Hoxe celebramos o Día do Libro Infantil e tamén o Día Mundial de Concienciación sobre o Autismo.
Como en anos anteriores, o IBBY (International
board on books for young people) chama á conmemoración deste día, data de nacemento de Hans Christian Andersen. O obxectivo é promocionar os bos libros infantís e xuvenís e a lectura entre os máis novos.
A sección patrocinadora deste ano é Canadá que difunde a mensaxe de Richard Van Camp e o cartel de Julie Flett.
GÁLIX, Asociación do Libro Infantil e Xuvenil, facilítanos a tradución ao galego de Mercedes Pacheco.
No tocante á concienciación sobre o autismo, dende orientación fixeron este mural tan bonito e dende a biblioteca puxemos ao alcance da vista unha pequena escolma de diversidade, pois todos temos cabida nesta Lagoa que é a biblioteca.
Xa está na biblioteca, na nosa Lagoa, a impresora 3D.
Primeiro retrasos polos compoñentes da impresora que viña de China, despois tristemente todo o problema da Guerra en Ucrania e por último a folga dos camioneiros. Contra vento e marea xa a temos aquí.
Non causou pouca sorpresa cando se achegaron mirar que era aquilo que non estaba o día anterior na biblioteca, que ocupaba tanto espazo, que facía ruído e se estaba a mover todo o rato😂😂
Quedaron sen saber que era o que se estaba a imprimir, pois xa era hora de marchar a casa. O luns seguro que queren voltar e saber que é a primeira figura que sae dela. e será a primeira da moitas cousas que imprimiremos, para algo a temos no espazo fedelleiro da nosa biblioteca creativa.
O xoves 31 de marzo veñen nos recoller os contedores de Pilabot que temos no centro e a pesalos. ¡¡Dade ese último empurrón e non deixedes na casa ningunha pila ou batería usada!!
Hai moito tempo que non escribía nada sobre o clube de lectura, pero
non é porque non estean a ler, non ho. Os de 6º remataron por fín
co “El herrero de la luna llena”. E igual vos preguntaredes que
por que tanto tempo. Pois moi doado, había tanta cousa que aprender
neste libro sobre o camiño de Santiago, costumes antigas, gremios,
historia que deu para moitas reunións e charlas con Charo.
Agora o grupo de 6º que quería ler manga, está xa embarcado con
“Dr. Slump” da man de Fernando. Xa tiveron a primeira reunión
coa entrega dos exemplares e falaron sobre o autor e a intención ao
escribir o libro e tamén un pouco sobre as características da
cultura xaponesa, porque cousas que a nós, parécennos normais, nesa
cultura non o son e viceversa.
Os
de 5º que tiñan pendente de antes do Nadal manga, e que por mor dos
confinamentos masivos non puideran levalo, xa leron e falaron tamén
do “Dr Slump” Agora están embarcados lendo “Estudios Tex”
da man de Mariel. Como é un libro no que hai propostas de escribir e
debuxar nel, levaron tamén fotocopias desas páxinas, porque senón
quedarían ese libros inutilizados para outros compañeiros ou
compañeiras. Xa veremos que cousas chulas aprenden sobre os debuxos
animados.
Hoxe
mesmo, os de 4º A levaron para as súas casas a unha morta. Sí,
lestes ben, “Escarlatina, a cociñeira defunta” é o libro
elixido nesta ocasión. Algún puxo cara de susto cando Mariel lles
falou de levar unha defunta para casa, pero logo as risas foron o que
acompañaron aos libros e a promesa de facer algunha que outra
receita das que aparecen neste libro. Xa volas ensinaremos se é que
traen a proba.
¿Que mellor xeito de festexar o “Día da Poesía” que mostrando
como unha alumna e un alumno de 5º C do centro pasaron o sábado?
Na
Casa Museo de Manuel María, en Outeiro de Rei (Lugo), celebrouse o
concurso de recitado poético “Rosalía sempre viva”. Mariña e
Manuel participaron e desfrutaron do día, visitaron a casa museo e
coñeceron moitos outros rapaces e rapazas de todos os puntos de
Galicia. Podemos velos nas fotos e escoitar o ben que fixeron,
chegando a obter unha mención honorífica Manuel.
¡¡Canto
me gustou!! e que todo o que teña que ver coa miña tocaia alédame
o día.
Parabéns
aos dous, e que non se pare este gusto pola poesía, polo recitado e
que para o ano podades repetir máis e mellor se cabe.
