domingo, 19 de maio de 2024

PDI 6ºA e 6ºB

 

Pois xa chegando case ao final de curso é momento de recompilar e expoñer todo o traballo feito polos nenos e nenas de 6ºA e 6ºB, en relación ao fermoso e enriquecedor PDI do colexio, que este ano foi “SON RÍA”.

Durante este curso os rapaces e rapazas de 6ºA e B mergulláronse (nunca mellor dito) buscando información, realizando investigacións e traballos sobre a nosa Ría de Arousa, pero sen deixar de lado as demais rías galegas. A continuación imos expoñer o que os nenos e nenas traballaron durante este curso:

No 1º trimestre:

  1. Fixeron unha limpeza da Praia Compostela. Participaron todas a clases e foi unha actividade ao aire libre moi fermosa.






  2. Elaboraron un mural con fotografías da xornada de limpeza da Praia.

  3. Elaboraron un mural (imaxinario) de como estaría o mar contaminado.

No 2º trimestre:

  1. No Entroido aproveitaron para disfrazarse de “Pescadores” e durante o desfile de Entroido puideron bailar a canción “El pescador”, do grupo “Los jinetes del trópico”, con ritmo de cumbia.





  2. Elaboraron un mural sobre “Consumo responsable”, onde se traballou como consumir de forma responsable así como saber tratar os residuos para non contaminar.






No 3º trimestre:

  1. Murais sobre as rías galegas, onde ademais de traballar sobre a Ría de Arousa, investigaron sobre todas as rías de Galicia.





  2. Traballo con ordenador (con Impress), presentación de diapositivas, sobre a Illa de Cortegada (ubicación, flora, fauna, visitas guiadas…)

Pois este foi todo o traballo realizado por estes grandes investigadores de 6ºA e 6ºB. Esperamos que vos gustase e que aprenderades moitas cousas, así como aprenderon os rapaces e rapazas maiores do colexio.

Bicos mollados.

Rosalía


xoves, 16 de maio de 2024

Poemas polas Letras Galegas

Olaa,

Este ano está adicado a Mª Luisa Villalta e na biblioteca temos biografías e libros dela para aprender un chisco sobre a súa vida. 



 

O centro participou xunto con outros colexios nu acto realizado no Auditorio Municipal.O alumnado de 5ºC asistiu á celebración e estiveron no escenario ensinando a todo o mundo o ben que o fan. Mirade os vídeos e dicide se minto😊


Bicos mollados.

Rosalía


PDI de 1ºA e 1ºB

 


Durante o primeiro trimestre os nenos e nenas de 1ºA e 1ºB fixeron un mural das Ilas Atlánticas da nosa ría. Para elo primeiro buscaron imaxes en internet e visualizaron vídeos das principais illas da Ría de Arousa: Cortegada, Arousa, Sálvora e a Rúa. Despois elaboraron un mural onde se indicaron os nomes das illas e a súa ubicación na ría de Arousa.

 





No segundo trimestre, profundizamos na información de cada unha das illas e os nenos e nenas tiveron que demostrar os seus coñecementos sobre as mesmas a través dunha busca do tesouro plantexada en Genially. Esta tarefa fixérona organizados en equipos na aula de informática.

 




Os pequenos e pequenas de 1ºA e 1ºB fixeron unha pequena investigación sobre a fauna e a flora das illas que logo presentaron oralmente ao resto de compañeiros e compañeiras do nivel. Algúns dos animais e plantas investigados foron: gaivotas, cormoráns, arroaces, xestas, píntegas ou os loureiros.


E que o "Son Ría" deu para moito.

Bicos mollados.

Rosalía
 

 

 

martes, 14 de maio de 2024

Buceando no fondo da ría de Vigo

 Olaaa,

O alumnado de 6ºC estivo a ler o libro "20.000 leguas de viaxe submarino" de Xulio Verne. Neste libro faise mención a que o seu submarino estivo na ría de Vigo, pois tentaba achar algún dos tesouros que se supón que están afundidos en barcos no fondo do mar. Precisaba dos cartos para financiar as súas viaxes. 

En lembranza desta viaxe imaxinaria, no porto de Vigo e na praia de Cesantes e illa de San Simón, hai unhas estatuas do capitán Nemo e do polvo xigante. Investigaron para saber un pouco máis sobre estes datos e acabaron cunha investigación chulísisma que puxeron no corredor para que o resto do alumnado puidera aprender tamén.

¿A que é interesante?





Bicos mollados.

Rosalía


xoves, 9 de maio de 2024

2ª sesión Lego no Anexo e 5ºB

 E co día de hoxe rematou a formación da biblioteca creativa. 

O alumnado de 4º e 5º do anexo e o de 5ºB da Lomba foron os que desta volta rescataron os animais en perigo construíndo o helicóptero para subilos do barranco ao que caeran. Son xa uns fenómenos e unha vez sementadas as ganas, non vai haber quen lles pare a súa imaxinación.

Bicos mollados.

Rosalía

mércores, 8 de maio de 2024

GRACIAS MONTSE!!!

