Seguindo coa planificación inicial, no primeiro trimestre comezamos investigando os servizos que dependen do Concello, como os bombeiros, a policía local, protección civil e o servizo de xardinaría. Tamén se traballou a estrutura xerárquica de organización do Concello (alcalde/alcaldesa e concelleiros/as) e, a través da propia páxina do Concello de Vilagarcía, coñecemos ao alcalde e os servizos que se ofrecen aos veciños e veciñas da vila. Organizados en gran grupo elaboramos unha entrevista para coñecer mellor ao alcalde e o funcionamento do noso concello.
No segundo trimestre afondamos no coñecemento dos diferentes tipos de plantas e as súas clasificacións (segundo o talo: árbore, arbusto, herba; segundo a folla: de folla perenne, de folla caduca; segundo a flor: plantas con flor e plantas sen flor). Tamén aprendemos as diferentes partes coas que conta cada planta e a súa función. Estes novos coñecementos serviron de base para a nosa investigación. Contando coa colaboración das familias, cada neno e nena investigou sobre unha planta da nosa vila. En concreto pescudamos o nome común e científico, a clasificación en árbore, arbusto ou herba, fixemos un debuxo da nosa planta e/ou sacamos fotos da mesma. Esta investigación tamén puxo en valor os coñecementos das nosas persoas maiores porque tamén se recompilaron os usos tradicionais das mesmas preguntando aos avós e avoas. Con toda esta información cada neno e nena elaborou un pequeno texto e fixo unha presentación oral coa axuda do mesmo ao resto da clase. Esta actividade gustounos moito porque a parte de que todos os nenos e nenas aprenderon como e onde buscar información, aprenderon cousas moi interesantes das plantas que nos rodean e que non sabiamos antes e tamén aprenderon a valorar o traballo propio e o dos demais, tamén supuxo un momento feliz para pasar en familia.
No terceiro trimestre afondamos no coñecemento das partes dun río e do funcionamento do ciclo da auga, tamén aprendemos a importancia que ten a auga para as persoas, os tipos de auga que hai no noso planeta (salgada, doce, potable, non potable) e hábitos que podemos levar a cabo no cole e en casa para conservala. Neste trimestre propuxémonos investigar sobre o río da nosa vila, o río do Con. En concreto, cada neno e nena pescudou onde nace e onde desemboca o noso río, cal é a súa lonxitude en quilómetros, que lugares de interese se sitúan á beira do río, e coa axuda das familias, recompilamos lendas, fábulas, refráns e contos sobre os ríos e a auga. Con toda esta información cada neno e nena elaborou unha presentación oral ao resto da clase acompañada dun debuxo ou foto dalgunha parte do río no seu camiño cara o mar a través da nosa vila. Moitos dos nenos e nenas decatáronse de que vivía moi preto do río e que non sabían moito del ata este momento.
Ningún comentario:
Publicar un comentario