venres, 1 de marzo de 2024

O voluntariado da biblioteca anda ocupado

 Bo día!!!

O voluntariado está a traballar a reo, porque o vindeiro martes, día 5 de marzo, coincidindo co último día de xornada de portas abertas do noso colexio, imos ter de novo unha visita moi, moi especial. O alumnado da Escola Infantil municipal vai vir coñecer a nosa biblioteca e queremos agasallalos con lecturas de contos e mesmo unha pequena representación dun deles.

Para ensaiar están a empregar os recreos e mesmo o plan lector, saben que vai ser o público máis importante co que teñan a oportunidade de "actuar". Seguro que lles gustará moito.



Bicos mollados.

Rosalía


venres, 23 de febreiro de 2024

Rosalía, Sempre viva.

 Olaaa,

Xa sabedes que hoxe, 23 de febreiro celebramos o aniversario do nacemento de Rosalía de Castro. Como tódolos anos, non poden faltar nestas datas os expositores coas obras da nosa poetisa máis famosa. E xa sabedes que eu son Rosalía, a Ra que le poesía, así que podo dicir que nos parecemos en algo máis ca no nome😂



Dende o ENDL propuxeron que varios cursos escribisen versos dela e os ilustraran, e no panel da entrada da Lomba, unha grande Rosalía, co cabelo cheo de animais mariños acabou rodeada das súas obras e coa frase que dixo antes de morrer: "Abride a fiestra, que quero ver o mar" . Xustamente falaba, antes de voltar a Padrón onde finalmente finou,  do mar que vía dende a casa na que pasou un tempo en Carril, co mar da nosa ría, esa que estamos a traballar dende tantos enfoques diferentes. 

Nas aulas fixemos lecturas de poemas, geniallys  e grazas ao profe Víctor, que nos contou a iniciativa de dous rapaces de Vilagarcía que empregaron a intelixencia artificial para facer cantar a diferentes cantantes, escoitamos versos de Rosalía e vimos como se facía "máis" atraínte ás novas xeracións. Ben se lles pode dar un Like a estes rapaces😉

 Reportaxe de La Voz de Galicia



Bicos mollados.

Rosalía


martes, 20 de febreiro de 2024

Club de lectura

 ¡Olaaaa!

Estes días estivo a biblioteca moi animada.

 O 16 de febreiro os de 6ºA reuníronse coa profe Mariel que lles presentou un manga diferente, "Ratón de biblioteca", non é de superheroes, é mais da liña de Mariel. Unha rapaza á que lle encanta ler e que morre nun accidente e esperta reencarnada nunha nena pequena, que está enferma e que vive nun mundo no que, HORROR!! case non hai libros e ademais están escritos nun idioma descoñecido!!! ¿Podedes imaxinar algo máis triste?😢 Así de principio non era o que agardaban desa reunión do club, pero decidiron darlle unha oportunidade. Pronto veremos se foi unha boa elección.


O 19 foron os de 5º os que se reuniron co profe Fer e viron e escoitaron un rap no que se fala precisamente das personaxes do libro de Dragonball que levaran para ler. Era bastante longo e non escoitaron todo, pero serviu para ver a visión das personaxes que ten outra xente. Ademais desfrutaron das figuriñas que lles levou Fernando sobre a serie, e que case son coma fillos para el, pois levan na súa casa unha morea de anos.


E hoxe os de 6º reuníronse con Mariel e falaron sobre o Misterio de Portomarín. De seis integrantes do club, a catro gustoulles a historia e a dúas non. Isto é o que ten a lectura, non a todo o mundo lle gusta o mesmo, pero os clubs non só é dicir de que vai un libro, senón que sensacións nos produce a lectura, que partes nos agradan, que partes non... e como este grupo é super lector, non quixeron marchar sen levar xa outro libro debaixo do brazo. Neste caso "Estudios Tex" se vos dades conta, xa houbo quen nin mirou á cámara, que xa estaba enganchado nas silvas!!😂


Bicos mollados.

Rosalía


xoves, 15 de febreiro de 2024

11F Día Internacional da muller e a nena na ciencia 2024

 Olaa,

Este ano a conmemoración caeu de cheo no Entroido, así que á volta foi cando puidemos traballar un pouco esta data.

Como na biblioteca estabamos metidos en poucas cousas, este ano tamén comezamos cos Polos Creativos. Dentro das primeiras actuacións metemos os Kits Singulares con propostas sobre a ciencia e as mulleres e xa tivemos facendo papiroflexia e descubrindo facianas de científicas nestes traballos.


  Tamén temos vídeos para aprender moitas curiosidades, Botádelle un ollo, xa veredes como vos gustan.

Vídeos para aprender

Bicos mollados.

Rosalía


martes, 30 de xaneiro de 2024

Vive en harmonía coma os peixes na Ría, PAZ

 Este foi o lema elexído para conmemorar o "Día escolar da Non violencia e a Paz" no noso centro como ben comentabamos onte.

