martes, 14 de febreiro de 2023

O profesorado tamén aprende

 Boas tardes. Que si que é certo, os profesores e profesoras do colexio non so dan clase, tamén aprenden cousas novas para poder traballar con vós despois. 

Neste caso é o grupo que está a aprender con Paola Guimeráns sobre robótica, pensamento computacional e un montón de cousas coas que en breve, xa estaredes a traballar e desfrutar nas vosas aulas. Que gusto da cando alguén explica as cousas así de ben.







Bicos mollados.

Rosalía

luns, 13 de febreiro de 2023

Charla de Margarita Vázquez Navarro

 

Olaaa. Xa tivemos hoxe a charla de Margarita Vázquez Navarro, doutora en Ciencias Físicas e traballadora do Eumetsat, a Organización Europea para a Explotación de Satélites Meteorolóxicos. O seu traballo é a teledetección, que consiste na observación da Terra dende o espacio. Como ela traballa en Alemaña, a charla foi por vídeo conferencia, e dende varias aulas e a propia biblioteca escoitamos con moita atención.

Contounos por que ela decidiu estudar a carreira de física, pois dende pequena sempre se preguntou por que pasaban as cousas. A palabra alemá para dicir “científico” é literalmente “O que quere saber”, que é precisamente o que a levou a estudar e investigar. Unha vez rematada a carreira, a súa curiosidade seguiu facendo que quixese saber cousas e marchou a Munich (Alemaña) para facer o doutorado e tentar saber por que as liñas dos avións, cando van polo ceo, ás veces son moi longas, outras curtas, outras non se ven e que efecto tiña isto no clima. Ensinounos fotos desas liñas dende a terra (que é como as vemos sempre), e tamén dende o espacio, grazas ás fotos que fan os satélites.

Despois do doutorado continuou cos estudos de Post-doutorado no centro aeroespacial alemán (DLR) investigando a atmosfera.

Explicou a importancia dos datos que recabamos dende que hai satélites e como con estes datos cada vez as predicións meteorolóxicas son máis precisas. Tamén vimos fotos da Terra pero que tiñan unhas cores moi raras, porque as cámaras dos satélites, que é dende onde se sacan, teñen uns lentes especiais, que reproducen tanto as cores visibles, como a temperatura ou unha mestura delas. Deste xeito poden “atravesar” as nubes e poden distinguir a neve das nubes, por exemplo.

 


Vimos como se manda un satélite ao espacio, cun foguete que ten moitísimo combustible. Na parte superior do foguete é onde se aloxa o satélite ata chegar á súa posición, momento no que se desprende o tanque do combustible e o satélite se desprega: xa pode empezar a enviar información.

Preguntou se sabiamos a diferencia entre tempo e clima, e esa si que a sabiamos: o tempo é o que está a acontecer neste preciso instante, se chove, venta ou vai sol; e o clima é o que pasa normalmente, que leva pasando durante moito tempo. As predicións do tempo fanse analizando cunhas súper computadoras que analizan milleiros de datos e que os envían a aplicacións como as dos móbiles.

Aprendemos que grazas aos datos recollidos, podemos saber con antelación se vai haber furacáns, cara onde se dirixen, con que velocidade ou a temperatura da auga do mar, que é coma o combustible que pode acelerar e facer crecer esas tormentas.

Tamén a importancia de ver nunha erupción volcánica cara onde se dirixen as nubes, pois os avións se estropean se atravesan esas nubes, e así se lles pode dicir por onde voar sen perigo. As tormentas de area tamén son visibles e poden avisar á poboación para que se protexa. Unha cousas moi curiosa foi saber que tamén poden avisar aos barcos, pois ás veces esas nubes de area levan en suspensión nutrientes que cando acaban no mar son fonte de alimento para os peixes, é dicir, pódese saber onde van ir comer os peixes, así que os barcos pesqueiros saben onde pescar.

Incluso grazas aos satélites, a loita contra os incendios é mellor, porque poden avisar de onde están os focos de lume máis potentes e se a dirección do vento pode poñer en perigo ás brigadas que están a tentar apagalo. E mesmo a calidade do aire é medible dende o espacio, algo que se notou durante o confinamento, pola pouca emisión de gases contaminantes a atmosfera.

