xoves, 24 de febreiro de 2022

Día de Rosalía

Os do ENDL xa teñen publicado no seu blogue as actividades que co gaio do Día de Rosalía, a miña tocaia, fixemos no colexio. Quen se achegaba e recitaba de memoria uns versos de Rosalía, levaba unha mochila para decorar e usar. Nalgunhas clases fixeron flores con pensamentos, a súa flor preferida, e no recreo, por megafonía escoitamos cancións feitas cos seus poemas ou falando dela. Podedes botarlle unha ollada neste enlace

 






Bicos mollados.

sábado, 19 de febreiro de 2022

O 23 de febreiro celébrase o Día de Rosalía de Castro

 Como cada ano, dende a biblioteca queremos poñer en valor a figura de Rosalía de Castro, a nosa tocaia.

Temos unha escolma de libros cos que podedes ler e mesmo escoitar poemas dos de Rosalía e dende o equipo de dinamización e normalización da lingua galega teñen unhas propostas para ese día https://edlgalomba.blogspot.com/2022/02/pensamentos-de-rosalia.html. Se aprendedes un par de estrofas de calquera dos seus poemas, agás do de "Adios ríos, adios fontes" no recreo do 23 levaredes unha mochila para decorar ao voso gusto. Así que xa sabedes, ¡¡a aprender e recitar algún deles!!


Bicos mollados.

Rosalía

martes, 15 de febreiro de 2022

Reciclaxe con Pilabot

 

O noso centro apuntouse a Pilabot, unha campaña de recollida de pilas e baterías coa que podemos levar premios se somos dos centros que máis cantidade delas recollamos. O premio non estaría mal, pero é que premio ímolo levar de todos modos, porque cando reciclamos estamos a gañar todos. A ver se somos quen de encher os bidóns que nos mandaron, un en cada edificio.

 Aquí vos deixo un vídeo no que podedes ver moito sobre esta reciclaxe PILABOT   DIFERENCIAS

 


E para que o alumnado poida ir recollendo e traendo ao colexio as pilas, temos estas caixiñas coas que encheremos os bidóns. ¡¡Animádevos!!

¿Queredes aprender aínda máis cousas? pois aquí vos deixo varios enlaces a xogos e crebacabezas

Bicos mollados.

Rosalía

sábado, 12 de febreiro de 2022

11 febreiro 2022 Día internacional da Muller e a Nena na Ciencia

 ¡¡¡Bo día!!!

Hoxe estamos a celebrar un día moi importante, porque ás veces aínda parece que as mulleres e as nenas non poden ser científicas, que iso é algo de homes. Tristemente, antes era así, e moitos inventos e investigacións non viron a luz ou non quedaron rexistradas ao seu nome.

No noso colexio sabemos que as cousas cambiaron e por iso neste día visibilizamos este traballo. 

Temos moitos libros cos que traballar e investigar, como podedes ver nesta pequena escolma das dúas bibliotecas.


A meirande parte das nenas de infantil fixeron un experimento fabuloso. ¿Que pasa cando se lle bota bicarbonato a unha botella con auga no fondo e como tapa temos un globo? Nas aulas xa o saben; e vós, se mirades o vídeo, tamén o saberedes. Non quedou aí a cousa: experimentaron e case que se converteron en malabaristas. Se pinchas dous paus un pouco inclinados nunha bola de plastilina e consegues poñer a mesma cantidade de plastilina ao final deses paus, logras un equilibrio perfecto nun terceiro anaquiño pequeno e podes poñelo na punta do dedo, enriba da cabeza... ¡E non cae!


En 2ºB leron varios contos e despois debuxaron os inventos que máis lles gustaron. ¡¡Uns artistas, temos na clase!!


En 3ºB  investigaron, descifraron, experimentaron, escribiron... Non pararon, e non pensan parar!



No Anexo traballaron e investigaron sobre todas esas científicas medio olvidadas para darlles visibilidade.



E para rematar, como colofón, o alumnado de 6º tivo a sorte de poder asistir a unha charla (por videoconferencia) da científica Mª Dolores Vázquez Navarro (doutora enxeñeira de materiais), que traballa na rama de investigación de Boeing en España. Contactamos con ela, que ten raíces galegas, e amablemente accedeu a contarlles aos nosos alumnos/as un pouco da súa  traxectoria profesional e vital, e como chegar a traballar no que ela está a facer. 

