Pois
xa chegando case ao final de curso é momento de recompilar e expoñer
todo o traballo feito polos nenos e nenas de 5ºA e 5ºB, en relación
ao fermoso e enriquecedor PDI do colexio, que este ano foi “FOLK
NA LOMBA”.
Durante
este curso os rapaces e rapazas de 5ºA e B puideron buscar
información sobre os diferentes cantos populares galegos,
relacionados con oficios, épocas do ano, tradicións… A
continuación imos a expoñer o que os nenos e nenas traballaron
durante este curso:
No 1º trimestre:
Fixemos
unha mural relacionado cos instrumentos tradicionais galegos.
Elaboramos un impress
sobre diferentes grupos de música tradicional galego.
No 2º trimestre:
No
entroido aproveitamos para disfrazarnos de “Peliqueiros”, disfrace típico galego, aproveitando que todo o centro fixo un
recoñecemento a diferentes disfraces típicos e autóctonos.
No 3º trimestre:
Murais
sobre refráns e ditos galegos, co seu significado, xogando moito coa
retranca galega.
Pois
este foi todo o traballo realizado por estes grandes investigadores
de 5ºA e 5ºB. Esperamos que vos gustase e que aprenderades moitas
cousas, así como aprenderon os rapaces e rapazas.
Hoxe estivo na nosa biblioteca Xosé Ameneiro, gaiteiro, músico, compositor, fotógrafo e escritor. ¡¡Unha chea de cousas!!
En principio viña para as clases de 3º, pero unha vez que estaba no
centro, pedímoslle se podía contar e ensinarlle o que traía a algún
curso máis, así que o alumnado de 2º e de 5ºB puido aprender unha chea
de cousas tamén. Foi membro fundador do grupo de música folk "Leixaprén"
e se considera gaiteiro e frautista por riba de todo.
Mostrounos como era unha zanfona, as súas partes, como soaba en función das cordas que se fregaban,e incluso que a unha desas cordas chámaselle "can" e que noutros sitios chámanlle mosca. Falando das notas que se conseguían coa zanfona, fixo un invento de tocar o violín á vez que lle daba ao veo para que soasen á vez. 😜 Aprendemos que aínda que ao principio as zanfonas foran unha evolución do organistrum e só se tocaba nos pazos e na burguesía, acabou sendo un instrumento que tocaban moitos cegos, que tiñan que buscar algún xeito de gañar o pan. Algo parecido pasou cos violíns e vimos un pequeno vídeo de Florencio, o cego dos Vilares, que era un pozo de sabiduría nisto das coplas.
Fixo unha demostración tocando unha peza xunto coas Tanxugueiras, si, lestes ben😅. A ver, non é que viñeran elas ao colexio, é que puxo unha das súas pezas na pantalla e acompañounas, a sensación era ben bonita e soaba todo moi compasado.
Contounos que o seu primeiro instrumento foi unha harmónica cando era pequerrecho e que dende entón, a música sempre o acompañou, ou el á música, depende de como se mire. O que é ben certo é a cantidade de instrumentos que nos trouxo e que nos tocou, ¡mi madriña que despregue había na biblioteca!
Empezou polos de vento, frautas de pico, pequeniñas e enormes, traveseiras, ensinou como facer cun tubo de plástico unha, e mesmo como facer unha de émbolo. Tamén tocou unha ocarina pequena, polo tamaño realmente é un asubío, case non se lle vía no medio dos dedos, pero soaba de medo! Non é que dese medo ho, era que se escoitaba moito. Dentro do vento está o acordeón, que non é soprado, pero é vento, e fixo unha pequena demostración
Non podemos obviar á raíña do vento na música tradicional, trouxo dúas, explicou as súas partes, para que serven, como soan e mesmo trouxo un barquín, unha peza que fai que en vez de ter que encher o fol soprando o soprete, énchese abrindo e pechando o barquín, deste xeito, pódese cantar todo o tempo, pero a min case me da un mareo de pensar en mover o brazo dereito para encher, apremar co esquerdo para que saia o aire do fol, mover os dedos para tocar e por riba de todo iso, cantar!!! Este home é un artista😆
Continuou cos de percusión, a pandeireta, o pandeiro, o tambor e o bombo, xunto cunhas ras de madeira que soaban moitísimo, máis agudas ou graves en función do tamaño, si é que é sabido que as ras damos para moito, unhas lemos poesía e outras fan música. Aprendemos como con algo tan sinxelo como unha casca de noz, un pauciño cha (dos xeados) e unha goma destas das caixas de zapatos podemos construír un instrumento musical, doadísimo!!!! As tarrañolas e os diferentes son dependendo do material co que están feitas, quedou moi explicado neste vídeo.
