venres, 19 de decembro de 2025

Recomendacións lectoras e e Bo Nadal

 Xa chegaron as vacacións de Nadal e con elas as nosas recomendacións para que lle poidades escribir unha carta a Papá Noel ou aos Reis Magos.


Recomendacións lectoras Nadal 25
 

E se queredes seguir cantando a nosa panxoliña, nada como abrir estas ligazóns coas diferentes propostas, inclusivas todas elas, pois non queremos que ninguén quede sen poder disfrutar destas festas.

Lomba cantando, Anexo LSE 

Anexo LSE, pictogramas 

Lomba cantando, pictogramas 

Bicos mollados e ¡¡¡Bo Nadal!!! 🎄🎄🎄

Rosalía 

Visita ao Centro de día

 Olaa,

A nosa visita de onte ao Centro de día do voluntariado da biblioteca, foi cun chisco de atraso, pois cando estabamos na porta das aulas para nos reunir, soou a alarma do simulacro de incendios, e claro, a seguridade é o primeiro.

Os de 6º ían preguntando se estarían parte dos usuarios que coñeceran o ano pasado e os de 5º un pouco nerviosos, pois nunca estiveran dentro. Unha vez alí comezamos cantando as dúas panxoliñas que preparamos e tivemos un público moi agradecido que nos aplaudiu un montón. Despois cantaron eles e nós os acompañamos.



Contáronnos as rutinas que teñen, quen se encarga de cada cousa, hai quen coida aos paxaros, quen pon a mesa, quen coida  as plantas... 

Tamén fixeron unha chea de adornos de Nadal, un nacemento, uns Reis de goma Eva e ata unha cheminea.



Diante dela quitamos outra foto e cantamos de novo a panxoliña "Imos logo todos xuntos"


 

Nós levamos unhas postais de felicitación que fixo o voluntariado, e non é por presumir, pero eran moi bonitas, e mesmo moi orixinais, con volume ao abrilas e todo. Mágoa que non fixemos fotos diso. Do que si temos fotos,  son dos agasallos que nos entregaron para agradecer a nosa visita. Uns bonecos de neve preciosos aos que pronto lles buscaron varias utilidades máis que as previstas. ¿A que están moi graciosos e graciosas?




Foi unha mañá moi agradable, e a compañía insuperable. O voluntariado de 6º marchou con peniña, porque para o ano non van poder regresar, que xa estarán no instituto, e ao de 5º xa lle está tardando repetir o curso que ven.

 

Xa no colexio fixemos outra foto coa nosa decoración de fondo, mostrando os nosos agasallos e a nosa ledicia. ¡Pagou a pena o tempo de recreos invertidos en preparar a visita! ¡¡¡Viva o voluntariado de biblioteca!!! 

  

E seguro que non vos imaxinades que máis pasou... Pois foi a prensa e somos famosos, aquí deixamos o enlace para que o poidades comprobar:

Faro de Vigo, edición Arousa 

Bicos mollados e Bo Nadal, que o vindeiro Ano chegue cheo de bos desexos e máis accións voluntarias bonitas coma estas.

Rosalía 

 

martes, 16 de decembro de 2025

Vaise achegando o Nadal

 Boas tardes,

Hoxe alumnado de 3º do edificio da Lomba tomou as rúas e como aprenderan a panxoliña deste ano do colexio onde se pide o aguinaldo, tentaron a sorte a ver se lles caía algo. Arrimáronlle a canción de "El burrito sabanero" e botaron a andar. 







¡¡¡E vaia se caeu!!! Tamén hai que dicir que estiveron a ensaiar moito, con cunchas, pandeiros, pandeiretas e varias cousas de percusión  para que saíse moi ben. Xa vedes que conseguiron lambetadas, lápises, cenorias, verdura e mesmo cartos. Uns artistas.

E por se queredes ir ensaiando a panxoliña deste ano, aquí vos queda coa versión pictografiada que preparou a nosa orientadora Mónica.


Bicos mollados.