 Olaa,

Esta entrada no blog quere ser un recoñecemento para Montse Rodríguez, unha marabillosa persoa, unha profe de pintura que estivo dende a ANPA dando clase a rapazada, que ademais tivo aos seus fillos de alumnos no colexio e que sempre que dende o centro se lle pediu algo de colaboración, estivo aí, ao pe do canón. ¡Unha artista!

Xa no edificio vello, as paredes do baixo estaban cos murais de debuxos animados que facían que cando chegabas ao colexio, a vista se aledara.

Cando fixeron o edificio novo, os recantos do primeiro e segundo piso estaban tan tristeiros que outra vez, cos pinceis na man, axudou a transmitir ledicia. ¡Moitos días pasou subida a un andamio para poder facer semellantes debuxos de bonitos e de grandes, á par que incómodos de debuxar! A inspiración para o debuxo da portada do blog foi pensando na xente do campo e do traballiño que pasaban, como a súa avoa Manuela que toda a vida a pasou alí. ¿Como non vou estar eu agradecida co guapa que me debuxou, que cada vez que entrades no blog, vedes o seu traballo? E cando entrades na biblioteca aí estou eu, na porta cun libro na man, coma ten que ser!!! Sen esquecernos, como xa mencionaramos cando foi a exposición de selos de correos, que ter un autentico selo de circulación para poder mandar cartas na que saio eu, iso non hai quen o pague.

E claro, ¿que a entrada principal quedou moi sosa? Aí de novo apareceu Montse para arranxalo, dun lado a cortiza na que expoñemos murais de diferentes celebracións e doutro o seu fermoso debuxo.


 ¿Que se gradúa a cativada? pois outro debuxo para facelo máis bonito.

E haberá quen pense... "Na casa do ferreiro, coitelo de pau". Se cadra o pensan, pero están moi equivocados. Cando estaba embarazada de Miguel decorou o que ía ser a súa habitación que da xenio miralo😍

¿E por que conto todo isto? Porque haberá moita xente que ve os debuxos, pero non sabe o traballiño que levou facelos, as horas que botou aquí e que ademais dos debuxos, sempre ten un sorriso na cara. É de bo nacido, ser agradecido e non queriamos que pasara nin un día máis sen dicir ben alto:

¡GRAZAS MONTSE!

 Aquí queda un pequeno vídeo onde podedes ver os debuxos do colexio vello, moitos bocetos  que fixo cando estaba pensando que debuxar, algúns foron arriba e outros non, pero vese ben a artista que é. Ela forma parte inseparable desta a nosa Lagoa como biblioteca creativa que é.

 


E se quedades con ganas de ver máis obras das que fai Montse, aquí vos queda o enlace ao seu instagram.


 

 chuchamel.arte

 

 

 

 

 

Bicos mollados.

Rosalía

martes, 7 de maio de 2024

Manga de novo

 A quenda de hoxe foi para o alumnado de 6ºB. 

Nesta reunión do club de lectura, como san tan fanáticos do manga, foi bastante complicado atopar lecturas que non tiveran lido, de feito, houbo dous rapaces que como xa leran todas as opcións dispoñibles, en vez de "Dragon Ball" levaron "Ratón de biblioteca"

E como estiveron tanto tempo decidindo, cando se decataron, xa soara o timbre e marcharon sen facer a foto.

Farémola na vindeira xuntanza  😉

Bicos mollados.

Rosalía

luns, 6 de maio de 2024

Canto gusta ler cando as historias nos enganchan

 Olaaa,

O alumnado de 6ºA e 6ºB escribiulle unha carta aos Reis Magos para que lle trouxeran un libro para facer lectura conxunta e unha vez rematada, cambiar cos da clase do lado. Deste xeito, cun libro nada máis podían facer dúas lecturas.

Aquí temos as fotos cos libros e polas súas caras de satisfacción podedes imaxinar que a lectura foi un pracer.




Por se queredes sabelo, os títulos son "Sherlock Holmes – A banda de lunares" escrito por Sir Arthur Conan Doyle e "Diarios Zombi 1 – Vacapocalipse!" escrito por Guy Edmonds e Matt Zeremes. E mirade se lles gustaron que xa houbo quen mercou o segundo título de Diarios Zombi sen me dar tempo a mercalo eu na biblioteca😊

Bicos mollados.

Rosalía

xoves, 2 de maio de 2024

Segunda sesión de LEGO para 4ºA e B e 5ºA

 Que rápido pasou o tempo!  Xa fixeron a segunda e última xornada de formación con LEGO da man de NENOOS, e o xoves que ven tocaralles a 4ºc e 5ºC no anexo e 5ºB na Lomba.

Seguro que continuarán facendo cousiñas na biblioteca, que para iso está aberta toda a mañá e dúas horas polas tardes.

As súas caras dino todo ... concentración, entusiasmo... Aprendizaxe con ilusión!!!


Todos os equipos conseguiron rescatar ao seu oso panda co helicóptero de rescate fabricado por eles mesmos. Magnífico traballo en equipo!!! 👏👏👏👏👏E que nesta sesión fixeron un rescate, helicópteros... que ben o pasaron, non hai máis que lles mirar ás caras. Déixovos fotiños e video.






 

Bicos mollados.

Rosalía