Entre o noso alumnado hai xente que toca a pandeireta e que animaron a saír ao fronte e tocar un pouquichiño con el. Outra rapaza toca a batería, así que poñendo unha pandeireta para facer de caixa e co tamboril e o bombo, montaron unha batería improvisada. Si é que no cole estamos cheos de artistas.
O profe Victor quíxose unir á festa e acabaron botando unha xuntos, da xenio miralos.
Eu aproveitei e probei para ver se era quen de tocar un pouco todo aquilo, e algo fixen, polo menos na foto da o pego.
Non podemos rematar esta contada sen de agradecer de novo a Xosé Ameneiro que quixera compartir con nós o seu bo facer, o seu tempo e a súa música, así como o libro co que nos agasallou para a biblioteca "Agustín Lorenzo Loroño, o gaiteiro de Catoira". De mozo tocou con el e non quixo que o seu legado quedase no esquecemento.
Tentaremos que volva doutra volta para que poida máis alumnado aprender de e con el.
Entrementres, queda un vídeo para que poidades ver todo o que vos contei, que seguro que queda moito sen poñer.
MEMORIA
DO PROXECTO DOCUMENTAL INTEGRADO 1ºC e 2ºC
“FOLK
NA LOMBA”
Neste curso 2024-25 os
grupos de 1ºC e 2ºC realizamos practicamente a totalidade das
actividades programadas a principio de curso engadindo algunha máis
que consideramos axeitada para completar o estudo da temática deste
ano.
Foi un estudo moi
interesante e ameno sobre os elementos de folk en Galicia traballando
tanto a arte, como a literatura, escultura e música. Sempre en
cooperación por parte do alumnado de ámbolos dous grupos.
A
continuación expoñemos as actividades que se realizaron ao longo
dos tres trimestres:
Como
traballo nos dous primeiros trimestres deseñamos e fixemos un mural
sobre a arte en Galicia: as construcións e monumentos máis
relevantes das catro provincias.
As
actividades realizadas foron:
Estudo
dos monumentos máis importantes das catro provincias da nosa
Comunidade.
Estudo das
construcións máis coñecidas de cada provincia.
Realización do
mural con debuxos e textos describindo os monumentos e arquitectura.
Exposición do mural
“A arte en Galiza” no corredor do primeiro andar.
No Entroido,
disfraces relacionados coa temática de traxes típicos do entroido
galego. No noso caso fomos de PANTALLAS (traxe típico de Xinzo de
Limia).
O traballo do segundo
trimestre baseouse no estudo dos mitos e lendas de Galicia. A
actividade realizada foi:
Busca de personaxes
míticos de Galiza. Elaboración de textos.
Busca de lendas de
Galiza. Elaboración de textos.
Debuxo que
representa as lendas e os personaxes da mitoloxía galega,
Realización do
mural cos textos explicando os mitos e as lendas, e os seus debuxos
representativos.
Exposición do mural
“ Mitos e Lendas” no corredor do primeiro andar.
O
traballo do terceiro trimestre baseouse na literatura galega. Fixemos
un POEMARIO.
As
actividades realizadas foron:
Busca
dos poemas máis coñecidos dos autores máis famosos de Galiza.
Copiado
dos poemas.
Elaboración
de ilustracións relacionados coa temática de cada poema.
Recollida
dos poemas e os debuxos para a elaboración do noso POEMARIO GALEGO.
Esta semana inaugurouse no Edificio Anexo a exposición “Mulleres Bravas” contando coa visita de Kris Dj. Ademais, o alumnado de 6ºC, entrevistouna na radio do cole. Moitas grazas pola visita @kris_kdj , volve cando queiras!!
