xoves, 14 de novembro de 2024

Club de lectura

 Olaa.

Entre onte e máis hoxe, a biblioteca non para.

Onte foi a quenda do grupo mixto. Nesta ocasión, foi Irene a encargada de lles entregar o libro "O pirata Plin, o pirata Plan" e de falar imaxinando cal sería o tema deste libro. Moi complicado non era de acertar, claro, pero na vindeira sesión xa nos dirán se lles gustou ou non.

 E hoxe o alumnado de 5ºB foi o que tivo a reunión para levar ás súas casas "Plan de rescate" de Antía Yáñez. Mariel ofreceulles varos títulos que serán os que lean neste curso, e decidiron empezar con este, e saber que é o que pasa nese colexio. Viñéronse arriba e a próxima cita xa quedou fixada para dentro de dúas semanas. E como xa son veteráns, cando ían marchar foron os que se lembraron de facer a foto, para demostrar o que lles gusta ler e poder, dende as súas casas, navegar ata esta lagoa e ser "famosos/as".

Bicos mollados.

Rosalía

xoves, 7 de novembro de 2024

Continúa rodando o Club de lectura

 Olaaa,

Onte, mércores, o alumnado de 4º da Lomba empezou a súa andaina no club de lectura desta lagoa. Estaban coma un flan, tiñan milleiros de preguntas que lle facer a Mariel, que que pasaba se non podían vir ás reunións, se non acababan o libro, se podían merendar... Pois todo iso xa lles quedou clariño e mentres merendaban, si, merendaban, porque aínda que normalmente non se pode comer na biblioteca, cando temos reunións do club de lectura ou preparación dalgunha actividade que nos leva todo o recreo, por suposto que merendamos, hai non, que de aquí non marcha ninguén con fame!

O libro proposto foi "Dona Problemas" do Hematrocrítico, e claro, o primeiro que pensaron era que a protagonista era a problemática, pero non, e ata aquí podo contar. Quedaron moi contentos e para a seguinte reunión, falaremos das súas impresións sobre o libro.


Hoxe, xoves, foi a quenda do alumnado de 6ºB. Desta volta o que se debullou foi Banda deseñada e o libro escollido "Idol!" de Alba Chan e Ene. Entre Fernando e Mariel lles presentaron este libro, que é en galego, no sentido oriental de lectura, feito  por dúas rapazas galegas e premiado como mellor Banda deseñada do ano. Unha das cousas que máis lles gustou, foi saber que ían ter a oportunidade de falar con elas dúas o vindeiro 20 de novembro!!! 😵Si, lestes ben, van vir ao colexio e van estar co alumnado de 6º do club de lectura. Eu non o penso perder, de feito, xa me lin o libro e espero que me asinen un deles para poder telo na biblioteca e poder alardear de que estiven con elas😍 So hai que lles mirar as cariñas que tiñan para se decatar de que coma min, non lles da chegado o día 20.

Bicos mollados.

Rosalía

mércores, 6 de novembro de 2024

Traballando o PDI Folk na Lomba

Parte do  alumnado do Anexo foi a Santiago e estivo no Museo do Pobo Galego onde falaron (e nunca mellor dito) da importancia da transmisión oral, da poesía no mantemento e conservación do noso patrimonio, da música en particular e da cultura en xeral.

Aquí vos deixo os enlaces ao Facebook do Museo do Pobo Galego e do vídeo que lles fixeron en Youtube.

https://www.facebook.com/share/p/1L3UtWSMBa/ 


 Foi unha visita moi interesante, xogaron a cachón e volveron ao colexio sabendo moitas cousas novas.

Bicos mollados.

Rosalía

xoves, 31 de outubro de 2024

Lecturas terroríficas no Samaín

 Olaa, bo día,

O voluntariado xa estivo a decorar a biblioteca e temos os expositores cheos de lecturas terroríficas. Ademais elexiron e prepararon ás visitas ás diferentes aulas nas que contaron historias de medo, de suspense, de que é o Samaín e das personaxes que a tradición oral conta para nos asustar e aprender que non nos debemos fiar de calquera.

