sábado, 20 de maio de 2023

PDI 2ºA e 2ºB

 Bo día a todo o mundo.

Hoxe ensinamos as actividades destes dous cursos e son eles quen o contan

Neste curso comezamos traballando os carteis publicitarios como medio de comunicación. No primeiro trimestre analizamos as partes dun cartel publicitario e observamos e analizamos diferentes exemplos. Despois organizados en equipos cooperativos deseñamos os nosos propios carteis publicitando as actividades que se ían realizar durante a festa de Nadal do cole.

 


A maiores desta actividade, tamén durante o primeiro trimestre escribimos unha postal de Nadal, que posteriormente enviamos a través de correos ás casas dos alumnos. Para realizar esta actividade os nenos aprenderon as partes dun sobre e como situar o remitente e o destinatario, así como a escribir os seus enderezos. Tamén calculamos o prezo dos selos postais e dos sobres necesarios para que a postal chegase aos domicilios.

Outro medio de comunicación no que tamén investigamos foi a radio. Os nenos en nenas asistiron a gravación dun programa de radio en directo na escola e tamén visitamos unha exposición de radios antigas con paneis informativos situada no primeiro andar do centro. Para coñecer algo máis deste medio de comunicación visualizamos un vídeo sobre as orixes da súa creación.


Durante o segundo trimestre realizáronse diferente actividades, a maiores das planificadas inicialmente. As aulas de 2ºA e 2ºB participaron nunha actividade organizada en colaboración con Correos, na que aprenderon sobre a historia do correo postal, os diferentes elementos dunha carta, visualizaron tipos de selos, e levaron algúns exemplares de selos para iniciar a súa propia colección filatélica. A actividade tamén incluíu a visita a unha exposición de selos no propio centro educativo.

 

Tamén neste trimestre iniciaron a súa propia correspondencia con nenos e nenas do CEP Magariños, en Cambados. Para realizar esta actividade coa colaboración dos titores de 2º, emparellamos a todos os nenos e nenas para que mantivesen correspondencia con outro neno ou nena dese centro. Comezamos a correspondencia lembrando as partes dunha carta e continuamos con esta actividade durante o terceiro trimestre, empregando tamén o correo electrónico así como o envío por correo postal cunha saída ao caixa de correos postal.

Como complemento a esta actividade, analizamos as partes dun correo electrónico e escribimos en papel un borrador dun correo.

Este trimestre tamén traballamos os elementos da publicidade e os anuncios por palabras. Os nenos e nenas de ambas clases organizados en parellas crearon os seus propios anuncios por palabras, que se expuxeron na aulas.

A maiores traballamos as entrevistas na radio, facendo pequenas dramatizacións de entrevistas a deportistas e interpretando os distintos roles de entrevistadores e entrevistados, traballando tamén a expresión oral.

3º Trimestre

Durante o terceiro trimestre continuamos co intercambio de correspondencia do CEP Antonio Magariños Pastoriza, que remataremos cunha derradeira carta que enviaremos por correo ordinario, coa súa correspondente visita á caixa de correos que se atopa preto do centro educativo.

A maiores os nenos e nenas enviarán unha última correspondencia por correo electrónico. Para rematar esta experiencia levaremos a cabo unha videochamada aproveitando a nova PDI que nos instalaron, para que os nenos e nenas se poidan coñecer.

Nestas últimas semanas tamén traballamos a confección de carteis informativos sobre diferentes eventos. Os nenos e nenas confeccionaron cadanseu cartel e despois expuxémolos na aula.

 Non diredes que non foron traballadoriños e traballadoriñas...

Bicos mollados.

Rosalía

Ningún comentario:

Publicar un comentario