Ola, o alumnado de 5º e 6º do Anexo e o de 5ºB da Lomba tivo a
sorte de contar con Paola Guimeráns para aprender cousas sobre os
E-textiles e sobre o pensamento computacional. Dentro das Bibliotecas creativas do PLAMBE ao que pertence o noso centro, podemos ter iniciativas coma esta.
O primeiro grupo, que xa traballara na clase cosendo, para se familiarizar coas agullas, con anebrar e facer nós para que non escape o fío unha vez dada a primeira puntada, aprendeu sobre os circuítos electrónicos, os polos negativos e positivos da electricidade, os fíos condutores para poder coser e que a información chegue, no seu caso, a unhas bombillas leds. Por suposto falamos da importancia de reciclar, de onde desbotar as pilas gastadas, algo que sabemos moi ben de participar en Pilabot e sobre todo na importancia de reducir e reciclar, en facer pezas ao noso gusto. ¿A que quedaron preciosos os deseños desta clase?
Os de 6º traballaron coa placa Microbit e case sen nos dar conta, xa estaban programando como auténticos profesionais. A programación con Make code é bastante sinxela, pois ao facelo por bloques é bastante intuitivo. A placa é moi chula, no colexio non temos, pero co éxito que tivo o taller e o que lles gustou, prometemos dende a biblioteca comprar para poder seguir programando e usando a nosa cabeciña. Mirade se estaban concentrados, que soou o timbre do recreo e ninguén se levantou, continuaron como se lles pegaran o cú na cadeira!!!
En 5ºB traballaron coa placa Makey Makey, destas sí que xa temos na biblioteca e parte do profesorado xa é experto no seu uso, pois como sabedes, os profes tamén traballan para aprender cousas novas, interesantes e atractivas para levar ao cabo cos alumnos/as e que se aprenda dun xeito máis atractivo. A programación neste caso tamén foi por bloques, pero con Scratch. Aí estiveron facer mover ao gato dun lado a outro e acabaron facendo un cómic, con diferentes textos, acentos pero o mesmo modelo. Aprenderon tamén que o grafito, o material co que están feitos os lapis, é condutor da electricidade. Tamén que o noso corpo é condutor, deste xeito tocándonos pel con pel, podemos facer que a nosa programación coa placa funcione. Aquí non había timbre do recreo, ía ser a hora de marchar a casiña ou de baixar ao comedor e case tivemos que sacalos da biblioteca á forza.
A semente está plantada, ¡esperemos que agrome!
O mércores 3, volverá Paola para continuar coa formación na Lomba. ¡¡¡Xa nos tarda!!!
Bicos mollados.
Rosalía
Ningún comentario:
Publicar un comentario