Aprendemos que hai dous tipos de satélites, uns que están “cerquiña” da Terra, a uns 800 quilómetros, e que non paran de dar voltas ao noso arredor, e outros que están a 36.000 quilómetros de altitude, nunha órbita xeoestacionaria, observando sempre o mesmo punto da Terra. Ben, pois cada un deles estuda cousas diferentes, e a mestura dos datos que dan os dous é o que fai que melloren esas predicións. Eses datos mándanos ás estacións da terra repartidas en varios países e resulta que non tardan nadiña en chegar, como mandar unha mensaxe polo móbil. Son analizadas no centro de control, onde non só miran o que reciben, senón que tamén se preocupan de que os satélites estean no seu sitio ou que se despracen se hai algo de chatarra espacial, para que non choquen.

Os primeiros satélites de meteosat foron lanzados ao espacio en 1979 e tiñan só tres cámaras cada un, a segunda xeración de satélites é do 2002 e tiñan arredor de 12 cámaras, e a terceira xeración, que se lanzou en decembro do 2022, conta con 15 cámaras, algunhas delas preparadas para observar e monitorizar os raios, pois canto máis forte é a tormenta, máis aparello eléctrico ten.

En fin, que foi unha charla do máis entretido e coa que aprendemos moitas cousas sobre o tempo, o clima, os satélites e, sobre todo, que ter inquedanzas e buscar o por que das cousas pode levarnos a traballar en algo tan bonito coma a Teledeteción.

Non podemos rematar este resumo sen darlle de novo as grazas a Margarita polo seu tempo (atmosférico non, cronolóxico😁 ) para que parte do alumnado do centro aprendese un pouco sobre este mundo. ¡¡¡MIL GRACIAS!!!









 Bicos mollados.

Rosalía



venres, 10 de febreiro de 2023

11 febreiro. Día internacional da muller e da nena na ciencia

 Pois si, mañá,  día 11 é o "Día internacional da muller e da nena na ciencia". Dende a Biblioteca e o equipo de Igualdade para celebrar esta data que nos parece moi, pero moi importante, o luns imos ter a terceira vídeo charla didáctica para visibilizalo.

Nesta ocasión contamos coa colaboración de Margarita Vázquez Navarro, que traballa en Eumetsat, en Alemaña. Coa información que reciben dos satélites, analizan os datos e fan as prediccións meteorolóxicas que despois se publican nos diferentes medios de comunicación. (¿Vedes como aparecen os medios de comunicación que estamos a estudar, por todos lados?😉)

Agardamos con impaciencia que nos conte moitas cousas do seu traballo e que foi o que a levou estudar a súa carreira.

Aquí vos quedan recomendacións para poder traballar nos diferentes ciclos, e un par de enlaces a vídeos interesantes para pensar.

https://youtu.be/HVZmIYHOclo

https://youtu.be/A431ZdPjuv0 

Bicos mollados.

Rosalía


xoves, 9 de febreiro de 2023

Lecturas aos pequenos do Anexo

 Desta volta alumnas de 5º C prepararon unha lectura para traballar a diversidade de familias e foron ás aulas dos de infantil para lla contar. Fixérono moi ben.

Déixovos unhas fotiños e o vídeo do ensaio na biblioteca.



Bicos mollados.

Rosalía


luns, 30 de xaneiro de 2023

30 xaneiro 2023 Día escolar da Non violencia e a PAZ

 Hoxe voltou Carlos Padín ao edificio da Lomba para facer a solta de Pombas mensaxeiras co gallo deste día tan especial con moitas ganas de que os nosos desexos, escritos nas plumas da pomba da entrada dos dous edificios, chegasen aló onde fagan falta.

Con grande expectación e asombro vimos como botaban voar sobre o patio. ¡Que impresión e que bonito! ¡Os aplausos foron atronadores!

Despois preparámonos para cantar e bailar "A pomba Mari Paz" e desfrutar desta mañá tan soleada pero fría que non nos frenou para dicirlle ao mundo que non queremos enfados , pelexas nin guerras.


 

No edificio do anexo empezamos a mañá coa macha Radetzky, facendo percusión corporal e demostrando o ben que saben levar o ritmo da canción mentres amanecía sobre o patio. No recreo  varios alumnos e alumnas de 4º e 5º leron unhas poesías sobre a Paz. Despois o alumnado de infantil cantou e bailou "A Pomba Mari Paz" no medio do patio mostrando o que lles gusta a canción e a mensaxe que da. Para rematar o alumnado de primaria repetiu a Marcha Radetzky e a coreografía ensaiada.