Comezou explicando os diferentes materiais, os seus compoñentes, as súas características e o uso que se lle dá a cada un e o porqué dese uso. Compaxinou as explicacións con vídeos moi interesantes e didácticos e, o que en principio ía ser unha charla de 20 ou 30 minutos, converteuse nunha hora e dez, pois non paraban de xurdir preguntas que foi respondendo dun xeito clariño. Está claro que lles interesou o que alí escoitaron!

Non podemos deixar de darlle as gracias a Mª Dolores pola súa grande colaboración neste día.



Que non pare este afán por ser o que se queira ser, sen que ninguén poña trabas nin barreiras e sempre, sempre investigar e experimentar.



¡¡Bicos mollados!!

Rosalía

martes, 1 de febreiro de 2022

Día da Paz

 Aquí vos deixo a versión da canción "Mensaje al Mundo" de Jorge Otamendi que  traducimos ao galego e cos debuxos do alumnado, montamos nun vídeo.



Nas aulas cantamos ese día mentres a escoitabamos por megafonía como remate das actividades, que non da actitude e a mensaxe.

Bicos Mollados

Rosalía

xoves, 27 de xaneiro de 2022

Preparativos do Día escolar contra da Violencia e da Paz

 Este ano, aproveitando que a temática do PDI é o Camiño, decidimos facer un camiño da Paz e que as nosas pisadas, cheas de palabras bonitas, fixeran un Camiño virtual.

Ademáis temos nos expositores da biblioteca unha chea de libros para poder ler historias e tamén aprender moitas cousas. Agardamos vervos pronto.



Bicos Mollados

Rosalía

mércores, 26 de xaneiro de 2022

Camiñamos cara a Paz

 Nas aulas xa se está a traballar o tema da Paz, e uns alumnos e alumnas de 5º B queren compartir con todo o mundo unhas lecturas. ¡Que ben o fan!


Daniela. Solo tres letras


Miguel. El camello y el tanque.


Alba. La Paz se construye hoy.


Dámaso. Ghandi.


Gonzalo. Anécdota Ghandi.


Douaa. Qué es la felicidad.


Alessia. Los clavos.


Espero que o disfrutárades.

Bicos mollados.

Rosalía

luns, 24 de xaneiro de 2022

Aquí está a canción da Paz

 Deixo aquí a canción da Paz que cantan os alumnos do noso centro e que cando dende as aulas fagan debuxos coa letra da canción, montaremos nun vídeo. Polo de agora  só o audio e maila letra.

Apredédea ben😉



Bicos mollados.
Rosalía


mércores, 19 de xaneiro de 2022

O voluntariado de 6º

 Olaaa!

Os nosos voluntarios e voluntarias de 6º están a botar unha man na biblioteca. Grazas a eles os libros de préstamo voltan aos seus andeis, as novas incorporacións teñen os texolos protexidos e  os expositores das distintas efemérides énchense de libros. Da xenio telos pola biblioteca adiante😍

Graciñas a todos eles e elas.


Bicos mollados.

Rosalía

sábado, 15 de xaneiro de 2022

Xa estamos de volta

¡¡¡¡ Feliz Ano a todos e todas!!!!

Xa estades de volta no Colexio e estiven agardando a que viñeran á biblioteca para poder abrir os agasallos que nos deixaron as súas maxestades os Reis Magos. Que nervosa estaba, menos mal que algúns rapaces e rapazas de 3ºB viñeron visitarme e abriron os paquetes. Libros, xogos e ata unha lanterna para contar contos, enseguidiña estarán catalogados para poder usalos.



Bicos Mollados

Rosalía

xoves, 23 de decembro de 2021

Chegaron as vacacións

 Pois xa chegaron as vacacións e antes de marchar para casa dende a fiestra da biblioteca mirei e escoitei o ben que cantabades e bailabades. Iso si, menudo susto levei cando escoitei as alarmas do coche de bombeiros!!! ¡Pensei que prendera lume o colexio! Pero non, eran os paxes das súas Maxestades que viñeron recoller o correo e dar un pequeno agasallo como remate do ano.

