso disfrace foi o de polbo. As familias encargáronse da disfrace e os nenos e nenas elaboraron os complementos.
Para rematar fixemos unha visita a Illa de Cortegada onde realizamos un percorrido por un dos sendeiros existentes e puidemos observar o seu ecosistema.
O resultado de todo o traballado tamén quedou plasmado nun dossier que se entregou ás familias.
No terceiro trimestre realizamos a excursión de fin de curso a Illa de Arousa onde levamos a cabo o “bautizo de mar” e participamos en obradoiros mariñeiros.
Valoración
A valoración deste proxecto é moi positiva, os nenos e nenas estiveron moi motivados xa que se trataba de investigar sobre o seu entorno máis próximo.
As actividades fomentaron a creatividade e o traballo en grupo. As familias tamén se implicaron aportando información e colaborando.
Ningún comentario:
Publicar un comentario