Bicos mollados.

Rosalía



venres, 27 de xaneiro de 2023

Pombas mensaxeiras

 Olaaa!!

Hoxe tivemos a sorte de que se achegaron ata A Lomba dous colombofilos. E diredes ¿que é iso? Pois a colombofilia é a arte e a ciencia de criar pombas domésticas. A xente practica a crianza de pombas dende hai polo menos 5.000 anos e en case todas as partes do mundo. As persoas que se dedican a isto son os colombofilos. Nesta ocasión os que aquí se achegaron foron Carlos Padín Serantes e Carlos García Balboa. Os dous pertencen ao "Club de Pombas do Salnés" e troxeron con eles sete pombas, cinco femias, un macho e unha cría.

Contarón cousas sobre a cría, a alimentación, os coidados, o entrenamento, a limpeza e os campionatos nos que participan as súas pombas. ¿sabíades que son capaces de atravesar a Península Ibérica dende Barcelona e mesmo dende Melilla? ¿Que cara se vos quedou? Eu dende logo non pensei que foran tán rápidas, porque chegan elas antes que os seus donos de volta á casa.

Aprendimos que cando nacen, aos cinco días póñenselles un anel na pata que é o que identifica a esa pomba para toda a vida, é como o seu carné de identidade. No pombal no que nacen é no que teñen querencia, ao que queren volver, ademais de entrenalas para que queiran voltar, dándolles cacahuetes antes de sair, que para elas é como chuches, fai que volvan con máis gañas.

Ata finais do século pasado no exército tiñan pombas mensaxeiras, que eran as encargadas de poder mandar información dende onde as levaran nas caixiñas e as soltaran, de volta ao seu pombal. 

Cando compiten levan na outra pata outro anel que leva un chip, así no momento en que entran no seu pombal, un lector recolle a hora e xa se sabe canto tempo lles levou chegar. Se o día está nubrado e sobre todo cando hai néboa, pódense desorientar, e se chove ou teñen vento de lado poden tardar moito máis. Tamén aprendimos que as veces non son capaces de voltar, porque hai moitos perigos polo camiño, dende aves rapaces a que entren buscando comida ou auga noutro pombal que non sexa o seu o simplemente se desorienten e se perdan.

Vimos que son moi mansiñas, e ata poidemos acariñalas. Hainas de moitas razas e de moitas cores e as que son gañadoras poden valer moitos cartos, porque as usan para cría e hai xente que paga moitos, moitos cartos por elas.

O que quedou moi claro, é que os dous Carlos son uns apasionados deste deporte e que queren ás súas pombas moitísimo. Mira que lles fixemos preguntas e preguntas e tiveron a paciencia para responder a todas. Non podemos máis que darlles públicamente as grazas por vir ao colexio e contarnos tantas cousas. 

Neste curso que estamos aprendendo cousas sobre os medios de comunicación, e achegándose o Día escolar da non violencia e da Paz, a figura da pomba ten un dobre significado para nós. Un medio de comunicación e un símbolo da Paz.

 Nós pola nosa banda, traballamos coa impresora 3D e cun deseño dunha pomba ao que se engadiu un aro no lombo, montamos un chaveiro para cada un, para que levaran de recordo da súa visita. Hai que combinar unhas cousas con outras e que mellor xeito de lle dar uso que facendo cousas útiles. 

Aquí deixo un vídeo coas fotos da súa visita e do momento no que se estaba a imprimir a pomba. 


 

 

E se cadra pensades que aquí rematou todo... pois non, o luns Carlos Serantes voltará á Lomba traendo máis pombas e no recreo mentres cantamos a canción de "A Pomba Mari Paz" de Mamá Cabra soltarémolas para que voen espallando esa mensaxe de paz que temos na entrada do centro formada por todas as plumas cos nosos desexos escritos nelas.

Bicos mollados.

Rosalía

mércores, 25 de xaneiro de 2023

Debullamos Manga e debullamos Cine

 Xa está en funcionamento o club de lectura de manga. Nesta ocasión foi o grupo de 5ºA o que se levou para casa o libro de Dr Slump 2. Como algún non lembraba moi ben o número 1, o profe Fernando ofreceulles a posibilidade de levar os dous exemplares, o 1 para referescar e o 2 para poder comentar.