Desfrutade das Festas, pero tede sentidiño, que se está a complicar todo e á volta querevos ver a todos.





Bicos Mollados

Rosalía


martes, 21 de decembro de 2021

Repasando o retrouso da Panxoliña

 Antes de baixar ao patio, a clase de 2º B pasou pola biblioteca para repasar o retrouso da panxoliña elexida este ano "Canto tempo" (panxoliña do Camiño) de Jesús Pareja. Para isto voltaron usar os robots e comprobaron coma podían acompasar a velocidade do recorrido ao canto.


¡Felices Vacacións!

Bicos mollados

Rosalía

luns, 20 de decembro de 2021

Repasando contidos coa robótica

 Hoxe estivo o alumnado de 2º A e 2ºB na biblioteca repasando cos robots parte do contido deste trimestre. Pasárono fenomenal e sen se decatar pasou o tempo. Velaí o que desfrutaron.


Bicos mollados.

Rosalía

venres, 17 de decembro de 2021

RECOMENDACIÓNS LECTORAS NADAL 21

 Aquí vos deixo as recomendacións para lle escribir a carta aos Reis Magos ou a Papá Noel ou simplemente para poder mercar libros, música... que calquera excusa é boa para iso.

Levar xa as levastes para casa, pero coma sempre pode haber algún despiste ou perda, mellor que as poidades consultar aquí.

¡¡¡Desfrutade das vacacións!!! 🎁🎁🎄🎄🎅



Bicos mollados.

Rosalía

xoves, 16 de decembro de 2021

Que cerquiña está o NADAL

 Xa non queda nadiña para as vacacións e coma tódolos anos van as recomendacións lectoras con vós para  casiña. Pedir xoguetes a Papá Noel ou aos Reis Magos está moi ben, pero non vos esquezades de poñer un libro ou dous nas peticións. Eu xa teño a miña carta lista🐸

Mentras, podedes usar algún dos libros que falan desta estación. Puxen no expositor algúns e cando me decatei, xa voaran!!!


Bicos mollados.

Rosalía

Continuamos Debullando Contos

 Nesta ocasión, foron os de 4º A os que se reuniron con Fernando para falar dos manga de Naruto que leran. Alí estaban as figuras en "Plástico" para poder velas en "carne e óso" (eu achegueime para velas mellor👀). Ata os debuxos en versión orixinal estiveron presentes, porque cando se dobla unha serie, tanto sexa de persoas, coma de debuxos, perdemos a entoación primeira, e se é como no caso do xaponés, que seguro que ninguén entende nada, continuamos lendo os subtítulos. ¡¡O caso é ler!!


Outro día tanto os de 4ºA coma os de 4ºB viñeron buscar o libro que neste Nadal desfrutarán na casa, para comentar á volta. Foi Mariel a encargada de darllos e facer unha pequena introdución sobre as Formig4s. Ós de 5º xa o leron e quedaron encantados. agardamos que eles e elas tamén.

4ºB

4º A

Os de 5º ían levar os mangas, pero desafortunadamente, varios dos compañeiros e compañeiros están recluídos na casiña, por culpa do Covid, así que esperamos para ver se para a semana, antes de marchar, xa se incorporan ás aulas e así pode levar todo o mundo o seu libro. Esperemos que si💪💪

Bicos mollados.

Rosalía

venres, 3 de decembro de 2021

Visita de Peúgo á Lomba

 Olaaaa:

¡¡Que contenta estou!! Hoxe, aproveitando que é 3 de decembro, Día das persoas con discapaciade, aínda que a mín gústame máis dicir que son persoas con capacidades diferentes, e aínda lembrando moi que o 25N foi apenas unha semana, tivemos a sorte de que nos acompañara no edificio da Lomba Peúgo, o calcetín melenudo, que veu xunto coa súa escritora/inventora, Jessica Rodríguez. Os rapaces e rapazas de 2º foron os afortunados que puideron desfrutar da súa presenza, ademais de escoitar pola boca de Jessica o conto, e fixeron unha chea de actividades.

