domingo, 5 de xuño de 2022

PDI de 2ºA e 2ºB

O alumnado de 2º da Lomba tiña organizado para facer o seu PDI sobre a ruta do Pai Sarmiento, que pasa pola nosa vila e así o programáramos. Saíron as convocatorias do Plan Proxecta da Consellería e entre elas había “Vexo veo, Xacobeo” que viña concordar bastante coa nosa proposta inicial, salvo que a ruta do Pai Sarmiento non entraba nas rutas xacobeas, polo que variamos o programado, para ter cabida nesta convocatoria, e tivemos a tremenda sorte de ser un dos centros seleccionados.


Traballamos o Camiño Ruta do Mar de Arousa e río Ulla. O primeiro de todo aprendemos que era iso do Camiño, en que se baseaba e porque a xente o percorría. Vimos que con independencia doa súa orixe, relixiosa, o Camiño xa transcendeu e converteuse en algo máis amplo, abarcando a cultura, a arte, o compañeirismo... Aprendemos o seu percorrido e nos centramos na “Traslatio” o percorrido que supostamente fixeron os restos do Apostolo dende Terra Santa entrando pola ría de Arousa ata Iria Flavia e dende aló continuando a Santiago.

Como o alumnado e 4º fixo unha maqueta desta ruta, estivemos mirando o seu traballo e recoñecendo as etapas e os lugares por onde pasa. Tamén visionamos o vídeo “Floreano e Monchiña na variante Espiritual” pois parte do percorrido coincidía co noso.





Traballamos o Camiño Ruta do Mar de Arousa e río Ulla. O primeiro de todo aprendemos que era iso do Camiño, en que se baseaba e porque a xente o percorría. Vimos que con independencia doa súa orixe, relixiosa, o Camiño xa transcendeu e converteuse en algo máis amplo, abarcando a cultura, a arte, o compañeirismo... Aprendemos o seu percorrido e nos centramos na “Traslatio” o percorrido que supostamente fixeron os restos do Apostolo dende Terra Santa entrando pola ría de Arousa ata Iria Flavia e dende aló continuando a Santiago.

Como o alumnado e 4º fixo unha maqueta desta ruta, estivemos mirando o seu traballo e recoñecendo as etapas e os lugares por onde pasa. Tamén visionamos o vídeo “Floreano e Monchiña na variante Espiritual” pois parte do percorrido coincidía co noso.

 


Para o Entroido o noso disfrace foi de peregrinos antigos. Nas casas fixeron as capas e nós, nas aulas o sombreiro, a cabaza, a cuncha e as cruces de Santiago.

 



Lemos contos coma “Marosa e Mariña camiñan a Compostela”, “Unha vaca marela en Compostela” “¿Unha pantasma na cidade?, "Bo camiño, peregrino!", "Bo camiño, Valentino", "Camiño portugués da costa". Investigamos cos libros da biblioteca e aprendimos que hai moitos outros Camiños ademais do que nós iamos facer.

Con Google Maps fomos facendo o noso percorrido e aprendendo cousas coma que o único Via Crucis matitimo-fluvial do mundo témolo nós. Tamén miramos enlaces dende onde coñecer algo máis do noso Camiño. Ruta-do-mar-de-arousa-e-rio-ulla Preparamos a excursión para saber todo o que iamos ver. Santiaguiño do Monte, o Xardín Botánico de Padrón, a casa museo de Rosalía de Castro que tan ben estudaramos no aniversario do seu nacemento, xa que coma dixemos antes, o Camiño é cultura, medioambiente, compañeirismo... Cun mural puxemos o percorrido da nosa Traslatio e chegada a Santiago.


A primeira etapa da nosa peregrinaxe foi o 10 de maio. A saída foi dende Vilanova, onde antes de embarcar, os Quinquilláns representaron “Por que é salgada a auga do mar?” e nos acompañaron ata o barco cuns animais mariños enormes. Unha vez zarpamos, sabendo xa sin ningún tipo de dúbida que aquela auga era salgada e non doce, o patrón puxo rumbo Pontecesures. Fixámonos nas bateas, que xa sabemos que é onde nacen os mexillóns, vimos Vilagarcía dende o Mar e pasamos por detrás de Cortegada e As Malveiras e As Briñas, conxunto de illas que sabemos que pertencen ao Parque das Illas Atlánticas, entorno protexido.