 E os de 4º empezaron coa película de "Harry Potter y la cámara secreta" para poder comparar e apreciar as diferencias entre o libro e a película.

Xa nos contarán.

Bicos mollados.

Rosalía


martes, 24 de xaneiro de 2023

Radio ondiñas

 Xa o temos aquí. Xa nos mandaron o programa de radio que grabamos no colexio en novembro. Fixose de rogar pero está precioso. Todo o mundo a escoitar este traballazo do alumnado de 6º do colexio. 

Está claro que este PDI sobre os medios de comunicación está a dar moito de si.😍

PROGRAMA RADIO ONDIÑAS (Premede para escoitar)

Bicos mollados.

Rosalía

luns, 23 de xaneiro de 2023

Lecturas para a PAZ

 Xa tedes nos expositores lecturas para poder traballar o día escolar da non violencia e da Paz. 

Bicos mollados.

Rosalía


venres, 13 de xaneiro de 2023

O club de lectura non para

 Hoxe no recreo foi o turno para outro grupo de 4º, que vai ler "La lista de cumpleaños". 

E digo eu, ¿cantos tipos diferentes de listas podemos facer para un aniversario? Xa o averiguaremos cando leamos o libro. Divertíunos moito que mesmo no comezo do libro dixese que ela cumplía anos o 13, e xusto hoxe é 13. ¡¡Que casualidade!!

Bicos mollados.

Rosalía


xoves, 12 de xaneiro de 2023

Case rematamos con Harry Potter

 Hoxe rematamos coa lectura do 2º libro da serie, Harry Potter e a cámara segreda no noso club de lectura. Pero a aventura non remata aquí, queremos ver as diferencias do libro coa película, así que adicaremos varios recreos para ver o filme, e poder comentalo.

Bicos mollados.

Rosalía


mércores, 11 de xaneiro de 2023

Adiviña

 Teño unha proposta para todo o mundo. ¿Quen é quen de adiviñar por que están estas fotos destas pombas?



Aí o deixo.

Bicos mollados.

Rosalía

luns, 9 de xaneiro de 2023

Chegaron os Reis Magos

 Oooolaaaaa!!!!!

¡¡Que ben que xa estades de volta!! Boteivos en falla. Ademais viñeron os Reis Magos e deixaron agasallos, pero quixen agardar a que viñeran os axudantes para abrir os paquetes. 

 



¿E que foi o que trouxeron? Pois como non podía ser doutro xeito libros e xogos para a miña lagoa. Pronto estarán catalogados para poder levalos á casa. Algún foi dos que puxera nas recomendacións lectoras. ¿Será que os Reis len o noso blog?




Bicos mollados.

Rosalía


xoves, 22 de decembro de 2022

¡¡¡FELICES FESTAS!!!

 Si!!! chegaron as vacacións de Nadal, tempo de compartir, de poder estar na casiña, coa familia, sen clase, pero non por iso sen lectura.🌲🎄🎅🎉

 Cando escribades as cartas pedindo agasallos non vos esquezades dos libros. Por se non tedes claro qué pedir, como todos os anos levades para casa unhas recomendacións lectoras, e como todos os anos, por si coas presas do último día, perdedes ou esquecedes as recomendacións, aquí volas deixo en cor.


 



Bicos mollados.

Felices festas.

Rosalía


Visita ao Centro de Día.

 Olaaaaa!!

Hoxe por fin fomos ao Centro de día que está na rúa Bosque dos Desamparados, xunto ao ladiño do colexio. Xa vistes o outro día como estabamos a ensaiar, pero hoxe xa non houbo ensaio, foi o directo!!!

Tiñamos un buzón de correos para que todo aquel que así o quixera, puidera escribir unha carta, unha postal de felicitación, un debuxo... e os voluntarios/as da biblioteca achegarían todo o que alí se botara.

Foi un éxito, non dabamos recollido tanta carta, nótase que estamos a traballar os medios de comunicación no noso PDI e que ninguén quería perder unha oportunidade coma esta.

Cando chegamos aló, presentámonos, presentáronse e lemos algunhas das felicitacións. Quedaron moi contentos/as e nos pediron que vos deramos as gracias por tanta correspondencia, porque ían ter moito que ler. Cantamos co xilófono e máis coa pandereta o que ensaiaramos, pero despois nos viñemos arriba e cantamos tamén "Pero mira como beben" e a verdade é que non saiu nada mal.