Roi Sanz é un dos voluntarios da Lagoa de Rosalía. ¿como non o vai ser co que lle gusta a lectura? Tanto é así que, despois de ler a Iliada, propuxemoslle facer unha exposición sobre as aventuras alí narradas. Preparou os mapas, organizouse e contoulles ó resto do alumnado de 6º as peripecias de Aquiles dentro do último ano da famosa guerra de Troia , a súa cólera, as causas e as consecuencias do que fixo.
Da xenio escoitalo, nótase o ben que o preparou no xeito de explicarnos todo o que alí acontecera.
Estiven tan liada que ata hoxe non fun quen de montar todo o vídeo do venres de Entroido no edificio da Lomba. ¡¡Que chea de peregrinos no patio e nas rúas de Vilagarcía!!
É que co noso PDI sobre o Camiño de Santiago, ¿cal ía ser senón o noso disfrace este ano?
¡Que gusto poder facer actividades conxuntas aínda que sempre coas precaucións debidas!
Dende o colexio queremos darvos as gracias porque para poder entregar todo o recolectado nos dous edificios, a pesar de cargar unha furgoneta co material recollido coas vosas aportacións, fixeron falta dous coches máis.
Con estes pequenos xestos, queremos aportar un gran de area no medio desta tolemia, e ensinar que a Paz tamén está chea de pequenas cousas.
Hoxe os alumnos de 2ºA e 2ºB tiveron a sorte de ter unha charla dos
responsables do concurso de Pilabot. Nela aprenderon todo o
relacionado coa enerxía, cos acumuladores, baterías... e o máis
importante, como reciclar todo ese material para que non acabe
contaminado, porque aínda que pareza unha tontería, eles ben saben
que unha soa pila que acabe no chan pode contaminar moito, moito,
agua, terra e danar aos animais.
Non sabemos se gañaremos o concurso, pero que temos xa os contedores
que desbordan e estamos agardando a que nos traian outros dous, e que
unha chea de residuos vanse reciclar está asegurado.
Cando aprendemos facer as cousas ben, faise moito ben ao
medioambiente.
¡¡¡Veña!!! que temos ata o 31 para encher eses contedores.
O equipo de biblioteca do centro é tódolos anos o encargado da
planificación das actividades que co "Día da Paz Escolar e da Non Violencia" realizamos no colexio. Debido á invasión e ataque bélico
que está a sufrir Ucraína, dende diversas asociacións están a
facer chamamentos á xente para o envío de material de primeira
necesidade. Fundiciones Rey vai organizar o envío e distribución
ata alá, polo que dende a biblioteca, pero co unánime sentir de
todo o centro, pedimos a vosa colaboración.
Nas entradas do
colexio estarán postas unhas caixas nas que se poderá depositar
este material e posteriormente organizaremos o seu traslado ata a
fundición.
Dende o luns día 7,
ata o mércores 9 de marzo, estarán as caixas na entrada. Botade
unha man, por pouco que sexa, entre todos podemos axudar, que esta
situación non e desexable para ninguén.😢
O tipo de material
que se pide é:
Comida para
nenos/as e bebés, pañales e leite (pero tamén calquera tipo de
alimentos non perecedoiros, latas de conserva (non de cristal),
barriñas enerxéticas, galletas tipo maría, sopas instantáneas,
leite condensado, cacao, froitos secos...)
Material de
hixiene: Papel hixiénico, pasta de dentes, cepillos de dentes,
xabón, compresas, tampóns, toallitas húmidas, maquinillas de
afeitar...)
MEDICINAS:Vendas,
auga osixenada, alcohol, bepatem crem, antibióticos, ibuprofeno,
paracetamol...
Outros: sacos
de durmir, esterillas, lanternas, pilas, cinta americana gris,
filtros para a auga...
Os do ENDL xa teñen publicado no seu blogue as actividades que co
gaio do Día de Rosalía, a miña tocaia, fixemos no colexio. Quen se
achegaba e recitaba de memoria uns versos de Rosalía, levaba unha
mochila para decorar e usar. Nalgunhas clases fixeron flores con
pensamentos, a súa flor preferida, e no recreo, por megafonía
escoitamos cancións feitas cos seus poemas ou falando dela. Podedes
botarlle unha ollada neste enlace
Como cada ano, dende a biblioteca queremos poñer en valor a figura de Rosalía de Castro, a nosa tocaia.
Temos unha escolma de libros cos que podedes ler e mesmo escoitar poemas dos de Rosalía e dende o equipo de dinamización e normalización da lingua galega teñen unhas propostas para ese día https://edlgalomba.blogspot.com/2022/02/pensamentos-de-rosalia.html. Se aprendedes un par de estrofas de calquera dos seus poemas, agás do de "Adios ríos, adios fontes" no recreo do 23 levaredes unha mochila para decorar ao voso gusto. Así que xa sabedes, ¡¡a aprender e recitar algún deles!!