Aquí os temos na preparación previa, porque ir ler non é coller un libro e lelo sin máis, hai que traballar a entoación, o suspense, a xeito de ensinar as ilustracións... e claro, son tantos grupos á vez, que buscaron diferentes recantos, tanto dentro coma fora da biblioteca.



E aquí xa nas diferentes aulas o martes e mesmo mércores, unhas veces cos petos de voluntarios e outras veces sen eles, pois algúns aínda son novatos e non lembraron levar o peto posto😄 ou xa viñeron cos disfraces do Samaín.

E traballando as figuras tradicionais do medo, aquí podedes ver unha mostra do traballado en 1º da Lomba, aprenderon unha chea de cousas dentro do noso PDI.

Medos de 1º  Premede aquí para velo.

Bicos mollados.

Rosalía

mércores, 30 de outubro de 2024

"O enterro de San Xacobo"

 Olaa,

Partindo do trabalo na biblioteca, no Anexo, polo Samaín, o alumnado de 6º C fixo unha representación de teatro que deixou a todo o mundo coa boca aberta😮 O título desta obra é "O enterro de San Xacobo"

Traballaron un montón e iso ben se nota. Aquí vos deixo uns vídeos e unhas fotiños para que o comprobedes.












Proximamente nos mellores teatros!!! Si é que da xenio ver un traballo tan bo!!

Bicos mollados.

Rosalía

xoves, 24 de outubro de 2024

Día das Bibliotecas e comezo da viaxe das Mochilas Viaxeiras

 Olaaa, hoxe estou moi contenta porque é o día das Bibliotecas. 

O 24 de outubro de 1997 celebrouse por 1º vez o Día das Bibliotecas algo que impulsou a Asociación de Amigos del Libro Infantil y Juvenil, e á que se foron sumando, xa dende hai algún tempo, o propio Ministerio de Cultura e todas as administracións autonómicas. 

O blog da Asesoría de bibliotecas escolares galegas danos esta información: 

O lema deste ano, "Por un futuro sostible", pretende destacar o papel fundamental que desempeñan todas as tipoloxías de bibliotecas (públicas, escolares, universitarias, especializadas e nacionais/rexionais) na consecución dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da Axenda 2030.
A través das súas coleccións, servizos e actividades con usuarios, as bibliotecas contribúen a construír unha sociedade cada vez mellor informada, máis igualitaria, solidaria e xusta, plenamente consciente da necesidade de levar un modo de vida sostible como compromiso coas xeracións futuras. 
 
Porque as bibliotecas escolares galegas somos unha ferramenta ao servizo da comunidade educativa ofrecemos recursos, información e apoio, somos lugares que contribúen á formación dunha cidadanía crítica, activa e comprometida. 
 
 E na lagoa, para celebralo, o voluntariado foi polas aulas da Lomba repartíndoas e explicando o seu funcionamento, despois de teren revisado que todo estivese correcto, que tiñan o listado, as instrucións, o caderno viaxeiro e os diferentes libros, xogos e Dvds.
 
Fixérono moi ben, houbo quen foi so e outros que preferiron ir acompañados, hai para todos os gustos.
O importante é que empecen a súa andaina polas casas do noso alumnado de primaria.











Mágoa que non poidamos escoitar moito o ben que explicaron o funcionamento destas mochilas, con voluntarias así da xenio estar na Lagoa😍
 
No edificio do Anexo, comezarán a súa andaina co Magosto, coma os trompos: "Polo San Martiño, trompos ao camiño" pero desta volta será "Polo San Martiño, mochilas ao camiño!"
 
Bicos mollados.
Rosalía

martes, 15 de outubro de 2024

Investigación científica na biblioteca

 Olaaa,

Hoxe o alumnado de 3ºA e 3ºB veu á biblioteca para poder observar células e un montón de cousas interesantes nun microscopio electrónico que nos trouxo Oliver.

Había ás de abella, anacos de ril, de uretras, células variadas e ata trouxo glicerina líquida para poder poñer nós cousas nos portaobxectos e cubreobxectos. ¿E a que non sabedes que miramos? He, he, he, ¡¡Un pelo da barba de Fernando!