Contáronnos como era o Nadal de cando eles eran pequenos, que ninguén lle escribía a Papá Noel, só aos Reis Magos, e que se cadra viñan, se cadra non, pero que disfrutaban moito estando en familia.

Quedamos moi contentos coa visita e queremos que veñan ao colexio para ver como nos disfrazamos polo Entroido e nós voltar ao centro polas Letras Galegas.

¡Que voluntariado máis riquiño ten a Lagoa!!


 

Bicos mollados.

Rosalía.

martes, 20 de decembro de 2022

Máis lecturas no Anexo

 De novo o alumnado de 5º quixo lerlles aos de 1º e 2º. Ameazaran con voltar e cumpliron 😄

Desta volta o libro elexido foi "Vivan las uñas de colores"

Gustoulles moitísimo, ¿cal será a seguinte lectura??

Bicos mollados.

Rosalía.

luns, 19 de decembro de 2022

Temos paparazzis no colexio

 Como non podía ser doutro xeito, sende este ano o noso PDI sobre os medios de comunicación temos no colexio paparazzi. ¿e que significa isa palabra? Pois "Fotógrafo de prensa especializado en tomar fotos indiscretas de persoas famosas".  

Mentres o voluntariado de biblioteca ensaiaba unha das panxoliñas que vai cantar no Centro de Día aos maiores que alí están, un destes paparazzi filmou un anaco deste ensaio, porque por suposto, ¡¡o voluntariado desta lagoa é moi famoso!!!😎😎😎

Para vos dar máis información, o título da panxoliña é "Imos logo".

Bicos mollados.

Rosalía


venres, 25 de novembro de 2022

A LOMBA EN NEGRO

Tristemente un ano máis celebramos no noso centro o 25N, ¿e por que digo tristemente? porque é unha data que se a xente tivera cabeciña, non habería que sinalar no mapa. 

Aínda que dende o equipo de igualdade parten as ideas para esta celebración, a nosa Lagoa non pode quedar fora, e e coma tódolos anos propoñemos lecturas que axuden entender un pouquiño máis o sentir desta data e os nosos expositores énchense de libros que voan cada vez que un grupo entra na biblioteca.

 

 No caso dos terceiros, o seu favorito segue a ser "Peugo, o calcetín melenudo". Dende que o ano pasado a súa escritora estivo presentándolles a súa obra, pouco para na biblioteca, en canto un o devolve, xa vai para outra casa. "O chuvasqueiro de Aurora" é outro dos seus referentes.

Deíxovos un pequeno vídeo do aproveitamento do mural que o alumnado de 3º A fixo xunto coa actividade de todo o centro.

Bicos mollados.

Rosalía

luns, 21 de novembro de 2022

Outro Luns de Contos

 Hoxe é luns!!! e desta volta os afortunados que puideron contar co alumnado voluntario da biblioteca para as lecturas nas súas aulas foron os de infantil de 4 anos e os de 2º. Como a semana pasada, os libros  foron: "El niño que no quería ser azul, la niña que no quería ser rosa", "Lalo, el príncipe rosa", "Pecas" e "Guapa" para que todos poidan ter a oportunidade de escoitar estos contos. Iso si, coa emoción, esqueceron levar postos os petos de axudantes da Lagoa😂😂😂

Aí van as fotos.




Bicos mollados.

Rosalía


xoves, 17 de novembro de 2022

Os de 6º debullan contos

 Bo día.

Hoxe foi o turno dos de 6º  que levaron para a súa casa os libros de "Escarlatina, a cociñeira defunta". Coma sempre que lles presentamos este libro, ao principio dalles un pouco de aquel, pero conforme van sabendo de que trata o conto, xa muda a súa expresión e queren levalo. Este ano procuraremos facer algunha das receitas do alén, para comprobar se saben a morto ou a vivo. Cando xa marchaban, decatámonos de que non fixeramos ninguha foto, así que polo aire pillei aos últimos que saían da biblioteca e fixemos a foto. Para o vindeiro día, tentaremos facer máis.

Bicos mollados.

Rosalía.


luns, 14 de novembro de 2022

Xa comezaron os Luns de contos

 Hoxe os voluntarios e voluntarias da Lagoa empezaron a súa andaina contándolles historias ao alumnado de 5 anos e de 1º da Lomba. Os libros elexidos nesta ocasión foron: "El niño que no quería ser azul, la niña que no quería ser rosa", "Lalo, el príncipe rosa", "Pecas" e "Guapa"

Aquí podedes ver o seu traballo.

