martes, 8 de xuño de 2021

4ºA e 4ºB da Lomba

 

No primeiro trimestre deste curso 2020-2021 os grupos de 4ºA e 4ºB tivemos que facer un cambio, por motivos alleos a nós, e comezamos polas actividades do :

PRODUTO 3: LUGARES HISTÓRICOS NO NOSO CONCELLO.


As actividades programadas e realizadas foron:

  • Estudo da “Prehistoria de Vilagarcía” (antes do s. XV): pazo de Vista Alegre, convento de Vista Alegre, Castro Alobre, Monte Lobeira, Cemiterio inglés, petroglifos de Bamio,

  • Localización deses lugares no mapa, empregando “Google Maps”.

  • Traballos individuais de fotografías e recompilación de información como tarefas extraescolares.

  • Elaboración de traballos escritos coa información recadada e envorcado á páxina web do centro.

  • Visita á “Casa das mil ventás” (Pazo dos duques de Terranova”).

  • Montaxe dun puzzle xigante da “Casa das mil ventás” e exposición do mesmo no corredor do 2º andar.

  • Elaboración dunha montaxe de vídeo por Halloween con fotos da visita á “Casa das mil ventás”.

  • Elaboración dunha montaxe de video coas fotos individuais que fixeron e fotos antigas de lugares históricos de Vilagarcía.


A actividade da visita a Cortegada programada xunto cos estas tarefas e actividades, posponse para ver se hai posibilidade de realizala a finais de curso.


Todas estas actividades realizáronse tanto de modo individual como grupal, favorecendo a cooperación, a valoración e o respecto polo traballo e produccións propias e alleas fomentando o traballo conxunto entre as dúas clases (4º A e 4ºB).


As áreas traballadas con estas actividades foron: lingua castelá, lingua galega, ed. plástica, ed. física, matemáticas, cc.naturais, cc. sociais e ed. en valores.


GALERÍA

Tanto as fotos como as montaxes de vídeo poden verse na aula virtual, na páxina web do centro ou no blogue da biblioteca.


VIDEO: “La casa de las 1000 ventanas y los moradores de A Lomba”.

https://youtu.be/C4GTsyT_HrU


VIDEO: “Vilagarcía histórica”

https://youtu.be/21mP9je-jvs


No segundo trimeste deste curso 2020-2021 os grupos de 4ºA e 4ºB fixemos as actividades programadas e complementarias ao traballo do primeiro trimestre.


PRODUTO 2: Elemento multimedia. “Personaxes célebres de Vilagarcía e arredores”


  • Recabar información a través da busca en libros, internet e transmisión oral de familiares, sobre personaxes da zona que foron tan relevantes que quedou Constanza deles en libros, nomes de rúas, prazas, estatuas, placas conmemorativas…

  • Investigación sobre a historia de cada unha destas celebridades. Busca de fotos e localización de estatuas, rúas e placas de homenaxe.

  • Envorcado da información nun elemento multimedia que se engadirá en forma de libro dixital da nosa páxina da aula virtual.

  • Lectura de poemas da escritora Xaquina Trillo (poetisa) polo día da muller.

Os personaxes célebres incluídos no noso libro dixital colgado na páxina do curso de 4º na aula virtual son: Castor Sánchez, Ramiro Carregal, Rosa Diz, doutor Manuel Tourón, José Fontán, Antón Paz, Enrique Valdés Bermejo, Xaquín Chaves, Xaquina Trillo, Carlos Blanco, Felipe Rodríguez (“Pantera”), Víctor Viana, Manuel Jiménez e o doutor Xosé Moreira Casal.

A visita grupal aos puntos máis relevantes nos que hai algún elemento en homenaxe a estas celebridades posponse para o vindeiro trimestre xa que non se deron as condicións climatolóxicas axeitadas para poder realizala.

Todas estas actividades realizáronse tanto de modo individual como grupal, favorecendo a cooperación, a valoración e o respecto polo traballo e polas producións propias e alleas fomentando o traballo conxunto entre as dúas clases (4º A e 4ºB).


As áreas traballadas con estas actividades foron: lingua castelá, lingua galega, ed. plástica, matemáticas, cc. sociais, TIC.s e ed. en valores.


Fotos da celebración do día da muller.

Na semana do 8 ao 12 de marzo, os nenos e nenas de 4ºB recitaron uns poemas da poetisa vilagarciana XAQUINA TRILLO pola celebración do DÍA DA MULLER.

 


 

No terceiro trimestre deste curso 2020-2021 os grupos de 4ºA e 4ºB fixemos unha pequena variación sobre as actividades programadas xa que se deron mellores condición climatolóxicas para completar o traballo iniciado no segundo trimestre.


PRODUTO 3: Elemento multimedia. “Estudo das nosas rúas e visita aos monumentos conmemorativos de Vilagarcía”


  • Recabar información sobre as persoas, feitos ou celebración que dan nome ás rúas nas que viven os rapaces das nosas aulas.

  • Buscar os elementos que resaltan na rúa onde vivimos e que a fan doada de localizar para os demais.

  • Busca en planos e Google maps a ubicación das nosas rúas.

  • Realización dun traballo escrito individual sobre a información recabada e envorcado nun elemento multimedia que será colgado na aula virtual do curso.

  • Roteiro polas rúas e visita aos monumentos conmemorativos facendo unha xincana para dar rematado na estatua na honra do boxeador “Pantera”.

  • Comida e tarde de xogos na Praia de Vilaxoán.


Todas estas actividades realizáronse tanto de modo individual como grupal, favorecendo a cooperación, a valoración e o respecto polo traballo e polas producións propias e alleas fomentando o traballo conxunto entre as dúas clases (4º A e 4ºB).

