Olaaa!!
Hoxe tivemos a sorte de que se achegaron ata A Lomba dous colombofilos. E diredes ¿que é iso? Pois a colombofilia é a arte e a ciencia de criar pombas domésticas. A xente practica a crianza de pombas dende hai polo menos 5.000 anos e en case todas as partes do mundo. As persoas que se dedican a isto son os colombofilos. Nesta ocasión os que aquí se achegaron foron Carlos Padín Serantes e Carlos García Balboa. Os dous pertencen ao "Club de Pombas do Salnés" e troxeron con eles sete pombas, cinco femias, un macho e unha cría.
Contarón cousas sobre a cría, a alimentación, os coidados, o entrenamento, a limpeza e os campionatos nos que participan as súas pombas. ¿sabíades que son capaces de atravesar a Península Ibérica dende Barcelona e mesmo dende Melilla? ¿Que cara se vos quedou? Eu dende logo non pensei que foran tán rápidas, porque chegan elas antes que os seus donos de volta á casa.
Aprendimos que cando nacen, aos cinco días póñenselles un anel na pata que é o que identifica a esa pomba para toda a vida, é como o seu carné de identidade. No pombal no que nacen é no que teñen querencia, ao que queren volver, ademais de entrenalas para que queiran voltar, dándolles cacahuetes antes de sair, que para elas é como chuches, fai que volvan con máis gañas.
Ata finais do século pasado no exército tiñan pombas mensaxeiras, que eran as encargadas de poder mandar información dende onde as levaran nas caixiñas e as soltaran, de volta ao seu pombal.
Cando compiten levan na outra pata outro anel que leva un chip, así no momento en que entran no seu pombal, un lector recolle a hora e xa se sabe canto tempo lles levou chegar. Se o día está nubrado e sobre todo cando hai néboa, pódense desorientar, e se chove ou teñen vento de lado poden tardar moito máis. Tamén aprendimos que as veces non son capaces de voltar, porque hai moitos perigos polo camiño, dende aves rapaces a que entren buscando comida ou auga noutro pombal que non sexa o seu o simplemente se desorienten e se perdan.
Vimos que son moi mansiñas, e ata poidemos acariñalas. Hainas de moitas razas e de moitas cores e as que son gañadoras poden valer moitos cartos, porque as usan para cría e hai xente que paga moitos, moitos cartos por elas.
O que quedou moi claro, é que os dous Carlos son uns apasionados deste deporte e que queren ás súas pombas moitísimo. Mira que lles fixemos preguntas e preguntas e tiveron a paciencia para responder a todas. Non podemos máis que darlles públicamente as grazas por vir ao colexio e contarnos tantas cousas.
Neste curso que estamos aprendendo cousas sobre os medios de comunicación, e achegándose o Día escolar da non violencia e da Paz, a figura da pomba ten un dobre significado para nós. Un medio de comunicación e un símbolo da Paz.
Nós pola nosa banda, traballamos coa impresora 3D e cun deseño dunha pomba ao que se engadiu un aro no lombo, montamos un chaveiro para cada un, para que levaran de recordo da súa visita. Hai que combinar unhas cousas con outras e que mellor xeito de lle dar uso que facendo cousas útiles.
Aquí deixo un vídeo coas fotos da súa visita e do momento no que se estaba a imprimir a pomba.
E se cadra pensades que aquí rematou todo... pois non, o luns Carlos Serantes voltará á Lomba traendo máis pombas e no recreo mentres cantamos a canción de "A Pomba Mari Paz" de Mamá Cabra soltarémolas para que voen espallando esa mensaxe de paz que temos na entrada do centro formada por todas as plumas cos nosos desexos escritos nelas.
Bicos mollados.
Rosalía
Ningún comentario:
Publicar un comentario