  Foi unha experiencia chulísima e aprendimos moitas cousas, porque é ben certo que nos cristaliños non se vía nada a simple vista, pero unha vez posto no microscopio e conectado á pantalla, aquilo parecía maxia.

Eu non quixen perder a oportunidade de usalo, ¿a que se me ve moi científica? 😂

Bicos mollados.
Rosalía

luns, 14 de outubro de 2024

Empezamos a rodar

 Bo día,

A biblioteca xa está rodando, nos recreos o uso é intenso, xogos, busca de información, lectura...



E o bibliopatio xa arrancou tamén, o voluntariado leva os libros ao patio e así podemos combinar dúas cousas bonitas, ler e estar ao aire libre. ¿que máis podemos pedir?


E outra parte do voluntariado está xa coa decoración da biblioteca, que antes de que nos deamos conta temos o Samaín enriba.🎃🎃🎃

Bicos mollados.

Rosalía


venres, 11 de outubro de 2024

Arranca o noso Club de Lectura "Debullando Contos"

 Olaa, que contenta estou!

Non o ides crer, este ano temos 11 grupos de club de lectura, si, lestes ben, 11 e ademais un deles é no Anexo, por fin empezan a debullar tamén alí.

Onte na Lomba comezamos polo grupo de manga/banda deseñada de 6ºA. Neste curso o libro elixido foi "Idol" de dúas rapazas  pontevedresas Alba Chan e Ene, que gañaron a quinta edición do premio de banda deseñada O Garaxe Hermético, que publica Xerais. Unha sorte, porque ata o de agora o que lían era sempre en castelán, pero xa podemos meter o galego neste apartado do club.



No Anexo comezaron hoxe e o libro elixido é un clásico que non pode faltar, "Escarlatina, a cociñeira defunta" de Ledicia Costas, moi apetecible pois xa se vai achegando o tempo do Samaín.

Vese que lles prestou a elección do libro, que as súas caras ben o transmiten.


Bicos mollados.

Rosalía



mércores, 2 de outubro de 2024

¡¡Viva o voluntariado!!

 Olaaa,

¡¡Mi madriña, que ansias!! O voluntariado ven pisando forte este ano, seguramente porque como o curso pasado fomos seleccionados entre os dez mellores voluntarios da Galicia, este ano non queren ser menos.

O primeiro día de curso non, que entre as actividades que se organizaron, saber quen era o profesorado de cada aula e demais, non houbo tempo, pero o segundo día, xa estaban no recreo, na porta de Mariel preguntando cando ían empezar , he,he,he. Nin respirar le deixaron á pobre.

E hoxe, despois de repartir os "contratos" e de recollelos, por fin houbo a primeira xuntanza. Nesta falouse do papel que ten o voluntariado e as diferentes cousas que se poden facer, para que así todo o mundo puidera seleccionar as actividades que máis lles prestan e que así repartir as tarefas.

Uxía fixo de modelo para que así o alumnado de 5º e o novo de 6º vise como usamos os petos para ser recoñecidos como alumnado voluntario.

¿Como vos quedades, eh? ¿A que non esperabades tanto alumnado? 42 Voluntarios e voluntarias!! Pois boa falta que nos vai facer, pois este ano cambiamos de programa de xestión da biblioteca, imos deixar atrás o Meiga e pasar ao Koha, e imos ter moiiiiiiiiiiiiiitisimo traballo.

Bicos mollados.

Rosalía



xoves, 12 de setembro de 2024

¡¡Xa estamos de volta!!

¡¡ Bo día a todo o mundo!!

Empezou de novo o colexio e con el o movemento na lagoa. Non podo estar máis contenta, pasei un verán fantástico e agardo que vós tamén.

¿Por que credes que teño esta pandeireta na miña man? ¿Algunha idea de sobre cal pode ser o PDI deste ano? Pois vai ser traballar e investigar todo o ano sobre a tradición oral que vai asociada á figura das pandeireteiras. Unhas Letras Galegas estendidas a todo o curso. O nome é "Folk na Lomba" e nas axendas vai o nome para que non se vos esqueza.

Espero vervos pronto na lagoa chapuzando entre libros, xogos e robots.

Bicos mollados.

Rosalía, a ra que le poesía