luns, 27 de outubro de 2025

Bibliopatio

 Olaa,

O noso voluntariado, fiel coma sempre (que non chova), baixou ao patio para que quen queira aproveitar as raiolas de sol e un libro, poida facelo. Aí os temos co carriño e os seus petos tomando nota de quen leva o libro, para que non se traspapele ningún..

 


Bicos mollados.

Rosalía 

xoves, 23 de outubro de 2025

O club de lectura a pleno rendemento

 Olaaaa,

Os grupos van funcionando que da xenio. O único problema é que non sempre nos lembramos de facer fotos. No Anexo temos dous grupos que leva a profe Patricia: un con "Invisible" de Eloy Moreno e outro con "Cuando brillan las estrellas" de Victoria Jamieson, Omar Mohamed

Na Lomba xa se reuniron os do grupo da outra profe Patricia e están a ler "Anna Kadabra: O club da lúa chea" de Mañas Romero Pedro, onde ademais comeron unhas galletas riquísimas que lles achegou a profe, e outros tres grupos que leva a profe Mariel "Idol" de  Alba Chan, Ene, que estiveron no noso centro o curso pasado,  "Eu tamén fun pequena" de  Concha Blanco e "Dona problemas" de  O Hematocrítico.

Quedan aínda grupos por comezar, é que non damos abasto, pero tranquilidade todo o mundo, que habemos de ler. Déixovos unhas fotiños dos días que si que nos lembramos de facelas.

  



Bicos mollados.

Rosalía

martes, 14 de outubro de 2025

Traballiño coas pezas do Kapla

 Ola,

Recreo tras recreo o tempo da para bastante, senón que llo digan a estas rapazas que montaron esta preciosa estrutura coas pezas do Kapla. Isto é ter paciencia e constancia, ademais de sorte de que non viñera alguén despistado e querendo coller un libro, lles desmontara o beo.

Bicos mollados.

Rosalía 

venres, 3 de outubro de 2025

Búscanse debulladores e debulladoras no Anexo

 Olaa,

A profe Patri preparou unha presentación para ver canta xente de 5º e 6º quere unirse ao noso club.

Non me diredes que non queda ben clariño o que hai que facer e sobre todo o que é. Animádevos.










 Bicos mollados.

Rosalía 

xoves, 2 de outubro de 2025

Arrancan as primeiras debulladoras

 Olaa,

Empezamos o noso "Debullando contos" cun grupo de 4º e a lectura "Eu tamén fun pequena" de Concha Blanco

Estas rapazas tiñan un montón de dúbidas sobre como funcionan os clubs de lectura, se tiñan que estar lendo o libro no recreo mentres tiñamos a reunión, se o podían levar a casa, que que pasaba cando o les e non che gusta... unha vez resoltas as súas inquedanzas, e despois de imaxinar que sería o que aprenderían lendo o conto, quedaron moi contentas e fachendosas co seu exemplar. 

Xa nos dirán na próxima reunión se lles gustou ou non.

 

Bicos mollados.

Rosalía