No patio cantamos e bailamos e canción de "Capaz coa Paz" Escoitamos unhas frases de diferentes personaxes famosos sobre a Paz no caso do Anexo e na Lomba unha reflexión que escribiron dende a clase de 6º, despois de traballar e razoar sobre este tema, baixando á nosa realidade, ás cousas que nós podemos e debemos facer (ou non) para que a convivencia sexa agradable no colexio.



Por suposto, como non podía ser doutro xeito, a lectura formou parte deste día. Os de 6º no Anexo e os Voluntarios da biblioteca na Lomba, foron polas aulas facendo lecturas de dous contos moi bonitos como son "Nadarín" e "O peixe Arco da Vella" nos que xuntamos o noso PDI e a Paz.






Nas diferentes aulas tamén adornaron e fixeron máis actividades, para que non sexa só un día, e cuns murais moi chulos adornamos os corredores do centro e cada vez que os vemos, lembramos á mensaxe que nos transmiten. E dende 2ºB tivemos unha colaboración especial, debuxo incluído, coa reflexión persoal do bo trato, que fixo Ainhoa.




Bicos mollados.

Rosalía


luns, 29 de xaneiro de 2024

Preparados para a PAZ

 Olaaa,

temos todo xa preparado para mañá, día no que se celebra o Día escolar da non violencia e a Paz.  Nos dous edificios fixemos unha montaxe cos lemas: "Vive en harmonía como os peixes na ría" "Non caias na rede, sé solidario" Nas aulas traballaron en equipos falando sobre que é a Paz e que podemos facer no colexio para conseguir unha mellor convivencia. 


Dentro dos peixes puxeron as mensaxes e os pensamentos que axudan a que todo funcione mellor, boas propostas.












 E claro, as actitudes que non son boas, as malas accións caeron dentro da rede e así podemos comprobar o negativo das malas cousas.




En fin, que mañá cantaremos a canción deste ano ao rematar o recreo, lerase un manifesto e tentaremos que tódolos días sexan días da Paz. Os voluntarios lerán un par de contos polas aulas para rematar esta xornada tan especial. Deixo aquí o enlace para que a practiquedes un pouco. Chámase "Capaz coa PAZ" e podemos atopala en Kókiti Música.

Capaz coa PAZ

Por se lle queredes botar un ollo, este é o expositor cunha selección de libros apropiados.

Bicos mollados.

Rosalía





venres, 26 de xaneiro de 2024

O Principiño

Olaaa,

 Hoxe debullamos ao Principiño. Este pequeno, pero selecto grupo do club de lectura estivo a ler esta preciosidade de libro e no recreo falamos sobre el. Pronto teremos unha nova xuntanza para a seguinte lectura.

Bicos mollados.

Rosalía


luns, 15 de xaneiro de 2024

Xogando na biblioteca

 Os xogos da biblioteca dan para moito. 

Hoxe o alumnado de 6ºB estivo na lagoa usando os xogos para mellorar a concentración e os reflexos, ademais de para pasar un bo rato. 

Tan concentrados estaban que cando se decataron de que estaba alí sacando as fotos levaron un susto.


 



Bicos mollados.

Rosalía


sábado, 13 de xaneiro de 2024

Volve o programa Pilabot

 Ola a to o mundo,

En breve comezaremos de novo a xuntar as pilas para reciclar dentro do programa de Pilabot e así evitar que estes residuos tan contaminantes vaian ao medioambiente e o danen.

Tedes información sobre esta campaña na que varios cursos do centro participarán activamente. Comezo Pilabot

Cando teñamos máis información da data concreta da campaña no noso centro, contarémosvolo.

Bicos mollados.

Rosalía


venres, 12 de xaneiro de 2024

Debullamos o Dragon ball

 Olaa,

Hoxe os de 5º tiveron reunión co profe Fernando para entregarlles o libro de Dragonball Ultimate edition e comezar a lectura das aventuras de Son Goku. 

Estaban agardando a oportunidade de comezar a súa andaina este curso e marcharon felices co libro para casa. Tan contentos e contentas que ninguén lembrou sacar unha foto para ter unha lembranza do momento. Xa se fará na vindeira reunión.😉

Bicos mollados.

Rosalía

luns, 8 de xaneiro de 2024

Chegaron os Reis Magos

 Olaaaaa!!!

Xa estades de volta e por fín puiden saber que trouxeran os Reis Magos de agasallo. grazas ao voluntariado e a varias usuarias da biblioteca descubrín o misterio. E diredes vos, ¿que pediría Rosalía? Pois si😂😂😂libros e algún xogo para a biblioteca. Este ano porteime fenomenal, que a pila de libros foi ENORME. Aquí o podedes ver.




Esperemos que Mariel pronto poida ter catalogadas estas novidades para que poidades desfrutar delas.

Bicos mollados.

Rosalía