xoves, 19 de decembro de 2024

Recomendacións lectoras Nadal 24

 Boas noites,

Aquí quedan as recomendacións deste Nadal, aproveitádeas.


E rematamos esta publicación con ganas de felicitar as Festas a toda a comunidade educativa gracias a este vídeo tan chulo que se montou coa colaboración do alumnado e os nosos mellores desexos.

Bicos mollados, vémonos en xaneiro, sede bos.

Rosalía

Xa no límite das vacacións de Nadal

 Ola!

O pequeno grupo mixto de lectura que estaba a levar Irene, levou hoxe o segundo título deste curso: "El club de los raros" de Jordi Sierra i Fabra. Despois da primeira lectura querían un libro un pouquichiño máis longo, e pareceunos que este lles ía prestar. O seu compañeiro non estivo na reunión, esperemos que veña buscalo para poder aproveitar as vacacións para lelo con calma.


Bicos mollados.

Rosalía





mércores, 18 de decembro de 2024

Visita ao centro de día

 Olaaa!

Chegou o día e fomos de visita ao centro de día, e digo fomos, porque desta volta eu tamén fun. ¡¡Xa lle tiña ganas!! 

Despois de ter ensaiado nos recreos e preparar dúas panxoliñas e máis o canto de Reises de Bendollo, xuntámonos e pese a choiva, achegámonos aló.


Presentámonos, algunhas persoas do voluntariado xa estivera alí o curso pasado, e dixéronlles que lles gustara tanto que por iso repetían, e outros que esperaban para o ano repetir tamén. ¡¡¡A visita!!! Non de curso!!! Presentáronse eles tamén e nos contaron como é o seu día a día, quen se encarga de cada cousa, como de coidar a uns paxaros que teñen alí, poñer a mesa, escribir o menú, facer ximnasia (aínda que case sempre sentados, que xa teñen unha idade!)... Dixeron que nos escoitan cando é o recreo, que montamos moito barullo, pero que é normal, para iso son os recreos.

Tocounos cantar as panxoliñas, unha foi en inglés, "We wish you a Merry Christmas" e outra en castelán "Era Rodolfo un reno". Debemos de lles gustar que nos aplaudiron moito.

O voluntariado fixo nas súas casas unhas felicitacións e as levamos para darllas, había auténticas preciosidades e as mensaxes de dentro máis bonitas aínda, case choro!! 

 Eles déronnos unha para a biblioteca e antes de rematar a nosa visita, cantamos a dos Reises, con coreografía e todo!


¡¡Que ratiño máis xeitoso pasamos!!

Ao volver ao colexio fixemos unha parada "técnica" na biblioteca e levaron o seu aguinaldo para as aulas. Canto me prestan estas rapazas e rapaces do voluntariado. 💓💓💓


Bicos mollados.

Rosalía




luns, 16 de decembro de 2024

Días da semana

 Olaaaa,

Vouvos presentar un pequeno traballo que fixo parte do alumnado de 3º sobre refráns, ditos e rimas que teñen que ver cos días da semana. Quedoulles moi cuquiño, ¿non si?

Bicos mollados.

Rosalía


venres, 13 de decembro de 2024

Gusto pola lectura

 Sei que parece que nos estamos a repetir, pero é que neste colexio o gusto pola lectura está por todas partes. 

O alumnado de 4º levou os libros de Super Mario que Fernando lles presentou, para casa. Estaban emocionados, porque era a estrea do club de lectura de banda deseñada nese grupo, que o curso pasado aínda non podían participar.



As súas caras xa o din todo, non teño máis que dicir.

Bicos mollados.

Rosalía





mércores, 11 de decembro de 2024

Os escornabots repasan ciencias sociais

 Olaa, así como o ledes, os escornabots do centro, coa axuda do alumnado de 3º da Lomba, estivo a repasar ciencias sociais.

Traballaran os diferentes tipos de auga que hai na Terra e como se lles chama ás diferentes formas en que a atopamos. Cos nomes postos nos diferentes taboleiros, fixeron que os robots se desprazaran dun lugar a outro co que tivera relación. Eu tamén botei unha man e din a miña opinión. Foi unha mañá moi divertida, e o que é mellor, prometen volver😉









Bicos mollados.

Rosalía

luns, 9 de decembro de 2024

Preparación para Nadal

 Xa comezamos coa decoración do colexio e por suposto das bibliotecas. Entre as actividades que temos deseñadas, coa axuda imprescindible do voluntariado, está visitar de novo o centro de día, e acompañar ás persoas que están alí.

 Para iso precisamos ensaiar, que as cousas non saen sen traballo previo, así que aquí no recreo, podemos observar como preparan as cancións e as mensaxes que lles imos levar, porque é tempo de compartir, non so cousas materiais, que están moi ben, pero ás veces esquecemos o que realmente é importante, o noso tempo.

Tamén está o expositor preparado para poder levar para casa libros desta temática aínda que entre poñelos e ir sacar a foto xa nos levaran algún👀

 Bicos mollados.