O club de lectura segue a se reunir. Por unha banda co libro "Mi nombre es Skywalker" e pola outra, rematando "El ratón de biblioteca" e levando xa "My hero academy" para rematar este curso. Hai moitos grupos e tantas actividades a coordinar que o tempo da para o que da.
Olaa, xa chegou o 23 de abril, voltamos das vacacións de Semana Santa e nun viravira estamos celebrando este fermoso día.
Do espurgo que fixemos na biblioteca, enchimos as mesas e deixamos que os libros continuaran a súa viaxe polas casas do alumnado. Tiñan ben onde escoller, ata houbo quen fixo dúas quendas, pois tiñamos bastantes para ofertar.
Nos expositores puxemos o libro de explicación do propio día, libros do Quixote, non podía faltar, un xogo do Quixote para poder levar ás aulas e varias das novidades, así como xa algún dos Maios, que están ben cerquiña.
O propio día non puidemos facer demasiadas cousas, uns marcapáxinas e pouco máis, pois o noso centro participa no CantArousa, un coro formado por moitos dos colexios de Vilagarcía e o ensaio coincidiu o 23 e a actuación o 25. Organizouse unha lectura do profesorado para o venres 2 de maio, pois antes tiñamos que facer o noso Maio. Non dan os días para tanta cousa!!!
Nas aulas e diferentes localizacións do centro o profesorado, titor e especialista, puxo que conto ían ler ou contar, para así xuntar a tradición oral co día do libro.
Foi un éxito total, andaban como tolos mirando as contadas e elixindo a que máis lles prestaba.
E non queda aquí a cousa, o propio día do libro, foron os usuarios do centro de día os que nos devolveron a visita, e se achegaron a infantil para lles contar uns contiños e pasar un rato ben agradable xuntos.
Estou moi emocionada. O noso centro participou no CantArousa, un coro infantil formado por alumnado de moitos dos centros de ensino de Vilagarcía co gallo do aniversario do Conservatorio de Música.
Os mestres de música foron os encargados de ensinar e ensaiar as cancións ao seu alumnado, e despois fixemos un ensaio xeral de como entrar, onde poñerse, como seguir as indicacións da directora do coro, como seguir aos músicos e músicas que os acompañaban... Foi un traballo duro e non tiñamos moi claro como ía saír aquilo. ¡¡¡Non sei por que nos preocupamos!!!
Foi unha auténtica delicia e saíu tan ben e cantaron e fixeron todo tan compasados que parecía que levaban anos ensaiando xuntos 😍 ¿non me credes? Aquí deixo as probas.
O alumnado de 6ºC gravou o 30 de marzo un podcast para presentar ao concurso José Hermida da cadena Ser.
Non gañamos, pero pasar, pasámolo moi ben. Iremos a Pontevedra o 6 de xuño a un programa con Carles Francino por teren participado e así non so escoitar a un das mellores voces da radio da actualidade, senón a velo tamén.😍
O alumnado de 4º A da Lomba quixo facer o seu propio Masterchef e aproveitando os recursos da biblioteca puxo en marcha o seu concurso.
Polas mañás os cociñeiros e cociñeiras desa xornada, preparaban o que precisaban e diante do resto da clase cociñaban e degustaban os manxares. E pensaredes que é doado... pois non o é tanto, tiñan que saber facelo, si, pero tamén escribir a receita, saber explicar ordenadamente os pasos, non esquecer ingredientes na casa, o emplatado... Aquí queda unha pequena mostra.
O resultado foi fabuloso, eu que probei varias das viandas podo dicir que esta rapazada non vai morrer de fame, son uns artistas👏👏👏👏
Desta volta vouvos contar porque falamos de Uxía. Hoxe estivo no Anexo David Rodríguez, ao que xa coñeciamos do curso pasado, contando esta historia tan bonita: "Uxía e o mar"
Claro, para nós que vivimos en Vilagarcía eso de ver o mar, parécenos o máis normal do mundo, pero Uxía non vive aquí, e nunca o vira antes... ¿chegará a velo? He, he, nós xa o sabemos, se queredes sabelo vós, pedídeo en préstamo na nosa biblioteca ou na municipal, aínda que é tan bonitiño, que case vos diría que o mercárades.