venres, 3 de outubro de 2025

Búscanse debulladores e debulladoras no Anexo

 Olaa,

A profe Patri preparou unha presentación para ver canta xente de 5º e 6º quere unirse ao noso club.

Non me diredes que non queda ben clariño o que hai que facer e sobre todo o que é. Animádevos.










 Bicos mollados.

Rosalía 

xoves, 2 de outubro de 2025

Arrancan as primeiras debulladoras

 Olaa,

Empezamos o noso "Debullando contos" cun grupo de 4º e a lectura "Eu tamén fun pequena" de Concha Blanco

Estas rapazas tiñan un montón de dúbidas sobre como funcionan os clubs de lectura, se tiñan que estar lendo o libro no recreo mentres tiñamos a reunión, se o podían levar a casa, que que pasaba cando o les e non che gusta... unha vez resoltas as súas inquedanzas, e despois de imaxinar que sería o que aprenderían lendo o conto, quedaron moi contentas e fachendosas co seu exemplar. 

Xa nos dirán na próxima reunión se lles gustou ou non.

 

Bicos mollados.

Rosalía 

xoves, 25 de setembro de 2025

¡¡Voluntariado Activado!!

 Boas,

Xa temos ao noso voluntariado disposto a botar unha man ou as dúas na biblioteca. Tivemos onte a nosa primeira reunión no recreo para decidir en que cousas preferían colaborar, porque non todo o mundo gusta de facer o mesmo, hai quen axuda a arrombar os libros, hai quen quere ler os contos á cativada pequena ou ir ao centro de día, baixar os libros ao recreo co Bibliopatio, a organizar as mochilas viaxeiras e hai quen ten tanta enerxía acumulada no corpo, que se apunta a todo, si, lestes ben a TODO. E tamén houbo quen estaba enfermo/a e xa viñeron hoxe para dicir onde preferían colaborar.

Fixemos unha foto pero aínda andamos pendentes de permisos de imaxes, así que en canto estea todo listo, publicarase.

Mentres tanto, ¡¡¡Viva o VOL-A!!!

Bicos mollados

Rosalía 

martes, 16 de setembro de 2025

Chamando ao voluntariado e aos debulladores

 Olaaa,

Temos xa o prazo aberto para que o alumnado de 5º e 6º da Lomba se apunte para entrar no voluntariado da nosa Lagoa. Estou segura de que moitos dos que xa estiveron o curso pasado repetirán e que teñamos novas incorporacións.

O club de lectura Debullando Contos ten así mesmo o prazo aberto e nas aulas de 4º, 5º e 6º da Lomba e nas de 5º e 6º do Anexo. Podedes apuntarvos para poder crear os grupos e comezar canto antes. De seguro que haberá moitos repetidores no club, e iso, é cousa boa.

Déixovos a foto da axenda deste curso que leva na portada o nome do PDI deste curso: "Érase unha vez na Lomba"


 Bicos mollados 

Rosalía 

martes, 9 de setembro de 2025

¡¡¡Voltamos ao colexio!!!

 Olaaaaaa

Que contenta estou de vervos de novo polo centro e como non, polas bibliotecas 😀💕

 

Este ano traballaremos o paso do tempo, ás diferentes culturas conforme avanza a historia da humanidade e o título do noso PDI é: "Érase unha vez na Lomba"

Estamos seguros de que aprenderemos un montón de cousas e que cando remate o curso, nas memorias dos diferentes ciclos e niveis quedará unha boa mostra de todo o traballado.

Estade atentos e atentas, que dentro de moi pouco pasarán Mariel e Patricia polas aulas de 4º en diante para que vos anotedes no club de lectura "Debullando Contos"

E na Lomba tamén pasarán para 5º e 6º por se queredes ser voluntarios desta Lagoa e botar unha man e dinamizar e promover a lectura.

Unha aperta ENORME, como presta estar con vós de novo.

Bicos mollados.