Rosalía 

 

 

xoves, 11 de decembro de 2025

Clubs lectura

 Olaa,

Aquí seguimos, lendo, como ten que ser.

Nestas ocasións os reunidos foron de varias aulas, por un lado do club de Manga co libro "Super Mario Aventuras" o primeiro desta serie. Xa case sabían eles máis sobre o protagonista ca min. O que destacaron como importante é que non se rende, persevera no que fai, unha cualidade  moi importante.

Outra lectura que nunca falta neste club é "Escarlatina, a cociñeira defunta". Nesta ocasión os afortunados e afortunadas foron os de 6º, que vendo que había receitas no seu interior, xa optaron por facer algunha delas na vindeira sesión. Xa veredes que lambetadas máis ricas prepararemos.
 

Unha nova incorporación ás lecturas deste club é "Siete reporteros e un periódico" e as caras das integrantes do club xa o din todo, están encantadas coa elección, e non volo ides crer, ¡¡dúas delas estaban de aniversario xusto ese día!! Xa é ter puntería😍🍰🍰

As de Anna Kadabra tiveron outra reunión, pero a cabeciña non da sempre para nos lembrar de facer as fotos, porque claro, aquí o importante é a lectura e a merenda, o das fotos...

Bicos mollados.

Rosalía
 

 

mércores, 10 de decembro de 2025

O voluntariado multiplícase

 Olaa,

Ademais dos ensaios para ir ao centro de día o vindeiro xoves,  parte do noso voluntariado está a decorar a biblioteca e a buscar libros para o noso expositor. Non paran, que sinxelo é todo cando hai colaboración.




Dentro de moi pouquiño, tamén as recomendacións lectoras de Nadal.

Bicos mollados.

Rosalía
 

martes, 9 de decembro de 2025

Canta enerxía hai nos cítricos

 Olaa,

Desta volta, parte do alumnado de infantil do edificio da Lomba estivo experimentando e aprendendo que ademais de ter moita vitamina C, os cítricos teñen moita enerxía e son capaces de prender lámpadas e todo. ¿Como vos quedades?

 





Non hai nada máis chulo que aprender experimentando e comprobando o que nos din, así aprendemos máis e durante máis tempo. E como auténticos profesionais, ata un polímetro empregaron na comprobación.


Bicos mollados.

Rosalía
 

luns, 1 de decembro de 2025

Voluntariado ensaiando

 Olaaaa!

O voluntariado que se apuntou para ir ao centro de día a lles cantar unhas panxoliñas, está xa nos recreos quecendo gorxas e aprendendo as letras. Tamén vai preparar unhas postais de felicitación polas festas.

As panxoliñas son tradicionais, para ver se os usuarios e usuarias do centro se lembran delas e nos acompañan na nosa actuación. 

Bicos mollados.

Rosalía 

 

venres, 28 de novembro de 2025

Explicando o 25N

Ola,

Dende o equipo de igualdade organizaron distintas actividades para conmemorar o 25N.

Nas aulas enchemos bolboretas moradas con mensaxes de "Bo trato" e as puxemos no taboleiro da entrada, colgando polos corredores e na verxa da entrada, para que se puideran ler e reflexionar sobre as mensaxes.




 

Parte do alumnado de 5º preparou unas pequenas charlas para lle explicar ao resto do alumnado o porque do 25N, o porque da cor morada, porque as bolboretas, os obxectivos a traballar...

Foron polas distintas aulas de primaria e non so o explicaron ben, atenderon ás preguntas e mesmo fixeron unha presentación dixital para que se entendera mellor o que contaban. Ao rematar, mesmo lles preguntaron por ver se prestaran atención, porque é un tema non que non nos debemos despistar nin un segundo.







 Presentación 25N aula 5ºB

 Nas aulas de infantil, leron un conto sobre a igualdade: "Artur e Clementina"

 

E coma sempre, os expositores da biblioteca están cheos de posibilidades de lectura sobre este tema e os das distintas conmemoracións.

 


Bicos mollados.

Rosalía