mércores, 7 de xuño de 2023

PDI de Infantil

 Olaaaa, aquí está o que nos mandan dende o ciclo de infantil.

4º EDUCACIÓN INFANTIL

Neste curso comezamos a investigar e traballar sobre os medios de comunicación no 3º trimestre.

A actividade principal foi a creación do noso xornal de aula. Primeiramente observamos diferentes xornais e identificamos as características principais: titulares, noticias, pe de foto, data, páxina...

Realizamos clasificacións de noticias: de Galicia, Arousa, deporte, tempo, pasatempos...

Por último elaboramos o noso propio xornal coas noticias máis salientables da nosa escola: visitas, excursións, obradoiros... e expuxémolo na aula e no corredor.

5º EDUCACIÓN INFANTIL

Neste nivel abordamos no primeiro trimestre as actividades relacionadas cos medios de comunicación.

Elaboramos o noso propio xornal. Partimos da análise e reflexión do formato dun xornal, principalmente da páxina principal: características, anuncios, data, etc. Reflexionamos sobre a súa funcionalidade e usos. Investigamos sobre o que era o titular, o pé de foto, etc. Pedimos as familias una fotografía do verán, que serviu de base para elaborar as noticias e o noso particular xornal que posteriormente se expuxo na aula e se lle fixo chegar as familias.

Realizamos entrevistas. Investigamos sobre as persoas que traballan no xornal e convertémonos en pequenos xornalistas. Todo o alumnado foi entrevistador e entrevistado. Cada día o axudante do grupo se disfrazaba e era entrevistado polos seus compañeiros: conto favorito, comida preferida, etc.

Fixemos o noso dicionario. Buscamos letras nos titulares das noticias para compoñer o noso pequeno dicionario.

Tamén reflexionamos e debatemos sobre os outros usos e funcionalidades do xornal: para reciclar, para protexernos do sol, para secar flores, para absorber auga cando se nos cae ao chan, para divertirnos, para facer prismáticos, barquiños de papel, festa de bolas, etc.

Elaboramos barcos, avións, chapeus con xornais.


 Outra actividade realizada foi a reciclaxe de papel. Comezamos investigando e debatendo sobre como elaborar papel reciclado. Despois pasamos a realizar todo o proceso (esmiuzado, triturado, cribado, prensado, secado). Despois usámolo para decorar a tapa do caderno doutro proxecto.

6º EDUCACIÓN INFANTIL.

Tamén neste nivel comezamos a investigar sobre os medios de comunicación no primeiro trimestre.

Centrámonos principalmente na elaboración dun xornal.

Comezamos observado as distintas seccións dos xornais e principalmente a súa primeira páxina. Comparamos os xornais locais cos nacionais. Eliximos un tema entre todos. Cada neno explica a noticia relacionada coas súas vacacións de verán e despois escríbea.

Por último fixemos un mural coas noticias aportadas por todos e expuxémolo na aula.

No primeiro trimestre tamén realizamos papel reciclado a partir de xornais que despois utilizamos para outros usos como poñer o noso nome en exipcio e distintas manualidades.

O alumnado de 4º,5º e 6º do ANEXO realizou unha visita a redacción do xornal local “ DIARIO DE AROUSA”

VALORACIÓN:

A valoración por parte dos tres niveis é en xeral positiva.

As actividades foron motivadoras e fomentaron a creatividade e o traballo en grupo. Os nenos e nenas tomaron conciencia da importancia dos medios de comunicación, especialmente do xornal.

Cumpríronse os obxectivos propostos aínda que algunhas das actividades previstas coma as relacionadas coa radio non houbo tempo a realizalas.

E aquí queda o vídeo para que vexades canto traballiño pasaron!!!

Bicos mollados.

Rosalía

Ningún comentario:

Publicar un comentario