Para o próximo luns, máis!

Bicos mollados.

Mariel


xoves, 10 de novembro de 2022

O Magosto xa chegou!!

 Olaaa! Aquí chegou o Magosto e comimos castañas!!!! 

Este ano foi o mesmo día nos dous edificios, pois o Concello tiña dúas parrillas para nos prestar e usar á vez. O alumnado de 6º, como son os maiores do cole, fixeron de mestres de cerimonias e lles explicaban ao resto do cole como xogar en cada un dos xogos.

No edificio da Lomba papamos castañas, papamos boliños (que fixeron o día anterior os alumnos e alumnas de 3º) e xogamos no patio, ¿que máis se pode pedir? ¡¡¡Pois que non nos chovera!!!

Por quendas baixamos ao patio onde os da Anpa axudaron repartindo os boliños e as castañas ben asadas e ben ricas  que grazas a Ricardo, que pasou a mañá dándolle voltas ao veo, comimos. Aquí queda un pequeno vídeo para que o vexades.


No anexo tivemos a visita do alumnado do CEE, recuperando  a celebración conxunta que o Covid impediu os dous últimos anos. ¡¡Canto os botabamos de menos!! Troouxeron castañas para que entre todos tiveramos máis cantidade para comer. Tamén alí a Anpa botou unha man para repartir as castañas que Eduardo asou con moita maña.¡Que ben o pasamos! Deíxovos outro vídeo para que o comprobedes.

Bicos mollados.

Rosalía


mércores, 9 de novembro de 2022

Xa chega o Magosto

 Si, si, xa chega, mañá celebramos o Magosto nos dous edificios, con castañas, por suposto,  e xogos.

No Anexo van ter a visita de alumnado do Centro de Educación Especial para compartir a mañá.

Na Lomba ademáis, comerán boliños preñados, xa  que dende a Anpa colaboraron, xunto con Rubén , o cociñeiro, para que non faltasen, como viña sendo xa tradición. Nesta ocasión foron os alumnos e alumnas de 3º os que adicaron unha hora da mañá aprendendo como facelos e mañá veremos como están de ricos.

Aprenderon o primeiriño de todo, que para cociñar hai que lavar moi ben as mans, despois como amasar para estirar ben a masa e poder poñer dentro o trozo de chourizo, para a continuación envolvelo ben. Non perderon ocasión de repasar C. Naturais, pois cando Rubén lles contou que a masa tiña levadura, sabían que era do reino dos fungos, pero aprenderon que se non hai unha temperatura axeitada, a masa non fermenta. Por iso ao rematar a faena, gardáronse na neveira, porque non levedarán, e así mañá pola maña, ao poñelos morniños crecerán ata o dobre e xa poderán ir ao forno, para poder papalos.

Tamén aprenderon que despois de cociñar, que é a parte divertida, tamén toca limpar, parte que a algún case que lle gustou máis que o de cociñar, pois houbo tantas peticións para coller os panos que parecía que eran chuches.

Aquí vos deixo unha mostra do seu traballo.


Bicos mollados.

Rosalía

martes, 8 de novembro de 2022

LUNS DE CONTOS

 Olaa:

Este luns comezaremos cunha actividade coordinada dende o equipo de Biblioteca  e o equipo de Igualdade-Convivencia cos voluntarios de 5º e 6º. Irán ás aulas dos de 4 anos, 5 anos, 1º e 2º de primaria no plan lector e lles lerán un conto a aqueles grupos que estean interesados.

Como nesta lagoa temos un feixe ben grande de contos📗📘📙📕📚, aproveitaremos para que leven algúns que falan da igualdade de xénero, de respecto e convivencia, de emocións, ecoloxía, inclusión, diversidade de familias...

Este é un dos primeiros que imos ler.

Me llamo Pecas

Esperamos que vos guste a idea.

Bicos mollados.

Rosalía

luns, 7 de novembro de 2022

Lecturas de medo

 Os rapaces e rapazas de 5º do Anexo foron ás aulas dos de 1º e 2º para lles contar a historia de "Corre, corre cabaciña" moi apropiada polo Samaín. Nin tempo tiven de poñer as fotos da cantidade de cousas que estamos a facer.

Estiveron moi atentos e a experiencia gustoulle a todo o mundo, así que os maiores ameazan con voltar con máis historias 😂😂😂


Bicos mollados.