Rosalía 

venres, 20 de xuño de 2025

Fin de festa

 Rematamos o curso con xogos e cunha verbena popular, nunha xornada e convivencia dos dous edificios dentro do recinto da Lomba.

No cartaz de anuncio, como se fan nas festas todo ao longo de Galicia, puxemos as actividades a realizar e as actuacións previstas. Non podía faltar a comida, e xunto cos churros preparados pola Churrería Compostela Racing, houbo tamén unha Foodtruck Dfesta, o que ven sendo unha furgoneta onde se prepara comida para a venda. Neste caso o alumnado non tivo que pagar nada, puideron  tomar un canciño quente, e ata houbo quen tivo sorte e repetiu, mira que correron cando se avisou de que podían repetir!!!


Comezamos cos xogos, continuamos con Yanet Carranza, que cantou de marabilla e fixo que moveramos moito o esqueleto, facendo trens, rodas e como non, unha muiñeira.

Continuamos coa Charanga Xuntanza e os do Anexo marcharon acompañados por ela mentres na Lomba, Dj Alex amenizaba o fin de festa.

Marchamos para casa cunha chapa de recordo para poder lucir no verán e presumir de colexio.

Se premedes aquí, poderedes ver un pequeno vídeo resumo do que foi a xornada. 

Todo o bo remata.

Collede forzas nas vacacións e lembrade que ler tamén é viaxar, para os que non teñades a sorte de movermos e Vilagarcía.

Bicos mollados.

Rosalía 

Chegaron as vacacións

 Olaa,

Este é sempre un día no que se mesturan un montón de emocións, alegría porque chegan as vacacións, tristura porque imos deixar de ver á xente que queremos por un tempo, ou por moito tempo. No caso do alumnado de 6º estamos contentas pola nova etapa que comezan, pero á vez tristeiras porque parte deles son os nosos voluntarios e voluntarias e /ou integrantes dos clubs de lectura. É que son moitas horas as que pasan nesta biblioteca e claro, xa somos da familia.

Como todos os anos, levaron as recomendacións lectoras, pero queremos deixalas aquí por si se traspapelan  ou simplemente por se hai xente que quere saber que recomendamos dende esta lagoa.

Lembrade que aínda que nas vacacións esta biblioteca pecha, as bibliotecas municipais non, e a posibilidade de ler libros por internet está tamén aí.

Agárdovos o curso que ven.



 Bicos mollados.

Rosalía 

xoves, 19 de xuño de 2025

Entrega de diplomas de Voluntariado e dos Clubs de lectura

 Mi madriña!!! Non dabamos feito, esta biblioteca ten moita sorte, está moi, pero que moi viva.

¿A que non acertades co número do alumnado Voluntario? Seguro que non, 31 axudantes da nosa Lagoa, dise pronto. Haber hai máis, pero que axudaron moito menos e non chegaron aos requisitos mínimos que se pide neste programa. Non por iso son menos importantes, pero non levan o recoñecemento pleno.

¿E o número dos integrantes dos clubs de lectura? Aí si que non ides acertar nin de broma... ¡¡89!! si, lestes ben, oitenta e nove. Estamos contando so ás persoas, porque moita desta xentiña, está  no de narrativa, pero tamén no de manga / banda deseñada. Para que digan que a infancia non le, se cadra noutros centros non, pero aquí dende logo que SI.

 Vou poñer unhas fotiños dos días das entregas, non está todo o mundo, xa se sabe, con estes cambios de temperatura houbo bastantes gripes e non saen na foto, pero levar levaron os seus diplomas e pequenos agasallos cos que dende a biblioteca queremos devolver dalgún xeito o cariño que nos dan eles e elas participando nas nosas actividades. Ademais como coincidía cunha nova representación da obra de teatro "Mamasiña, que medo" os actores e actrices tiveron que marchar escopetados unha vez lles din o diploma, é o que ten ser artistas!!

 









Un pracer  ter contado con tanto alumnado implicado.

Bicos mollados.

Rosalía