O primeiro de todo foi aprender que quería dicir "Peúgo" e que agora xa sabemos que é outro xeito de lles chamar aos calcetíns, así que o do título do libro xa estaba aclarado. Despois quitamos os zapatos para que así todo mundo mirara os calcetíns que levaban. Case todo o mundo levaba un par igual, e digo case todo o mundo, porque Jessica non. Ela lucía dous fermosos calcetíns desparellados, E así comezou o conto.

Repartiu tarxetas con palabras que ían saír no conto e os que tiñan as tarxetas tiñan que facer un movemento silencioso cando soaba a súa palabra. Algún xa me fixei eu que se puxo un chisquiño nervoso por se non escoitaba a palabra en cuestión...😂

Ao rematar, falaron por parellas do que lles parecera o conto durante 1 minuto para despois dicilo en alto. Tamén fixeron unha roda e cando Jessica lles lanzaba unha pelota,  dicían unha palabra das do conto. Con pezas de construcción, por grupos fixeron o seu deseño de calcetín e por grupos tamén buscaron no conto as ilustracións e debuxos que acompañan a historia e que foron debuxadas por Victoria Rem.

Xa na mesa, cada un tiña un trozo de papel, o seu estoxo con pinturas e un calcetín chulísimo para mirar durante 1 minuto e despois, de memoria, co calcetín debaixo do cu para non facer trampas, debuxaron o que lembraban. ¡¡Qué artistas e que memoria de elefante!!!🐘🐘 Quedaron uns deseños preciosos, xa que despois comprobaron se a súa memoria era tan boa coma pensaban.

Que mañá tan chula, foi un pracer ter a Jessica con nós, e esperemos que venda moitos libros, para que a xente coñeza a Peúgo e a súa historia e así, aprendan, igual que o fixo o alumnado de 2º que non debemos deixar que ninguén nos faga dano, que debemos estar con quen nos queira, sexa igual a nós ou non, e que con imaxinación, todos podemos ter outra oportunidade, que non pasa nada se temos un roto ou un descosido, o importante é querernos e ser quen de facer moitas cousas aínda que non sexan as que todo o mundo pensaría, pois cadaquen ten unhas capacidades diferentes.

Aquí vos deixo unha foto que nos fixemos Peúgo e máis eu, e un vídeo onde poderedes ver o ben que o pasamos.




Bicos mollados.

Rosalía


luns, 29 de novembro de 2021

E hoxe máis Clube de Lectura de 6º

 O alumnado de 6º que está a ler El herrero de la luna llena reuniuse hoxe para falar sobre o libro coa profe Charo. Están a aprender moitas cousas interesantes sobre o Camiño e as supersticións que había naquela época.





Bicos mollados.

Rosalía


venres, 26 de novembro de 2021

DR.SLUMP con 4ºB

 O clube de lectura continúa e foron os de 4ºB os que hoxe despois de ler o primeiro tomo de Dr. Slump e comentar con Fernando o que máis e menos lles gustara, pediron que na biblioteca continuase a colección para non quedar coa intriga do que pasa. 

Algúns tiveron a sorte de poder facerse unha fotografía coa gorra de Arale e coa boneca que xa é máis vella ca eles, pois leva uns 20 anos na casa de Fernando, pero todos e todas as puideron manipular. 

Como non, miraron trozos dos debuxos na televisión e a relación con Son Goku. ¡¡¡A de cousas que aprendín hoxe escoitándoos!!!


Bicos mollados.

Rosalía

xoves, 25 de novembro de 2021

25N NA BIBLIOTECA

 Nesta xornada de visibilización e de traballo na escola por parte do equipo de Igualdade, a biblioteca por suposto que ten moito que dicir. As lecturas que vos propuxemos foron de viaxe polas aulas e axudaron a entender un pouquichiño mellor que quere dicir isto de Violencia de Xénero.



O colexio luciu así de ben e coas nosas pulseiras (eu tamén teño) levamos fora do centro a nosa mensaxe. Na páxina web do centro están  os enlaces dos vídeos e máis do anuncio co que pretendemos facer chegar as familias e a contorna o que pensamos.

https://youtu.be/tPIVHm-qaiI

https://youtu.be/KGm-UgI3v3U

https://youtu.be/hueZng9RqLY

Bicos mollados.

Rosalía