Hai que darlle os parabéns a too o alumnado deste curso xa que se cumpriron todas as expectativas de traballo coa dificultade engadida de cumprir todos os protocolos COVID, como por exemplo nos desprazamentos.

Todos os desprazamentos foron a pé e facendo roteiros en grupos separados para non romper os grupos burbulla.

As áreas traballadas con estas actividades foron: lingua castelá, lingua galega, ed. plástica, matemáticas, cc. sociais, TIC.s e ed. en valores.


Cabe dicir que foi un tema que lle interesou moito aos rapaces, sobre todo pola proximidade dos lugares de traballo e que, en moitas ocasión, cada un traballou sobre a mesma rúa na que vive.

Pasárono moi ben en todas as actividades aínda que foi unha mágoa non poder compartir todas experiencias estando todos xuntos.

Agardamos que esta situación mellore para o vindeiro curso.


Exemplos dalgúns traballos realizados por rapaces de 4ºB

Eu chámome Paula Ferro Mouriño e vivo na rúa Fonte da Coca. 



Este é un lugar onde, desde hai moitísimos anos, a xente vén a coller auga para beber nas súas casas. Tamén é un parque onde xogan os nenos e pasean os cans.


O que non sabe moita xente é que existe unha lenda sobre este lugar e vola vou contar:

Un home chamado Pablo ía deica á Feira do Vintecinco de Carril. Para non perder tempo, decidiu saír cedo da casa, tanto que aínda era noite pechada cando puxo rumbo cara alí. Ao chegar á altura da fonte, atopouse de súpeto cunha moza de longos cabelos louros e beleza suprema que non paraba de ollalo mentres gardaba as súas galiñas. Sacándoo do seu ensimesmamento, a moza preguntoulle a onde ía a aquelas horas tan temperás. Aínda que dubidoso, Pablo fíxolle saber que se dirixía cara á Feira. Amosando un grande interese, a moza pediulle que lle mercase unha clave de ouro para o galiñeiro, xa que as aves non paraban de se lle escapar. 

  • Pero tráema agochada para que non lle dé o sol, senón non a quero.

Preguntándolle que gañaba el con iso, a moza respondeulle:

  • Dareiche cen pezas de ouro

E alá continuou Pablo o camiño deica Carril, cavilando se o que lle prometera aquela extravagante muller sería verdade. Unha vez na Feira, acordouse do favor pedido pola moza e, buscando entre a multitude, atoupou a un home facendo zocos. Así, ocorréuselle pedirlle un anaquiño de madeira a modo de clave que servise coma peche para o galiñeiro. Ao rematar as compras, desfixo o camiño para chegar de novo á súa casa. Á pasar pola fonte, atopouse outra vez coa muller coidando das súas aves. Inmediatamente, requiriulle o tan prezado obxecto. Desta forma, Pablo sacou o anaco de madeira e deullo, ao que a loura respostou meténdose nun furado da fonte e saíndo cun saco cheo de ouro.

  • É para min?

  • Si, pero cunha condición: non podes miralo ata chegar á túa casa.

Sen entender moi ben o por qué daquela absurda prohibición, o home colleu o saco e continuou o camiño de volta ao seu fogar. Mais, unha vez cruzado o río, non foi quen de resistirse a abrir o saco para comprobar se efectivamente contiña no seu interior as cen moedas prometidas. Inesperadamente, todo o ouro comezou a se tornar carbón no mesmo momento de abrilo.

  • O meu ouro, o meu ouro! Todo o meu ouro se converteu en carbón por idiota! De non telo mirado, agora seríamos todos ricos!

E este é o motivo polo que o terreo anexo á Maroma onde aconteceu tal desgraza é coñecido actualmente coma “O Ouro”, na honra do home que, froito da impaciencia, perdeu a oportunidade dunha vida acomodada en cuestión de segundos.”



Desde a miña casa podo ver o parque da Coca coa fonte, un bazar chinés, unha fábrica de metal, o supermercado Alcampo e Mapfre.

O que máis me gusta da niña rúa é A MIÑA CASA.





O meu nome é Mathías Lizárraga Chávez e vivo na rúa Alejandro Cerecedo.

Esta rúa atópase entre a rúa Castelao e a avenida do Doutor Tourón. O nome desta rúa está adicado a Alejandro Cerecedo, un profesor dunha escola de rapaces que se chamaba LEÓN XIII e estaba onde hoxe se fai o mercadillo.

Este Mestre foi a Inglaterra a completar os seus estudos e ao volver fundou unha academia. Por todo este traballo de ensino a tantos rapaces, se decidiu pedir que se lle puxera o seu nome a unha rúa de Vilagarcía.

Tamén ten unha escultura co seu busto nos xardíns do Doutor Fleming.


Desde a niña rúa podo ver o parque da Xunqueira, a Praza de España, o Centro Comercial, a panadería Yoli e a tenda Emilio Iglesias.

O que máis me gusta da miña rúa é o Parque da Xunqueira.




 

Somos Iria Varela Besteiro e Chiara Hernández Placer e vivimos na rúa Vilaboa de Sobradelo

Moi pretiño da nosa casa hai unha fonte moi antiga e coñecida da que vos deixamos unha fotografía

 




Chámome Rbison Hernando Villamil Ibarra aínda que todos os meurs amigos chámanme Nando, vivo no paseo García Caamaño.



 

Dende aquí podo ver o parque da Xunqueira, un dos lugares máis coñecidos de Vilagarcía e onde moitas veces cobran protagonismo as festas de Santa Rita co Mercado Medieval e de San Roque con concertos, fixen unhas cantas fotos para que coñezades o lugar.

 



 

 

 

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario