Olaaaa:
¡¡Que contenta estou!! Hoxe, aproveitando que é 3 de decembro, Día das persoas con discapaciade, aínda que a mín gústame máis dicir que son persoas con capacidades diferentes, e aínda lembrando moi que o 25N foi apenas unha semana, tivemos a sorte de que nos acompañara no edificio da Lomba Peúgo, o calcetín melenudo, que veu xunto coa súa escritora/inventora, Jessica Rodríguez. Os rapaces e rapazas de 2º foron os afortunados que puideron desfrutar da súa presenza, ademais de escoitar pola boca de Jessica o conto, e fixeron unha chea de actividades.
O primeiro de todo foi aprender que quería dicir "Peúgo" e que agora xa sabemos que é outro xeito de lles chamar aos calcetíns, así que o do título do libro xa estaba aclarado. Despois quitamos os zapatos para que así todo mundo mirara os calcetíns que levaban. Case todo o mundo levaba un par igual, e digo case todo o mundo, porque Jessica non. Ela lucía dous fermosos calcetíns desparellados, E así comezou o conto.
Repartiu tarxetas con palabras que ían saír no conto e os que tiñan as tarxetas tiñan que facer un movemento silencioso cando soaba a súa palabra. Algún xa me fixei eu que se puxo un chisquiño nervoso por se non escoitaba a palabra en cuestión...😂
Ao rematar, falaron por parellas do que lles parecera o conto durante 1 minuto para despois dicilo en alto. Tamén fixeron unha roda e cando Jessica lles lanzaba unha pelota, dicían unha palabra das do conto. Con pezas de construcción, por grupos fixeron o seu deseño de calcetín e por grupos tamén buscaron no conto as ilustracións e debuxos que acompañan a historia e que foron debuxadas por Victoria Rem.
Xa na mesa, cada un tiña un trozo de papel, o seu estoxo con pinturas e un calcetín chulísimo para mirar durante 1 minuto e despois, de memoria, co calcetín debaixo do cu para non facer trampas, debuxaron o que lembraban. ¡¡Qué artistas e que memoria de elefante!!!🐘🐘 Quedaron uns deseños preciosos, xa que despois comprobaron se a súa memoria era tan boa coma pensaban.
Que mañá tan chula, foi un pracer ter a Jessica con nós, e esperemos que venda moitos libros, para que a xente coñeza a Peúgo e a súa historia e así, aprendan, igual que o fixo o alumnado de 2º que non debemos deixar que ninguén nos faga dano, que debemos estar con quen nos queira, sexa igual a nós ou non, e que con imaxinación, todos podemos ter outra oportunidade, que non pasa nada se temos un roto ou un descosido, o importante é querernos e ser quen de facer moitas cousas aínda que non sexan as que todo o mundo pensaría, pois cadaquen ten unhas capacidades diferentes.
Aquí vos deixo unha foto que nos fixemos Peúgo e máis eu, e un vídeo onde poderedes ver o ben que o pasamos.
Bicos mollados.
Rosalía
Ningún comentario:
Publicar un comentario