Amosando publicacións coa etiqueta Vol-A 25-26. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Vol-A 25-26. Amosar todas as publicacións

venres, 19 de decembro de 2025

Visita ao Centro de día

 Olaa,

A nosa visita de onte ao Centro de día do voluntariado da biblioteca, foi cun chisco de atraso, pois cando estabamos na porta das aulas para nos reunir, soou a alarma do simulacro de incendios, e claro, a seguridade é o primeiro.

Os de 6º ían preguntando se estarían parte dos usuarios que coñeceran o ano pasado e os de 5º un pouco nerviosos, pois nunca estiveran dentro. Unha vez alí comezamos cantando as dúas panxoliñas que preparamos e tivemos un público moi agradecido que nos aplaudiu un montón. Despois cantaron eles e nós os acompañamos.



Contáronnos as rutinas que teñen, quen se encarga de cada cousa, hai quen coida aos paxaros, quen pon a mesa, quen coida  as plantas... 

Tamén fixeron unha chea de adornos de Nadal, un nacemento, uns Reis de goma Eva e ata unha cheminea.



Diante dela quitamos outra foto e cantamos de novo a panxoliña "Imos logo todos xuntos"


 

Nós levamos unhas postais de felicitación que fixo o voluntariado, e non é por presumir, pero eran moi bonitas, e mesmo moi orixinais, con volume ao abrilas e todo. Mágoa que non fixemos fotos diso. Do que si temos fotos,  son dos agasallos que nos entregaron para agradecer a nosa visita. Uns bonecos de neve preciosos aos que pronto lles buscaron varias utilidades máis que as previstas. ¿A que están moi graciosos e graciosas?




Foi unha mañá moi agradable, e a compañía insuperable. O voluntariado de 6º marchou con peniña, porque para o ano non van poder regresar, que xa estarán no instituto, e ao de 5º xa lle está tardando repetir o curso que ven.

 

Xa no colexio fixemos outra foto coa nosa decoración de fondo, mostrando os nosos agasallos e a nosa ledicia. ¡Pagou a pena o tempo de recreos invertidos en preparar a visita! ¡¡¡Viva o voluntariado de biblioteca!!! 

  

E seguro que non vos imaxinades que máis pasou... Pois foi a prensa e somos famosos, aquí deixamos o enlace para que o poidades comprobar:

Faro de Vigo, edición Arousa 

Bicos mollados e Bo Nadal, que o vindeiro Ano chegue cheo de bos desexos e máis accións voluntarias bonitas coma estas.

Rosalía 

 

mércores, 10 de decembro de 2025

O voluntariado multiplícase

 Olaa,

Ademais dos ensaios para ir ao centro de día o vindeiro xoves,  parte do noso voluntariado está a decorar a biblioteca e a buscar libros para o noso expositor. Non paran, que sinxelo é todo cando hai colaboración.




Dentro de moi pouquiño, tamén as recomendacións lectoras de Nadal.

Bicos mollados.

Rosalía
 

luns, 1 de decembro de 2025

Voluntariado ensaiando

 Olaaaa!

O voluntariado que se apuntou para ir ao centro de día a lles cantar unhas panxoliñas, está xa nos recreos quecendo gorxas e aprendendo as letras. Tamén vai preparar unhas postais de felicitación polas festas.

As panxoliñas son tradicionais, para ver se os usuarios e usuarias do centro se lembran delas e nos acompañan na nosa actuación. 

Bicos mollados.

Rosalía 

 

luns, 27 de outubro de 2025

Bibliopatio

 Olaa,

O noso voluntariado, fiel coma sempre (que non chova), baixou ao patio para que quen queira aproveitar as raiolas de sol e un libro, poida facelo. Aí os temos co carriño e os seus petos tomando nota de quen leva o libro, para que non se traspapele ningún..

 


Bicos mollados.

Rosalía 

xoves, 25 de setembro de 2025

¡¡Voluntariado Activado!!

 Boas,

Xa temos ao noso voluntariado disposto a botar unha man ou as dúas na biblioteca. Tivemos onte a nosa primeira reunión no recreo para decidir en que cousas preferían colaborar, porque non todo o mundo gusta de facer o mesmo, hai quen axuda a arrombar os libros, hai quen quere ler os contos á cativada pequena ou ir ao centro de día, baixar os libros ao recreo co Bibliopatio, a organizar as mochilas viaxeiras e hai quen ten tanta enerxía acumulada no corpo, que se apunta a todo, si, lestes ben a TODO. E tamén houbo quen estaba enfermo/a e xa viñeron hoxe para dicir onde preferían colaborar.

Fixemos unha foto pero aínda andamos pendentes de permisos de imaxes, así que en canto estea todo listo, publicarase.

Mentres tanto, ¡¡¡Viva o VOL-A!!!

Bicos mollados

Rosalía 

martes, 16 de setembro de 2025

Chamando ao voluntariado e aos debulladores

 Olaaa,

Temos xa o prazo aberto para que o alumnado de 5º e 6º da Lomba se apunte para entrar no voluntariado da nosa Lagoa. Estou segura de que moitos dos que xa estiveron o curso pasado repetirán e que teñamos novas incorporacións.

O club de lectura Debullando Contos ten así mesmo o prazo aberto e nas aulas de 4º, 5º e 6º da Lomba e nas de 5º e 6º do Anexo. Podedes apuntarvos para poder crear os grupos e comezar canto antes. De seguro que haberá moitos repetidores no club, e iso, é cousa boa.

Déixovos a foto da axenda deste curso que leva na portada o nome do PDI deste curso: "Érase unha vez na Lomba"


 Bicos mollados 

Rosalía