Rosalía

venres, 4 de novembro de 2022

Non sei se rir ou chorar

 ¡¡Ola a todo o mundo!!

Hoxe foi un día moi especial. A profe Araceli, unha das profes de PT,  unha das profes do equipo de biblioteca con quen tantas horas teño pasado aquí na miña lagoa, xubílase🎉. Estou moi contenta por ela, que ben merece ter todo o tempo para ela e para a súa familia, pero moi triste á vez, por deixar de compartir estes ratiños entre libros, texolos, fixo, risas...

Como non podía ser doutra maneira, quixemos despedila como se merece, cunha grande ovación, porque non so é unha profesional tremenda,  sempre preocupada polo seu alumnado, é sobre todo, unha moi boa persoa e compañeira. A cantidade de aplausos, apertas e choros que todos aqueles que ben a queren, ben se ven nesta montaxe. 


Araceli, por favor, ven ata o colexio de cando en vez para nos visitar, que esta lagoa sempre será a túa casa.

Bicos mollados (de emoción).

Rosalía

xoves, 3 de novembro de 2022

Arranca o Bibliopatio

 Por fin deixou de chover nos recreos e hoxe, xoves, os voluntarios da biblioteca levaron os libros ao recreo. Coma primeiro día non estivo nada mal. Despois de avisar por megafonía de que os voluntarios saían ao patio, que os buscaran que estaban cos petos de cor amarela, comezou a andaina deste curso.



Por moitos luns e xoves máis sen choiva!!!

Bicos mollados.

Rosalía


mércores, 2 de novembro de 2022

3. 2. 1. Estamos no aire!!!

 ¡¡Boas tardes!! e vos preguntaredes que por que empezo así esta entrada... moi sinxelo. Xa gravamos o programa de radio no ximnasio con motivo do noventa aniversario da chegada da radio a Galicia É unha colaboración entre Radio Ondiñas e o alumnado de 6º que fixeron as entrevistas axudados por Amparo, locutora profesional. O Programa "Emociónate coa radio" o título desta experiencia.  Ademais de vivir en directo a gravación do programa, estiveron aprendendo como se preparan as entrevistas, as gravacións no exterior, a escaleta, as partes das que consta o programa...

Despois de escoitar as lembranzas vividas arredor dun aparello de radio pola veciñanza, comezaron as entrevistas no "estudo" Os primeiros invitados foron Paola María, concelleira de urbanismo e Miro Senén, concelleiro de educación  que falaron da aposta polos camiños seguros para chegar ao s colexios e dos carril bici para os desprazamentos. O seguinte invitado, xa que falamos de bicicletas non podía ser outro que Gustavo Cesar Veloso, ex-corredor profesional e gañador de varias etapas da Volta a España e da de Portugal e veciño noso de Bamio, con quen falaron da súa vida profesional e o gusto pola bicicleta. Do deporte pasamos á música e o convidado foi Jesús Nogueira, músico e director da banda de Música de Vilagarcía que falou da súa paixón pola música e do tempo que leva unido a ela de xeito profesional. 


Para rematar o programa, o último bloque foi entrevistas dentro do propio centro, ás mestras encargadas da coordinación do programa, Marta Novoa e Mónica Alba, que pasaron de estar na zona de preparación á de entrevistadas, a alumnado de 6ºB lendo un conto inventado por eles "Sons estraños", a Rubén García, cociñeiro do noso centro, (que fai que aínda que eu non coma o mesmo ca vós, cando chega o arrecendo á biblioteca téñome proposto cambiar a miña dieta de insectos🐛🐜🐝🐞 polas vosas🍖🍞🍛) e á nosa directora Chus Montáns con quen rematou este programa.

O alumnos e alumnas do centro fixeron de público desta gravación, entrando por quendas de bloque en bloque, aprendendo a importancia do silencio en situacións coma estas.

En fin, que foi unha experiencia chulísima dentro do noso PDI “Dende a Lomba para o mundo” e que en canto teñan editado todo o programa, poñerémolo á vosa disposición para que poidades apreciar todo o traballiño que supuxo para estes rapaces e rapazas o achegamento e aprendizaxe sobre o mundo da radio, como medio de comunicación. Mentres, para abrir boca, deíxovos un pequeno vídeo coas imaxes desta gravación. 



Bicos mollados.

Rosalía