O noso centro apuntouse a Pilabot, unha campaña de recollida de
pilas e baterías coa que podemos levar premios se somos dos centros
que máis cantidade delas recollamos. O premio non estaría mal, pero
é que premio ímolo levar de todos modos, porque cando reciclamos
estamos a gañar todos. A ver se somos quen de encher os bidóns que
nos mandaron, un en cada edificio.
Aquí vos deixo un vídeo no que podedes ver moito sobre esta reciclaxe PILABOTDIFERENCIAS
E para que o alumnado poida ir recollendo e traendo ao colexio as pilas, temos estas caixiñas coas que encheremos os bidóns. ¡¡Animádevos!!
¿Queredes aprender aínda máis cousas? pois aquí vos deixo varios enlaces a xogos e crebacabezas
Hoxe estamos a celebrar un día moi importante, porque ás veces aínda parece que as mulleres e as nenas non poden ser científicas, que iso é algo de homes. Tristemente, antes era así, e moitos inventos e investigacións non viron a luz ou non quedaron rexistradas ao seu nome.
No noso colexio sabemos que as cousas cambiaron e por iso neste día visibilizamos este traballo.
Temos moitos libros cos que traballar e investigar, como podedes ver nesta pequena escolma das dúas bibliotecas.
A meirande parte das nenas de infantil fixeron un experimento fabuloso. ¿Que pasa cando se lle bota bicarbonato a unha botella con auga no fondo e como tapa temos un globo? Nas aulas xa o saben; e vós, se mirades o vídeo, tamén o saberedes. Non quedou aí a cousa: experimentaron e case que se converteron en malabaristas. Se pinchas dous paus un pouco inclinados nunha bola de plastilina e consegues poñer a mesma cantidade de plastilina ao final deses paus, logras un equilibrio perfecto nun terceiro anaquiño pequeno e podes poñelo na punta do dedo, enriba da cabeza... ¡E non cae!
En 2ºB leron varios contos e despois debuxaron os inventos que máis lles gustaron. ¡¡Uns artistas, temos na clase!!
En 3ºB investigaron, descifraron, experimentaron, escribiron... Non pararon, e non pensan parar!
No Anexo traballaron e investigaron sobre todas esas científicas medio olvidadas para darlles visibilidade.
E para rematar, como colofón, o alumnado de 6º tivo a sorte de poder asistir a unha charla (por videoconferencia) da científica Mª Dolores Vázquez Navarro (doutora enxeñeira de materiais), que traballa na rama de investigación de Boeing en España. Contactamos con ela, que ten raíces galegas, e amablemente accedeu a contarlles aos nosos alumnos/as un pouco da súa traxectoria profesional e vital, e como chegar a traballar no que ela está a facer.
Comezou explicando os diferentes materiais, os seus compoñentes, as súas características e o uso que se lle dá a cada un e o porqué dese uso. Compaxinou as explicacións con vídeos moi interesantes e didácticos e, o que en principio ía ser unha charla de 20 ou 30 minutos, converteuse nunha hora e dez, pois non paraban de xurdir preguntas que foi respondendo dun xeito clariño. Está claro que lles interesou o que alí escoitaron!
Non podemos deixar de darlle as gracias a Mª Dolores pola súa grande colaboración neste día.
Que non pare este afán por ser o que se queira ser, sen que ninguén poña trabas nin barreiras e sempre, sempre investigar e experimentar.
Este ano, aproveitando que a temática do PDI é o Camiño, decidimos facer un camiño da Paz e que as nosas pisadas, cheas de palabras bonitas, fixeran un Camiño virtual.
Ademáis temos nos expositores da biblioteca unha chea de libros para poder ler historias e tamén aprender moitas cousas. Agardamos vervos pronto.
Deixo aquí a canción da Paz que cantan os alumnos do noso centro e que cando dende as aulas fagan debuxos coa letra da canción, montaremos nun vídeo. Polo de agora só o audio e maila letra.
Os nosos voluntarios e voluntarias de 6º están a botar unha man na biblioteca. Grazas a eles os libros de préstamo voltan aos seus andeis, as novas incorporacións teñen os texolos protexidos e os expositores das distintas efemérides énchense de libros. Da xenio telos pola biblioteca adiante😍
Xa estades de volta no Colexio e estiven agardando a que viñeran á biblioteca para poder abrir os agasallos que nos deixaron as súas maxestades os Reis Magos. Que nervosa estaba, menos mal que algúns rapaces e rapazas de 3ºB viñeron visitarme e abriron os paquetes. Libros, xogos e ata unha lanterna para contar contos, enseguidiña estarán catalogados para poder usalos.