Rosalía

Hai que mercar libros en galego

 ¿Que lle pasou a esta ra que se pon tan mandona? Pois que acabo de ver un vídeo preciosísimo que fala da nosa cultura, dos nosos libros e historias e de que so se merca en galego un 8 por cento dos libros que se venden. Temos que ser quen de superar esta porcentaxe, eu ola miña banda estou mercando cousas moi bonitas para a nosa lagoa, e as recomendacións deste Nadal van ser maioritariamente en galego.

Déixovos o enlace para vos terminar de convencer. ¡¡Moito por ler!! --> M8 por ler!!

Bicos mollados.

Rosalía


Visita á Biblioteca Pública Municipal de Vilagarcía

 O alumnado de 4º do edificio da Lomba, aproveitou esta mañá para ir de visita á biblioteca municipal. Coñeceron as novas instalacións da mesma e alucinaron coa nova sala de lectores infantís. Moito máis grande e luminosa que cando esta na rúa Alcalde Rey Daviña. Alí estiveron mirando unha chea de libros, algúns xa os temos na nosa biblioteca, pero hai outros que non, por iso é bonito ir polas bibliotecas da vila.

Non puideron visitar o resto das instalacións, porque é época de exames e hai moita xente estudando, xa sabemos que normalmente nas bibliotecas non se pode facer barullo, pero nestas ocasións hai que ter aínda máis coidado, para non molestar aos demais.

Ensináronlles os modelos para cubrir e facerse socios da biblioteca e a profesora Patricia trouxo uns poucos por se alguén quere levalo para casa e despois achegarse ata alí. Ser socios das bibliotecas é unha das cousas máis bonitas que hai. ¡Que vos vou dicir eu, que vos teño a todos como socios da miña lagoa!! he, he.



Bicos mollados.

Rosalía


sábado, 7 de decembro de 2024

Non paran de ler!!!

 Olaaa,

Pois si, ¡¡¡a rapazada toda apuntada no club de lectura está entusiasmada!!

O día 3 reuníronse parte dos de 5º con Fernando para levar o libro "Detective Connan"  Alucinaron de cando se decataron de que en Galicia foramos pioneiros en ver o anime destes libros. Tamén viron uns vídeos onde sae unha cantante "Pauliña" que canta a canción introdutoria da serie en galego. O de Sherlock Holmes soáballes, pero aprenderon que o autor do libro, púxolle este nome ao detective coma unha chiscada de ollo ao seu escritor, Sir Arthur Connan Doyle. ¿Quen dixo que no club de manga e banda deseñada non se fai máis que ler?


Tamén os de 5º pero de literatura (algúns están nos dous, do que lles gusta ler), reuníronse con Mariel o xoves 5 para falar de "Plan de rescate" de Antía Yañez. Á maioría encantoulle, pero como ben falamos sempre, non a todo o mundo lle ten que gustar o mesmo, afortunadamente. No que si estaban de acordo en que o principio foi un pouco raro e pensaron que aquel libro non lles ía emocionar, pero claro, desapareceu unha profe e aí xa se animou máis a festa, he, he.

 


Non quixeron agardar á seguinte sesión para levar un novo libro, dixeron que ían aproveitar as vacacións de Nadal para adicarse á lectura. Como o libro elixido foi "Harry Potter e a cámara segreda" de J.K. Rowling e ten bastante para ler, todo o mundo estivo de acordo en que era unha moi bos idea.

E diredes vos, ¿que pasa cos de 4º? ¿Non se reúnen? Claro que si, ho, pero esqueceron facer a foto, falaron tanto, tan entusiasmados do seu libro, de estar nun club, das partes que lles fixeron máis gracia e das que non. Comentaban como era posible que con tantas cousas diferentes que podían ter saído mal, ao final todo saíu ben. Si é que Dona Problemas é unha artista resolvendo todo. Mariel ensinoulles a continuación  deste libro,  que ten aínda por catalogar, e se era posible que o fixese rápido, para así seguir lendo as súas aventuras. Penso que si que lles ha de facer caso, porque ante unha petición para seguir lendo... quen tenta parar o mar...!!😁

Os de 6º estanse a reunir coa profe Alba e aproveitan que teñen o recanto de lectura xusto ao lado das portas da súas aulas, que xa nin baixan á biblioteca, para así poder falar un chisco máis. O libro elixido é "Varetai, Protectora de espíritos" de Alba de Evan. Moito lles presta esta lectura, xa nos dirán como remata o conto, e nunca mellor dito😉

Bicos mollados.

Rosalía

sábado, 30 de novembro de 2024

25N no Auditorio de Vilagarcía

 Hoxe 29 de novembro, a meirande parte dos centros de ensino de Vilagarcía, reuníronse no Auditorio para dar voz as personas que sofren violencia de xénero.