 

Remontando o río Ulla os mareos que lle entraran a algúns, pois o vento do norte fixo que a viaxe fora un pouco movida, diminuíron. Iamos pendentes de ver os cruceiros polo río arriba, dun lado e doutro, avisando aos compañeiros dos avistamentos.Como non, as Torres de Catoira foron un momento importante, pois xa estiveramos alí facendo unha carreira escolar ao comezo do curso.

Cando chegamos ao porto de Pontecesures levamos unha tremenda sorpresa, pois alí estaba Anxo Moure acompañado dun acordeonista dándonos a benvida con música. Pronto marcharon, pero Anxo xa nos dixo que despois iría ata o noso punto de encontro.


 Despois dunha pequena merenda para repoñer forzas, empezamos a nosa peregrinaxe a pé. Xa sen as sudadeiras que daban calor, coas nosas gorras e crema solar botada, botamos a andar. Foi moi doado, só tiñamos que seguir as Flechas que ben sabiamos que eran as que indicaban a ruta. Fomos saudando ao resto dos peregrinos e persoas que atopabamos e tendo conta tamén dos coches que por aqueles camiños circulaban, indo pola esquerda, que é por onde teñen que ir os peóns. Ver, víasenos ben, pois levabamos uns chalecos reflectores, parte da vestimenta que dende o Vexo veo, Xacobeo nos enviaron para cada rapaz. Cando chegamos ao paseo do Espolón estabamos tan cansos e famentos que subimos ao autobús que nos levou por diante do monumento a Rosalía de Castro ata o Santiaguiño do monte.

Comemos e enseguida chegou Anxo Moure de novo para nos contar unha chea de cousas sobre o Camiño, nomes das barcas que traballan na ría e no río, que hai un monstro que quere emporcallar todos os Camiños. Cantamos e fomos de “viaxe” na barquiña que trouxo con el, unha gamela de dúas popas e ata tocamos a pandeireta. Como na clase leramos o conto de “Carballo con Botas” que levamos para que llo asinara á nosa Rosalía, a mascota da biblioteca, tamén nos contou en persoa o conto do carballo.

Despois de deixar todo recollido, sen lixo no chan, baixamos mirar o xardín botánico onde unha guía do Concello contou e falou das árbores máis interesantes que alí teñen. Na casa Museo de Rosalía de Castro vimos como era a casa onde vivira, libros dos que escribiu, a cama onde durmía e roupa e vestimenta dela e do seu home. Recoñecemos moitas das cousas que estudaramos e xa esgotados volvemos para casa.

Como sabemos que os peregrinos van selando as etapas que percorren para conseguir a “Compostela”, acreditación de ter feito o Camiño, os nosos mestres prepararon unha para nós e a levamos selada coma proba e recordo da nosa excursión.


A nosa peregrinaxe non rematou aquí. Na segunda etapa, o 2 de xuño, fomos en autobús a Santiago, miramos a Catedral todo polo redor, alucinando coa de peregrinos que había, as colas para entrar pola Porta Santa e sobre todo, o bonita que é a Catedral. 

Paramos no “Museo das Peregrinacións” e alí nos contaron moitas cousas, vimos maquetas de como foi medrando a catedral, de cousas que apareceron coas excavacións, diferentes estauas representando ao apostolo e cales eran verdadeiras e cales non, como a figura de Santiago traspasou fronteiras, máis aló de Europa, pois ata América chegaron as figuras e as festas na súa honra. Pero tamén quedaron sorprendidos da cantidade de cousas que nós sabiamos e do noso viaxe en barco.  Aprendimos o nome da torre do reloxo, a Berenguela,  e porque só ten unha agulla e comprobamos en persoa o ben que soa. Demos volta todo ao redor da catedral, co nome das prazas e os oficios asociados a elas, fixemos fotos, saudamos aos peregrinos/as, o tren turístico estaba no Obradoiro para poder dar unha volta e enseguida tivemos que volver cara o autobús para chegar ao colexio. 

Foi unha excursión máis curta que a primeira, pero sentímonos peregrinos completando a súa meta, a chegada a Santiago de Compostela.

No colexio tamén xogamos con Tina Calixtina Video xogo

Somos uns expertos do Camiño e foi unha experiencia inesquecible.


Deixamos o enlace ao vídeo que nos fixeron dende o “ Vexo veo, Xacobeo”

Vexo veo Xacobeo do Ceip A Lomba 

Ningún comentario:

Publicar un comentario