venres, 3 de marzo de 2023

Unha grande visita

¡¡ Olaaaa!! ¡¡que sorte tivemos hoxe!! Como xa vos contara, os voluntarios da biblioteca estaban a preparar dous contiños para lles ler aos rapaces e rapazas da Escola Infantil Municipal e hoxe foi o Gran Día.

Viñeron en dous turnos, e dous turnos de voluntarios/as tivemos tamén. Como a gardería está ao ladiño mesmo do edificio da Lomba viñeron dando un paseiño e despois unha escalada, porque xa sabedes que a biblioteca está no 1º piso. Coma os nosos voluntarios/as valen tanto para un roto coma para un descosido, axudaron a que a ascensión non fora tan complicada (que sorte teño con eles/as😁)

A profe Mariel contoulles quen era eu, Rosalía, a ra que le poesía, que xa sabedes que a min escribir e ler o que faga falta, pero falar, e falar diante de tanta xente dáme un pouquiño de vergoña. Despois presentou os contos que ían contar: "El libro de las familias" coas piruletas que prepararon os de 5º do Anexo e o conto que se representou en vez de ser lido. Cunha pelotiña nunha quenda e comigo noutra, os da gardería foron dicindo o seu nome para que así xa nos coñeceramos un pouquiño máis, e igual que no conto "O día das apertas" acabamos dándonos grandes apertas.


A profe Mariel tamén lles contou un conto, ben, contar, contar... é que era un conto moi especial, porque é para ler pero tamén para xogar e cos dedos da man, no burato que había no medio, completou a historia do conto "Animales a mano".

Ao rematar eses contos, os nosos invitados quixeron ser eles os que elixiron os contos, e indo a outra sala da biblioteca, xa todos mesturados, profes, voluntarios/as e rapaces e rapazas estiveron cos contos que aquí enchen a miña lagoa. Como desfrutamos, eu non perdín comba e ata lin algún libro con algún dos amiguiños e amiguiñas que nos visitaron.

Pero todo o bo remata, e eles tiveron que volver ao seu colexio. De novo os voluntarios e voluntarias axudaron a que baixasen as escaleiras. de recordo da súa visita, levaron un marcapáxinas, claro, ¡¡que mellor agasallo para quen quere ler!!

Creo que lles gustou a visita, que algún xa nos dixo que mañá volvía. Para os que queiran repetir, o martes 7 teremos o colexio aberto pola tarde así que están convidados a repetir.

Aquí queda o vídeo da visita con anaquiños das historias contadas. Quérolle dar as grazas ao voluntariado tan riquiño que teño na miña lagoa e as profesoras da escola Infantil Municipal por aceptar a nosa invitación e vir coñecer a biblioteca, que non está feita soamente de libros, tamén de calor e cariño que se nota cando estás dentro. ¡¡¡GRACIÑAS!!!

 

Bicos mollados.

Rosalía

Ningún comentario:

Publicar un comentario