Fora, cunha gran pancarta manifestámonos, e dentro, parte do alumnado da Lomba (unha representación dos cursos de primaria), fixo un baile espectacular. Coa canción "Barre vasoira" de As fillas de Casandra deixaron ao Auditorio en pe. Aquí podedes velos e dicir se estou confundida ou non.


Bicos mollados.
Rosalía

mércores, 27 de novembro de 2024

O Magosto de 3 anos A

¡¡¡ Mi madriña o que tal traballaron nesta aula!!!

Esta cativada estivo traballando o esquema corporal, como é o nosos corpo, que partes o forman, as partes das cara e as extremidades. Como estamos no outono, tamén aprenderon que cousas atopamos na natureza, as castañas, sementes, follas caídas das árbores, pauciños... e con todo iso xunto, fabricaron os seus bonecos de outono.

Moito traballo, ¿a que si? Pois iso non foi todo, no seu "laboratorio creativo" e coa axuda das mestras, cadaquén elixiu como facer que os seus bonecos cobraran vida. Cantando a canción "Aí vai unha" montaron o vídeo tan chulo que vos poñemos aquí, ¡como presta velos e escoitalos!😍

Bicos mollados.

Rosalía


martes, 26 de novembro de 2024

25N no Anexo

 O alumnado de 6°C dirixidos pola súa titora Carmen, bailou e interpretou unha canción "Ni una más" de Aitana Ocaña e presentaron distintas mensaxes para celebrar o 25N.

 


Para finalizar o acto, uníronse a eles os alumn@s de 5°C, todos xuntos mostraron unha pancarta na que se lía "STOP VIOLENCIA DE XÉNERO". Desfilaron "berrando" "nin unha máis" porque o que realmente lles gustaría a todos e todas elas, así como a min, sería non ter que visibilizar este día e que desaparecera do noso calendario.

Bicos mollados.

Rosalía

 

xoves, 21 de novembro de 2024

Idol!

 Olaaa!!

E haberá quen se pregunte que que é iso de Idol!... pois o alumnado de 6º da Lomba que pertence ao club de lectura de manga e banda deseñada, NON.


 Tivemos a sorte de que se achegaran ata o noso centro as súas creadoras para poder falar do seu libro, Ene e Alba Chan.

Foi unha charla boísima e eu estiven en primeira fila para non perder detalle. Trouxeron unha presentación onde contaron como hai que facer para debuxar a banda deseñada, tipos de cómics, debuxar a man, con tableta gráfica, co ordenador... e tamén nos mostraron como debuxaban elas de pequenas e como foron evolucionando e a cantidade diferente de estilos e formas de debuxar segundo o que queiras transmitir, incluso como a cor empregada vai facer que sintas cousas diferentes ao ler. 

Por suposto non nos puidemos resistir e a pregunta da que todo o mundo quería resposta era: ¿vai haber segunda parte, terceira..., vai haber algún romance? e elas contestaron👏👏👏 Tivemos a primicia destas respostas!! ¿queredes saber cal foi? Pois... foi unha exclusiva para os e as integrantes do club de lectura!! Non podemos contar nada,😏😏🙊 algunha vantaxe temos que ter os integrantes de Debullando Contos, ha, ha, ha.😉

Animaron a que se atrevesen a debuxar, pois so debuxando consegues mellorar e asinaron, que digo asinaron, debuxaron ás personaxes deste libro para cada unha das persoas integrantes deste club e llo adicaron. De feito as mestras de 6º pensaron que houbera un secuestro na biblioteca, pois non volvían a aula. Foi un auténtico luxo telas na Lagoa e eu non me resistín a pedirlles que se fixeran unha foto comigo, para poder presumir. E postos a presumir... o comportamento da rapazada en todo momento foi fabuloso, escoitando activamente, preguntando pero mantendo as quendas de falar, agardando a que lles fixeran os debuxos... si é que teño a sorte de estar arrodeada de xente marabillosa nesta Lagoa.

Bicos mollados.

Rosalía

luns, 18 de novembro de 2024

O Banco da Amizade

 Bo día!!!

Hoxe quero ensinarvos unha preciosidade que argallaron dende a aula de 4ºB. O curso pasado escoitaran falar dunha iniciativa que é ter un banco no patio do colexio onde, as persoas que por calquera motivo estean soas, poden sentarse e quen as vexa alí saberá que están a buscar alguén con quen xogar. Así que se puxeran mans á obra e pintaran o banco que está pegado ao colexio. Claro, chegaran as vacacións de verán e parecía que xa estaba todo feito, pero non. Co comezo do novo curso, fixeron cartaces e foron polas aulas do colexio explicando o seu funcionamento  deixando un cartaz en cada aula para lembralo.


Tamén conseguiron que se pegara o nome do banco e parte dos cartaces. Aquí quedan as fotos e máis un audio para que quen aínda teña dúbidas do seu funcionamento, o poida escoitar de primeira man, ou mellor dito, de primeira orella😂😂








Bicos mollados

Rosalía🌈🌈