MURAIS DA GAITA E DA PANDEIRETA
O obxectivo era coñecer os instrumentos musicais da tradición sonora galega así como coñecer a mulleres galegas músicas.
Investigamos sobre os instrumentos propios do folclore galego como son as pandeiretas, as gaitas, pandeiro, tarrañolas... Logo cada aula elixiu un instrumento e buscamos algo de información máis concreta sobre o mesmo: orixe, partes, materiais, mulleres galegas que destaquen no manexo dese instrumento. Por exemplo, no caso da gaita, traballaron sobre Susana Seivane e Cristina Pato.
RECOMPILACIÓN DE REFRÁNS
Mediante o uso dunha linguaxe codificada, fomos coñecendo semanalmente ditos e refráns en galego.
SERES MITOLÓXICOS
Identificar personaxes da mitoloxía galega e poñer en valor as lendas e historias da tradición oral galega.
Nas sesións de Proxecto Competencial o alumnado fixo un pequeno achegamento á mitoloxía galega. Primeiramente fixemos unha recompilación destes seres, vendo imaxes, lendo as súas historias e descricións... Logo, cada neno/a elixiu ao seu personaxe favorito para cubrir unha pequena ficha cos datos máis destacados (como é, habilidades/podes/capacidades, onde habita, orixe...).
LIBRIÑO COS TRAXES TÍPICOS DE ENTROIDO E CAROUTAS
A razón e a finalidade principais de afondar no Entroido galego é a de poñelo en valor, darllo a coñecer aos nenos e que aprendan a identificar algunhas das personaxes ou traxes máis relevantes.
Aproveitando que na festa celebrada no centro cada nivel educativo tiña que disfrazarse imitando unha destas personaxes, por sorteo fomos dándolle a cada neno e nena o nome dun destes traxes (peliqueiros, merdeiros, pantallas, xenerais, follateiros, boteiros...). Nunha ficha que incluía unha imaxe do mesmo, debían indicar como é o traxe en cuestión e que representa.
Ademais nas sesións de Educación Plástica fixemos varias caroutas e monicreques para decorar a aula.
PODCAST
Fixemos algunha gravación a modo de proba de radio. Na primeira entrevista tivemos como convidado ao líder da orquestra Panorama, Lito. Antes de rematar o curso agardamos poder entrevistar a Marcela, integrante do grupo A Banda da Loba.
Ningún comentario:
Publicar un comentario