martes, 15 de outubro de 2024

Investigación científica na biblioteca

 Olaaa,

Hoxe o alumnado de 3ºA e 3ºB veu á biblioteca para poder observar células e un montón de cousas interesantes nun microscopio electrónico que nos trouxo Oliver.


Había ás de abella, anacos de ril, de uretras, células variadas e ata trouxo glicerina líquida para poder poñer nós cousas nos portaobxectos e cubreobxectos. ¿E a que non sabedes que miramos? He, he, he, ¡¡Un pelo da barba de Fernando!

  Foi unha experiencia chulísima e aprendimos moitas cousas, porque é ben certo que nos cristaliños non se vía nada a simple vista, pero unha vez posto no microscopio e conectado á pantalla, aquilo parecía maxia.

Eu non quixen perder a oportunidade de usalo, ¿a que se me ve moi científica? 😂

Bicos mollados.
Rosalía

luns, 14 de outubro de 2024

Empezamos a rodar

 Bo día,

A biblioteca xa está rodando, nos recreos o uso é intenso, xogos, busca de información, lectura...



E o bibliopatio xa arrancou tamén, o voluntariado leva os libros ao patio e así podemos combinar dúas cousas bonitas, ler e estar ao aire libre. ¿que máis podemos pedir?


E outra parte do voluntariado está xa coa decoración da biblioteca, que antes de que nos deamos conta temos o Samaín enriba.🎃🎃🎃

Bicos mollados.

Rosalía


venres, 11 de outubro de 2024

Arranca o noso Club de Lectura "Debullando Contos"

 Olaa, que contenta estou!

Non o ides crer, este ano temos 11 grupos de club de lectura, si, lestes ben, 11 e ademais un deles é no Anexo, por fin empezan a debullar tamén alí.

Onte na Lomba comezamos polo grupo de manga/banda deseñada de 6ºA. Neste curso o libro elixido foi "Idol" de dúas rapazas  pontevedresas Alba Chan e Ene, que gañaron a quinta edición do premio de banda deseñada O Garaxe Hermético, que publica Xerais. Unha sorte, porque ata o de agora o que lían era sempre en castelán, pero xa podemos meter o galego neste apartado do club.



No Anexo comezaron hoxe e o libro elixido é un clásico que non pode faltar, "Escarlatina, a cociñeira defunta" de Ledicia Costas, moi apetecible pois xa se vai achegando o tempo do Samaín.

Vese que lles prestou a elección do libro, que as súas caras ben o transmiten.


Bicos mollados.

Rosalía



mércores, 2 de outubro de 2024

¡¡Viva o voluntariado!!

 Olaaa,

¡¡Mi madriña, que ansias!! O voluntariado ven pisando forte este ano, seguramente porque como o curso pasado fomos seleccionados entre os dez mellores voluntarios da Galicia, este ano non queren ser menos.

O primeiro día de curso non, que entre as actividades que se organizaron, saber quen era o profesorado de cada aula e demais, non houbo tempo, pero o segundo día, xa estaban no recreo, na porta de Mariel preguntando cando ían empezar , he,he,he. Nin respirar le deixaron á pobre.

E hoxe, despois de repartir os "contratos" e de recollelos, por fin houbo a primeira xuntanza. Nesta falouse do papel que ten o voluntariado e as diferentes cousas que se poden facer, para que así todo o mundo puidera seleccionar as actividades que máis lles prestan e que así repartir as tarefas.

Uxía fixo de modelo para que así o alumnado de 5º e o novo de 6º vise como usamos os petos para ser recoñecidos como alumnado voluntario.

¿Como vos quedades, eh? ¿A que non esperabades tanto alumnado? 42 Voluntarios e voluntarias!! Pois boa falta que nos vai facer, pois este ano cambiamos de programa de xestión da biblioteca, imos deixar atrás o Meiga e pasar ao Koha, e imos ter moiiiiiiiiiiiiiitisimo traballo.

Bicos mollados.

Rosalía