Olaa, xa chegou o 23 de abril, voltamos das vacacións de Semana Santa e nun viravira estamos celebrando este fermoso día.
Do espurgo que fixemos na biblioteca, enchimos as mesas e deixamos que os libros continuaran a súa viaxe polas casas do alumnado. Tiñan ben onde escoller, ata houbo quen fixo dúas quendas, pois tiñamos bastantes para ofertar.
Nos expositores puxemos o libro de explicación do propio día, libros do Quixote, non podía faltar, un xogo do Quixote para poder levar ás aulas e varias das novidades, así como xa algún dos Maios, que están ben cerquiña.
O propio día non puidemos facer demasiadas cousas, uns marcapáxinas e pouco máis, pois o noso centro participa no CantArousa, un coro formado por moitos dos colexios de Vilagarcía e o ensaio coincidiu o 23 e a actuación o 25. Organizouse unha lectura do profesorado para o venres 2 de maio, pois antes tiñamos que facer o noso Maio. Non dan os días para tanta cousa!!!
Nas aulas e diferentes localizacións do centro o profesorado, titor e especialista, puxo que conto ían ler ou contar, para así xuntar a tradición oral co día do libro.
Foi un éxito total, andaban como tolos mirando as contadas e elixindo a que máis lles prestaba.
Ningún comentario:
Publicar un comentario